Noticias

A FP galega duplicará o inglés e permitirá ao alumnado realizar ata 700 horas de formación en empresa

A Formación Profesional galega contará a partir do vindeiro curso co dobre de inglés do marcado como mínimo na normativa básica estatal e permitirá ao alumnado realizar ata 700 horas de formación práctica, ata un 82% máis que ata o momento. Todo isto mantendo o peso da formación no centro educativo, cuxo profesorado é o piar fundamental do éxito acadado polo sistema galego de FP nos últimos anos. O modelo de FP de éxito tense adiantado e implementado moitos dos cambios que agora o Ministerio toma como sistema a imitar en toda España. Polo tanto a aplicación da nova lei vai ser flexible, de tal forma que en Galicia se manteña a excelencia e se incorporen as novidades.

Así o explicou o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, que avanzou esta mañá en rolda de prensa a nova ordenación destas ensinanzas para os vindeiros cursos, xunto á directora xeral de FP, Eugenia Pérez. Tal e como explicou, o obxectivo é “blindar o modelo de éxito da Formación Profesional galega, un modelo de prestixio, confianza e utilidade que ten hoxe 64.570 matriculados, un 85% máis ca no curso 2008/09, e que conta cunha inserción de practicamente o 100% na FP Dual e de case o 85% no resto de ciclos”.

Román Rodríguez explicou que o Ministerio de Educación leva desde setembro do ano pasado incumprindo o seu propio calendario de implantación da nova lei de FP. “A menos de cinco meses para que comece o curso, o Ministerio aínda ten sen publicar a modificación do Real Decreto de Ordenación da FP, que tiveron que mudar polos seus erros e contradicións, e os reais decretos complementarios de actualización das titulacións”, sinalou.

Deberes feitos

“Estamos a falar de que o Ministerio ten en vilo a un amplo número de persoas e centros que conforman en Galicia o gran sistema da FP”, explicou o conselleiro, lamentando que os retrasos do Ministerio estean a xerar preocupación en todo este gran sistema de centros, docentes e alumnos.

“Diante desta situación de incerteza, en Galicia optamos por comezar a traballar e xa en xaneiro iniciamos os trámites para a elaboración do futuro decreto que regulará a FP na nosa Comunidade”, sinalou. O incumprimento dos prazos por parte do Ministerio fai imposible a publicación deste decreto para o curso que vén, polo que a Xunta está a elaborar unha orde para regular a nova ordenación da FP nos próximos dous cursos. “É dicir, unha vez máis, temos os deberes feitos antes de que o Ministerio remate os seus, pese a depender deles, dando certezas á comunidade educativa”, destacou o conselleiro. Engadiu, ademais, que “boa parte” dos cambios que introduce o Goberno central na lei son “puro maquillaxe”. “Facer para dicir que se fai, pero desde un fondo descoñecemento de como funciona a FP”, sentenciou.

Novos módulos

O modelo de FP de éxito tense adiantado e implementado moitos dos cambios que agora o Ministerio toma como sistema a imitar en toda España. Polo tanto a aplicación da nova lei vai ser flexible, de tal forma que en Galicia se manteña a excelencia e se incorporen as novidades.

O Ministerio establece na nova lei a eliminación de módulos como o de Empresa e iniciativa emprendedora, o de Formación e Orientación Laboral e o de Formación en Centros de Traballo. O calendario de implantación proposto en Galicia prevé introducir os novos módulos a partir de setembro de 2024 nos primeiros cursos dos ciclos formativos ordinarios, así como nos Programas formativos para persoas con necesidades especiais e nos másteres de FP, e a partir do curso 25/26 tamén nos segundos cursos dos ciclos ordinarios e na oferta modular.

Os cambios realizaranse conforme ao seguinte cadro:

Grao e curso


Módulos novos


Módulos aos que substitúe

FP Básica

Curso 2024/25. 1º curso


Itinerario persoal para a empregabilidade


Novo módulo

FP Básica

Curso 2025/26. 2º curso


Proxecto intermodal de aprendizaxe colaborativa


Novo módulo

Ciclos de grao medio e superior

Curso 2024/25. 1º curso


Itinerario persoal para a empregabilidade I


Formación e Orientación Laboral

Inglés profesional




Módulo xa presente en Galicia en todos os ciclos de FP Dual e nos títulos implantados desde 2019

Sustentabilidade aplicada ao sector produtivo




Novo módulo

Ciclos de grao medio e superior

Curso 2025/26. 2º curso


Itinerario persoal para a empregabilidade II


Empresa e iniciativa emprendedora

Dixitalización aplicada ao sector produtivo


Novo módulo

Módulo optativo


Novo módulo

Proxecto intermodular


Módulo de proxecto (nos ciclos de grao superior)

Inglés profesional (módulo autonómico)




Módulo xa presente en Galicia en todos os ciclos de FP Dual e nos títulos implantados desde 2019

Co novo horario, a FP galega mantén o módulo de inglés autonómico, que xa estaba presente en todos os ciclos de FP Dual e en todos os títulos implantados a partir de 2019, a maiores do novo estipulado polo Goberno central. “É dicir, imos duplicar o inglés na FP respecto do básico establecido polo Ministerio”, destacou o conselleiro, “dando resposta as necesidades do tecido produtivo galego altamente internacionalizado”.

Máxima formación práctica

No referido á formación práctica, establécese a posibilidade de acadar os máximos establecidos pola lei: 480 horas para o grao básico e 700 horas para medio e superior. Ata o momento, os máximos eran de 320 horas na FP Básica, de 410 na FP de grao medio e de 384 na de grao superior. Neste caso, os cambios aplicarase de xeito íntegro a partir do vindeiro curso 2024/25.

O mínimo obrigatorio de 400 horas (para a FP Básica) e de 500 horas (para grao medio e superior) centrarase nos segundos cursos. Nos primeiros cursos, a formación práctica será flexible, con ata 80 horas en FP Básica e ata 200 no resto dos graos e poderá adaptarse a cada alumno (por exemplo os menores de 16 anos non poden facer prácticas nas empresas), situación e tecido produtivo. Ademais, esta formación poderá realizarse tanto na empresa como no centro, en función de cada particularidade.

Román Rodríguez puxo en valor que a FP galega conta coa confianza consolidada de máis de 12.000 empresas que colaboran coa formación práctica do alumnado, “polo tanto, agardamos ter unha gran resposta pola súa parte diante deste incremento de horas”. Ao tempo, salientou que o profesorado vai manter as súas funcións e horario.

A orde abordarase nas próximas semanas aos equipos directivos e á Xunta Autonómica de Directores e, unha vez o Ministerio publique a modificación do Real Decreto de Ordenación e os catro Reais Decretos complementarios, levarase o texto ao Consello Galego de FP e á Mesa Sectorial, co fin de que estea lista coa suficiente antelación para preparar o curso que vén. O encaixe organizativo avanzarase cos grupos de traballo creados para tal fin, con docentes de FP especializados en distintos perfís.

Consolidar o éxito

“Queremos seguir avanzando na consolidación do éxito deste sistema de FP galega, cunha oferta que responda aos intereses da sociedade e dos tecidos produtivos, mantendo o compromiso e a confianza das empresas, potenciando a rede de centros integrados e impulsando unha FP Dual que é un referente para toda España e que ten incrementado a súa matrícula nun 97% en catro anos”, dixo o conselleiro.

“A nova lei de FP copia moitos dos avances da FP galega nos últimos anos. En Galicia imos aproveitar esta vantaxe competitiva para seguir mellorando, no marco da Estratexia de Formación Profesional Galicia 2030”, rematou.

R., 2024-04-26

Actualidad

Foto del resto de noticias (bus.jpg) O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou que o Consello aprobou hoxe a Estratexia galega de Mobilidade, a folla de ruta a seguir ata 2050 para 'garantir uns desprazamentos máis sostibles, seguros e funcionais' que estará dotada de 420 millóns de euros para implantar 'un centenar de medidas'. A estratexia contén un plan de acción que implica as diferentes administracións públicas, a autonómica, a estatal e a local, para facilitar os desprazamentos das persoas e mercadorías, apoiar a competitividade do territorio e transformar os patróns de mobilidade. Preséntase como un instrumento para deseñar solucións que permitan transformar o actual modelo nun máis funcional, sustentable e seguro.
Foto de la tercera plana (economia-porcentaje.jpg) O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, salientou hoxe que o Goberno galego xa adxudicou 985M€ de fondos do Mecanismo de recuperación e resiliencia (MRR) desde a posta en marcha do plan de recuperación. Así, o Executivo autonómico autorizou a publicación de convocatorias por importe de 1.097M€ e adxudicou o 90%, o que supón 'un grado de execución moi razoable', tal e como sinalou o titular da Administración. Segundo o informe analizado hoxe na reunión do Consello, na actualidade, a suma dos recursos do MRR asignados polo Goberno central á Administración galega ascenden a 1.545 M€, o 5,8 % do distribuído entre as comunidades autónomas, o que supón menos recursos dos que corresponderían á comunidade por PIB per cápita.

Notas

A Conferencia de Reitores de Universidades Españolas desenvolve este luns e o martes no Edificio Fontán da Cidade da Cultura as súas XXI Xornadas sobre Internacionalización e Cooperación, organizadas nesta ocasión polas tres universidades públicas galegas. A xornada inaugural presidiuna o reitor da USC, Antonio López Díaz, e contou coa participación dos seus homólogos da Coruña e Vigo, Ricardo Cao Abad e Manuel Reigosa Roger, respectivamente.
Do 6 ao 10 de maio o campus de Ourense acolle a celebración do 12 Taller internacional sobre cambios e tendencias a longo prazo na atmosfera (Trends 2024). Nel participan de xeito presencial ou virtual 77 especialista de 21 países e procedentes de 51 institucións, entre elas a Nasa, o Massachusetts Institute of Technology (MIT), o National Center for Atmospheric Research dos EEUU e as academia de Ciencias de países como China, India e Chequia, ademais de España.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES