Noticias

Rueda presenta ao seu novo equipo de goberno, e destaca que a súa configuración procura a 'excelencia' ante os novos retos e oportunidades de Galicia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, defendeu hoxe a configuración do novo goberno galego do que asegurou que está baseado na procura da 'excelencia' ante 'os novos retos e novas oportunidades' de Galicia. 'Estaremos á altura e empezamos a traballar xa', anunciou Rueda no acto de toma posesión dos doce conselleiros do novo Goberno galego no Pazo de Raxoi, do que asegurou que hai 'vimbios para traballar, incluso mellor do que viñamos traballando ata o de agora, e cuxo labor xa era moi destacable', enxalzou. Con este obxectivo, anunciou que o novo goberno no vai 'perder o tempo' e referendou o 'compromiso real' do novo equipo, ao que cualificou de 'doce mais un', para non defraudar a confianza depositada neles o 18 de febreiro.

Neste senso, comprometeuse a que gobernarán para todos os galegos e galegas; “para os que nos votaron, e especialmente para os que non nos votaron para merecer a súa confianza”.

Deste xeito, Rueda insistiu en que o obxectivo do novo Executivo galego é “superar os gobernos anteriores”. “Agardo que os gobernos que nos sucedan nos superen tamén a nós. Iso quererá dicir que Galicia segue a mirar cara a adiante, que segue progresando e que as persoas encargadas de facelo posible colleron este labor con todas as ganas do mundo”, defendeu.

Agradecementos

Na súa intervención, Rueda agradeceu o traballo realizado polos tres conselleiros saíntes —Ethel Vázquez, Julio García Comesaña e Elena Rivo— dos que gabou os méritos e a capacidade demostrada nas súas responsabilidades ao fronte dos seus cargos na Xunta. “Moitísima sorte alí onde lles leve a vida no que eles decidan”, desexoulles.

Tamén eloxiou a “valentía” amosada por aceptar incorporarse ao Goberno galego aos novos catro conselleiros: María Martínez Allegue, como conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas; Antonio Gómez Caamaño, na carteira de Sanidade; José López Campos, á fronte de Cultura, Lingua e Xuventude; e María José Gómez Rodríguez, en calidade de conselleira do Medio rural.

“A nosa sorte será a sorte de Galicia”

Do mesmo xeito, estendeu o agradecemento por aceptar “continuar” aos oito conselleiros que permanecen no goberno galego: Diego Calvo, Ánxeles Vázquez, Román Rodríguez, Fabiola García, María Jesús Lorenzana, Miguel Corgos, Alfonso Villares e José González, este último como titular da consellería de Emprego, Comercio e Emigración.

A todo o novo equipo desexoulle sorte, ao tempo que lles advertiu: “a nosa sorte será a sorte de toda Galicia”. En todo caso, garantiu que o novo Goberno galego vai traballar para que esa sorte se acompañe de traballo. “Normalmente é unha fórmula que funciona bastante mellor que só coa sorte”, matizou para concluír.

R., 2024-04-15

Actualidad

Foto del resto de noticias (portugal_galicia.jpg) O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, reuniuse esta mañá cos responsables da AECT Rio Minho para coñecer de primeira man as prioridades e os proxectos que ten en marcha este instrumento de cooperación que abrangue 16 concellos da provincia de Pontevedra e 10 da CIM Alto Minho. Esta é unha primeira visita que o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, continuará co resto de AECTs. Deste xeito, está previsto que se entreviste tamén cos responsables da AECT Chaves-Verín, e da futura AECT da Raia Seca.
Foto de la tercera plana (cdc-01.jpg) A Cidade da Cultura volve acoller a colorida e festiva carreira Holi Gaiás, que vai pola súa sexta edición. A proba terá lugar o sábado 8 de xuño nos exteriores do complexo e nesta ocasión contará cun percorrido especial para a cativada entre 4 e 9 anos, a Peque Holi. A actividade lúdico festiva contará un ano máis coa súa tradicional poeira de cores e con animación previa e posterior á proba, con música e coreografías que animarán aos participantes durante a mañá. A carreira celébrase co obxectivo de gozar coa práctica deportiva nun enclave singular como é o Gaiás, coa súa característica arquitectura e co seu gran pulmón verde, o Bosque de Galicia. Está artellada co ánimo de que os participantes o pasen ben durante o percorrido e no fin de festa.

Notas

A muiñeira, que é tanto unha danza tradicional galega como a composición musical que a acompaña, converteuse no século XIX nun “elemento identitario” de Galicia que acompañou o rexurdir político e cultural da época, segundo comprobou Julio Alonso Monteagudo nas investigacións que lle permitiron elaborar a súa tese, ‘Música e identidade galega. Do baile da gaita á muiñeira (S. XVII-XIX)’.
Baixo o título Love Velo, ata finais de maio pode visitarse na entrada do Edificio de Ferro do campus de Ourense unha exposición biográfica arredor da figura de Xosé Velo, que a principios de 1961 dirixiu o secuestro do transatlántico Santa María para denunciar internacionalmente as dúas ditaduras ibéricas. Xosé Velo Mosquera, explícase na exposición, naceu en Celanova en 1916. Membro do primeiro Consello Nacional da Federación de Mocedades Galeguistas, chegou a ser elixido secretario xeral desta organización en 1935.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES