O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou que o Consello aprobou hoxe a Estratexia galega de Mobilidade, a folla de ruta a seguir ata 2050 para 'garantir uns desprazamentos máis sostibles, seguros e funcionais' que estará dotada de 420 millóns de euros para implantar 'un centenar de medidas'. A estratexia contén un plan de acción que implica as diferentes administracións públicas, a autonómica, a estatal e a local, para facilitar os desprazamentos das persoas e mercadorías, apoiar a competitividade do territorio e transformar os patróns de mobilidade. Preséntase como un instrumento para deseñar solucións que permitan transformar o actual modelo nun máis funcional, sustentable e seguro.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, salientou hoxe que o Goberno galego xa adxudicou 985M de fondos do Mecanismo de recuperación e resiliencia (MRR) desde a posta en marcha do plan de recuperación. Así, o Executivo autonómico autorizou a publicación de convocatorias por importe de 1.097M e adxudicou o 90%, o que supón 'un grado de execución moi razoable', tal e como sinalou o titular da Administración. Segundo o informe analizado hoxe na reunión do Consello, na actualidade, a suma dos recursos do MRR asignados polo Goberno central á Administración galega ascenden a 1.545 M, o 5,8 % do distribuído entre as comunidades autónomas, o que supón menos recursos dos que corresponderían á comunidade por PIB per cápita.