Moda Gallega | Moda Galega : Moda Gallega :
 

Notas de prensa

A GNP-AECT promove a cooperación entre a industria téxtil da Eurorrexión
A Agrupación Europea GNP-AECT, en colaboración con ATP- Associação Têxtil e Vestuário de Portugal e COINTEGA Clúster Gallego Textil Moda, puxo en marcha un Centro Demostrador do textil na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, que foi presentado en Vigo, na sede de COINTEGA (Clúster galego textil moda).

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, destacou o traballo que está a levar a cabo a AECT promovendo a cooperación entre a industria téxtil da Eurorrexión e ofrecendo unha oportunidade para fortalecer e xerar sinerxías que permitan impulsar a innovación, a competitividade e as exportacións dentro do sector téxtil, tan importante a ambos lados da fronteira.

A Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal (GNP-AECT), en colaboración con ATP- Associação Têxtil e Vestuário de Portugal e COINTEGA Clúster Gallego Textil Moda, puxo hoxe en marcha un Centro Demostrador do textil na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, que foi presentado en Vigo, na sede de COINTEGA (Clúster galego textil moda)

Segundo indicou o director xeral, o obxectivo do Centro Demostrador é ofrecer ás empresas do textil moda da Eurorrexión solucións tecnolóxicas avanzadas e adaptadas ás súas características para que da maneira máis eficiente posible poidan incorporar sistemas de venda e xestión que actualmente só están ao alcance das grandes compañías.

Búscase fomentar oportunidades de negocios e de interacción entre empresas de ambos os lados da fronteira, mediante a mellora de procesos entre os distintos compoñentes da cadea de valor sectorial. Estamos, unha vez máis, ante un proxecto concreto, tanxible de cooperación entre Galicia e o Norte de Portugal.

Iniciativas coma esta, promovida pola AECT, serven para promover a cooperación entre a industria téxtil da Eurorrexión a través dun mellor coñecemento mutuo das entidades públicas, das empresas de ambas rexións e dos centros de competencias de apoio ao sector, constituíndo a oportunidade ideal para xerar sinerxías e fortalecer a cadea de valor na área téxtil-moda.

Na súa intervención, Gamallo lembrou que tanto o sector téxtil portugués como o galego están a crecer ao longo dos últimos anos en termos de exportacións, as cales poden ser potenciadas, mellorando e aproveitando as sinerxías entre as empresas, os centros tecnolóxicos, os centros de formación e as demais institucións públicas e privadas da Eurorrexión Galicia e Norte de Portugal. Xa que o sector da moda representa o 11% do PIB galego cunha facturación superior aos 6.000 millóns de euros, hai un total de 500 empresas que dan emprego a máis de 13.000 persoas, e unha forte aporta pola creación de marca, o control da cadea de valor e a internacionalización. Ademais, de que o sector textil achega imaxe de excelencia e modernidade a Galicia, o que xera importantes influencias positivas cara ao resto da economía.

Tamén puxo en valor o labor da AECT, coma entidade que se ten configurado como o auténtico brazo executor das políticas da Eurorrexión, centrada na promoción das relacións transfronteirizas, na valorización e o fomento da concorrencia do tecido empresarial de Galicia e o norte de Portugal e no aumento da cohesión social.

Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal (AECT)

Para os vindeiros anos, os obxectivos e as prioridades da Comunidade de Traballo Galicia Norte de Portugal veñen marcados pola Estratexia Europa 2020, que avoga por un crecemento sostible, intelixente e integrador mediante a implementación de estratexias de desenvolvemento económico e de creación de emprego.

A Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal conta cunha ferramenta esencial, que é a Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal (AECT). Unha entidade que se ten configurado como o auténtico brazo executor das políticas da Eurorrexión, centrada na promoción das relacións transfronteirizas, na valorización e o fomento da concorrencia do tecido empresarial de Galicia e o norte de Portugal e no aumento da cohesión social.


Notas de prensa de moda