Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A devoción popular ao San Vitorio na Provincia de Lugo (I)

viernes, 18 de enero de 2013
A devocin popular ao San Vitorio na Provincia de Lugo (I) Sobre o concepto “devoción popular” hai moita confusión e ambigüidade. Así faise alusión ao catolicismo popular, á relixión popular, á piedade popular, á espiritualidade popular, á fe popular, á relixiosidade tradicional etc. Isto motiva que para P.Toschi resulte dificil definir a relixiosidade do pobo, xa que é todo un mundo de sentimentos, vivencias, ritos, expresións prácticas... (1).
Sen embargo a relixiosidade de cada pobo, como todo fenómeno vivo, presenta as súas características. Cada comunidade ten o seu modo propio de vivir a fe e de manifestala. A relixiosidade popular vai ligada a elementos folclóricos e populares, en canto que son manifestacións da identidade dun grupo. Unha relixiosidade é popular cando se configura con ese pobo e manifesta o seu sentir (2). E parte da cultura, dunha maneira de pensar e de vivir. Polo tanto para analizala cómpre ter presente o pasado e o que na actualidade lle rodea, as circunstancias de lugar así como o estilo das xentes. É popular o que o pobo crea; tamén o que recibe, asimila e fai propio como é o caso da relixiosidade recibida por medio dos devocionarios, misioneiros, estampas, confrarías… (3). De aí que a relixión de cada grupo humano sexa unha especie de colección viva de cantos, ritos e vivencias, que un pobo vai acumulando ao longo da súa historia.
Pois ben, o culto popular a este santo reflíctese, polo que respecta á provincia lucense, nas seguintes comunidades parroquiais que menciono de seguido:

1ª. SAN VICENTE DE CASTILLÓN (PANTÓN)
San Vicente de Castillón é unha freguesía rural, pertencente ao arciprestado de Pantón e á diócese de Lugo, que posue vintetrés entidades de poboación. A efectos civís forma parte do concello de Pantón e da provincia de Lugo.
O San Vitoiro recibiu culto na capela da Hermida, da que non sen conservan restos, aproximadamente ata o ano 1880. Nesa data, o santo foi levado á igrexa parroquial de San Vicente de Castillón, sendo párroco D. José Eiras.
A igrexa, do século XVII, posue unha nave e un arco triunfal de medio punto. Os seus muros son de sillar e, no seu interior, hai tres retábulos. No dereito, salomónico, de comezos do século XVIII, está a imaxe do San Vitoiro (4).
A festividade relixiosa adicada ao santo, celébrase o último sábado e domingo de agosto (5). Actualmente, a veneración ao santo quedou reducida á parroquia e ao concello de Pantón. Non embargantes, hai anos acudían devotos do Saviñao, Monforte, Sober, o Incio, Bóveda, Láncara, Lugo... Algúns, mesmo, viñan na véspera e dormían en casas da parroquia, palleiras, estábulos... Pola curta, onde podían.

Devoción popular
O pedimento máis usual, tanto agora como denantes, está ligado ás doenzas reumáticas. Por tal motivo, os fieis cumpren cunha serie de promesas destinadas a pregar a axuda do santo ou agradecer o favor xa recibido.
En primeiro termo, participan na procesión, que vai ata un cruceiro, do século XVIII, onde se establece o límite entre as parroquias de San Vicente e Santiago de Castillón. Alí, a procesión dá volta e retorna cara á igrexa. A disposición dos seus elementos é como sigue: Ao comezo vai unha freguesa da parroquia, portando a cruz parroquial; logo, as imaxes do San Roque e San Vitoiro, levadas indistintamente por devotos da parroquia, dámbolos dous sexos; e finalmente, os dous cregos que van oficiar a misa solemne e algúns fregueses, colocados sen distinción de idade e sexo.
Ao rematar a procesión, celébrase, námbolos dous días, a única misa que se leva a cabo no recinto sagrado, concelebrada por varios cregos. Antano, oficiábanse misas rezadas dende as dez da mañá ata a unha e media en que se celebraba a misa solemne.
Na actualidade, algúns devotos seguen realizando un “ritual de contacto”, consistente en pasar as súas mans pola imaxe dun San Vitoiro que se encontra colocada nunha mesa ao carón do muro lateral dereito da igrexa. Hoxe, xa non se “pón o santo”, mais, antano, un fregués da parroquia, que aínda vive, coñecido como “Turulas”, fretaba as costas dunha pequena imaxe do santo polas partes doentes de reuma dos seus devotos. Esa pequena imaxe, desaparecida hai uns anos, chegou a ter unha pequena parte das súas costas gastada de tanto fretar.
Hai anos, tamén se levaba a cabo “o ritual de cirvunvalación”, ao redor dunha imaxe do santo, case sempre de xeonllos e con candeas nas mans.
Con respecto ás ofrendas, mentres que nos tempos actuais os devotos aportan esmola en metálico, denantes tamén pagaban misas, que eran oficiadas no transcurso do ano.
Ao finalizar os actos relixiosos, comeza a dimensión profana da romaxe. Unha comisión formada por homes ou mulleres -ano 2005- ademais dos actos relixiosos, planifican unha serie de actividades profanas de cara á freguesía e ao exterior. Así, o venres, á noite, levase a cabo unha pancetada no campo da festa, repartíndose varios kilos deste producto entre os asistentes, que unicamente teñen que pagar o viño. Así mesmo, as orquestras que tocan nestes días, son contratadas coa debida antelación polos ramistas, que tamén proporcionan un lugar axeitado para os postos de venda ambulantes e ás atraccións que acudan á festa.
Finalmente, o lúns, oficiase no campo da festa, unha misa polos defuntos da parroquia. Logo, como remate das festas, celebrase outra nova edición da festa da orella. Os asistentes contribuien cunha cantidade simbólica para axudar aos gastos da mesma.

2ª. SANTA MARÍA DE SAA (POBRA DE BROLLÓN)
Esta parroquia pertence desde o punto de vista relixioso ao arciprestado de Santalla de Rei, na diócese de Lugo e, a efectos civís, ao concello lucense de A Pobra de Brollón. Pois ben, no lugar do San Vitoiro, encontrase unha capela adicada ao mesmo santo.
O recinto sagrado foi restaurado na década dos oitenta do século pasado, polo organismo oficial do Icona. Posúe un pequeno pórtico á entrada, e unha soa nave que amosa unha cuberta de lousas a dúas augas. O seu interior está presidido por un retábulo actual, no que se encontran as imaxes do San Vitoiro, San Bartolomé e a de Sta. Catalina. Durante o ano, estas imaxes gárdanse nunha casa particular da comunidade parroquial.
Sobre a orixe desta capela cóntase a seguinte lenda:
“O San Vitoiro apareceu no cume da pena máis alta do lugar, que hoxe leva o seu nome. Éntón, os fregueses dos barrios máis afastados da parroquia levábano en procesión ata a igrexa parroquial de Saa. Non embargantes, pouco tempo despois, o santo desaparecía da igrexa e aparecía de novo no cume da pena, e así , dunha maneira sucesiva, ata que comprobaron que o santo quería estar unido ó lugar. Polo tanto, decidiron construirlle unha capela nunha pequena campa, que hai por baixo da pena” (6).
A motivación real da aparición do santo debeuse, dun xeito preferente, a que a igrexa parroquial de Saa ficaba lonxe dalgúns lugares da montaña. Por iso, os fregueses destes contornos decidiron, baseándose na aparición do santo, edificar un recinto sagrado nese lugar e, deste xeito, dispor dun acceso máis doado aos cultos relixiosos.

FESTIVIDADE E ORGANIZACIÓN
A festividade do San Vitoiro celébrase o último sábado e domingo do mes de agosto (7). Neses días chegan ao recinto sagrado fieis procedentes de diferentes parroquias do concello da Pobra, e algúns, os menos deles, do Courel e o Incio.
Non embargantes, antano e malia a dificultade dos accesos, acudían romeiros non só dos devanditos concellos, senón tamén de todo o Val de Lemos, Láncara, Sarria, etc. Como sucede con outros pequenos santuarios do interior galaico, o número de asistentes está a diminuir nos últimos anos debido a unha serie de factores: O avance dos medios de locomoción, o aumento do nivel cultural, a influencia dos medios de comunicación social, o acelerado proceso de urbanización...
Dende sempre, a festa do San Vitoiro foi organizada polos barrios de Covadelas, Forgas, Librón, Penadeixo, Pradelas, O Busto e Teixeira. Actualmente, hai moi poucos veciños nestas entidades de poboación, aínda que para a festa do santo acoden outros de diferentes puntos da xeografía galaica e, mesmo, de fóra.
Polo tanto, ademais da axuda permanente dos veciños destes barrios, colaboran, tamén, os romeiros que acoden á festa; as comunidades de montes e o concello, que aporta unha pequena axuda en metálico e, aínda por riba, se encarga da xestión do lixo, da brigada contra incendios e do servicio de protección civil.

Piedade popular
As peticións máis usuais dos fieis están ligadas coas doenzas reumáticas das persoas. Estas motivacións supoñen unha actitude de submisión ao santo, que é considerado como un importante mediador perante Deus. Para manifestar este sometemento ao poder sacro, os ofrecidos en xeral cumpren aquí, o mesmo que noutros santuarios romeiros, cunha serie de prácticas ritualizadas e destinadas a obter a axuda do San Vitoiro ou agradecer o don xa concedido.
Asi, oen a misa solemne da unha da tarde, concelebrada polo párroco da freguesía e outros cregos de freguesías limítrofes. Ao finalizar a misa, participan na procesión, que percorre o campo da festa, para retornar de novo á capela. A súa disposión é semellante á do anterior centro romeiro, presentando como novidade o acompañamento dun grupo de gaiteiros ó remate da procesión.
Outro ritual popular, que adoitan cumprir, é o de “poñer o santo”. Carmen Valcarcel, freguesa da parroquia, é a encargada de poñelo denantes da misa e logo de que remate a procesión. O xeito máis habitual é pasar unha pequena imaxe do santo dende a cabeza ata o ventre, agás se os devotos lle piden que llo pase tamén polas pernas por telas doentes de reuma (8). Mentres leva a cabo o ritual, recita a seguinte xaculatoria:
“Que el Señor / por medio de S. Vitorio, / te proteja y te conceda
la salud del alma / y del cuerpo. Amén”/
Hai anos, o antigo párroco de Saa, e actualmente de Cereixa, poñía algunhas veces o santo, recitando a seguinte oración:
“S. Vitorio glorioso, / por tu inmenso poder, /
bendice a este devoto / en cuerpo y alma. Amén”.
Con respecto ás ofrendas, hoxe predomina a esmola en metálico, que os devotos adoitan entregar no intre de poñer o santo.
Ao rematar os oficios relixiosos, algúns devotos percorren os diferentes postos de venda ambulante, provistos de obxectos diversos, e beben algo no bar, situado no campo da festa.
Logo, acheganse ó espazo idílico, formado polos arroios de Covadela e de Teixeira, onde nun lugar, previamente acoutado cunhas cintas, xantan cos seus familiares e amigos. Ó carón deste fermoso espacio encontrase –segundo Fernández Parada- “o covallo dos cregos”. Trátase dun penedo, no que hai unha cova; no seu interior, está colocada unha mesa de pedra, onde ,antano, os cregos, que viñan a oficiar misas ao San Vitoiro, xantaban.

3ª SANTA MARÍA MADALENA DE BARALLA
A parroquia pertence desde o punto de vista eclesiástico ao arciprestado de Neira de Xusá, da diócese de Lugo, e civilmente ao concello de Barralla, da provincia lucense.
A veneración ao San Vitoiro lévase a cabo na igrexa parroquial, de principios do século pasado, que posue planta de cruz latina con dúas capelas laterais, precedidas por arcos de medio punto. A nave presenta un arco central de apoio da cuberta a dúas augas e uns contrafortes exteriores. O presbiterio, máis elevado que a nave, amosa unha cuberta a catro augas. A nivel decorativo, hai unha serie de retábulos sen valor algún. Un deles, neogótico, amosa unha escultura de San Vitoiro, do século pasado. Non embargantes, na sancristía, hai outra imaxe do santo, máis pequena e do século XVIII (9).
A festividade do San Vitoiro celébrase tódolos anos o día 27 de agosto e os días máis próximos ao fin de semana. Nesas datas acoden ao recinto sagrado fieis procedentes dos municipios lucenses de Becerreá, O Corgo, Lugo, Navia, As Nogais, Pedrafita etc. Os devotos ofrécense normalmente por si mesmos, mais hai algúns casos nos que veñen en nome doutras persoas que, polas súas doenzas, non poden acudir ó santuario. Normalmente, o primeiro día da festividade adoita haber máis fieis que o segundo.

Peticións, rituais e ofrendas
As peticións máis usuais están vinculadas coas doenzas de osos, fracturas...Polo tanto, os devotos veñen pregar á intercesión do santo ou ben a dar grazas no caso de que lles foran concedidos os favores pedidos con anterioridade. Tanto nun caso como noutro cumpren cunha serie de prácticas ritualizadas. Parte delas son as propias da liturxia oficial, mentres que hai algunha considerada como propia da relixiosidade popular.
Entre as primeiras están a de oir a misa solemne a primeiras horas da tarde e a de participar na procesión que segue a esta misa. A procesión, que percorre varias rúas da vila, levaba no 2005 a cruz parroquial en cabeza, e logo ían as catro imaxes que saen tódolos anos, a saber, as imaxes do San Antonio de Padua e María Madalena, portadas en cadansúa anda por devotas, e as do San Vitoiro, tanto o grande como o pequeno, levadas por devotos. Logo, os cregos concelebrantes e algúns fieis mesturados sin distinción de idade e sexo. Como remate, a comitiva contou con acompañamento musical.
Como prácticas populares, compre distinguir o “ritual de poñer o santo”. No transcurso da mañá e logo da procesión, o sancristán da freguesía, cunha imaxe pequena do santo, realiza unha cruz por riba da cabeza dos devotos, mentres pronuncia unha xaculatoria inintelixible para os oíntes. Ao remate, os fieis bican a imaxe e deixan unha esmola en metálico. O carácter inintelixible da oración radica no secretismo, que “os poñentes” deben gardar dende sempre. Segundo Reimondez Gómez, sancristán da freguesía e poñente actual, díxonos que, xa dende pequeño, non recordaba que ningún fregués, incluido o crego, poidese acceder o seu coñecemento. Unicamente se transmitía ó seguinte “poñente” e así sucesivamente...
Por outra banda, os devotos deixan ofrendas, especialmente cartos e velas. Hai anos –segundo D. Antonio, crego de Baralla- traían de ofrenda exvotos de cera, representando ao corpo humano, total e parcialmente - brazos e pernas-, e tamén a animais.
Ao remate dos oficios relixiosos, moitos fregueses participan, tamén, da dimensión profana da festa. É o intre no que cos seus amigos e familiares máis achegados, percorren os diferentes postos de venda ambulantes; toman algunha bebida nalgún bar do feiral ou da vila; se cadra, proban o polvo nalgún dos postos instalados no campo da festa e, finalmente, van xantar cos seus invitados. Á noite, participan da verbena, ben bailando ou reparando como tocan as diferentes orquestas.


NOTAS
1 TOSCHI, P: “Guida allo studio delle tradizioni popolari”, in Serie di Antropología, etonología e religione. Boringheri. Torino, 1974, páx. 24.
2 BOROBIO, Dionisio: Religiosidad popular en la renovación litúrgica. Criterios para una valoración. Phasen 89, Barcelona, 1975, páx. 347.
3 ÁLVAREZ GASTÓN, Rosendo: La Religiosidad popular. B.A.C., Madrid, 1981, páx.18.
4 RIELO CARBALLO, Nicanor: “Castillón (San Vicente). Pantón”, en Inventario Artístico de Lugo y provincia. T. II. M.E.C., Madrid, 1975, páxs. 90-91.
5 No ano 2011 celebrouse os días 27 e 28 de agosto.
6 Reinterpretación dunha lenda existente na comunidade parroquial.
7 No ano 2011 celebrouse os días 27 e 28 de Agosto.
8 Informante: Carmen Valcarcel, fregués da parroquia de Saa.
9 VALIÑA SAMPEDRO, Elías: “Baralla”, en Inventario Artístico de Lugo y su provincia.. T.I., M.E.C. , Madrid, 1975, páxs. 175-177.


SUXESTIÓNS BIBLIOGRÁFICAS
BLANCO PRADO, José Manuel. Religiosidad popular en el municipio de Begonte, Lugo: Deputación provincial, 1993, páxs. 205.
BLANCO PRADO, José Manuel. Exvotos e Rituais nos Santuarios Lucenses, Lugo: Deputación provincial, 1996, páxs. 172, 183, 186.
CASTRO LÓPEZ, Ramón. Reseña histórico descriptiva de la parroquia de Vilar de Ortelle y su comarca, Lugo: Servicio de Publicaiones Diputación Provincial. Ed. Facsímil, 2000, páx. 91.
ELIADE, Mircea. Lo sagrado y lo profano, Barcelona: Ed. Labor, 1967, páx. 112.
GONZÁLEZ REBOREDO, J.M. “DAMIL. Begonte. Capilla de San Victorio”, en Inventario artístico de Lugo y su provincia, t. II. Servicio de Publicaciones del M.E.C., Madrid, 1975, páxs. 284-285.
RIELO CARBALLO, Nicanor. “ CASTILLÓN (San Vicente). Pantón”, en Inventario artístico de Lugo y su provincia, t. II. Servicio de Publicaciones del M.E.C., Madrid, 1975, páxs. 90-91.
VALIÑA SAMPEDRO, Elías. “BARALLA”, en Inventario artístico de Lugo y su provincia, t. I. Servicio de Publicaciones del M.E.C., Madrid, 1975, páxs. 176-177.
Blanco Prado, José Manuel
Blanco Prado, José Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES