Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Conversas con Bieito Santos

martes, 07 de mayo de 2024
O pasado día 26 de abril, na igrexa dos PP Xesuítas da rúa Marqués de Valladares de Vigo, coa asistencia dun numeroso grupo de persoas, tivo lugar a presentación do libro titulado "Conversas do Padre Bieito Santos cura obreiro". Son autores do mesmo, Silvestre Gómez Xurxo e Francisco Domínguez Martínez, edición realizada por SEPT, na sección TESTEMUÑOS. O percorrido vital de Bieito asiste a unha época de cambios relixiosos, políticos, económicos, culturais e de mentalidade tan profundos que con seguridade podemos afirmar que vivimos un cambio de época.

Se a vida ten sempre unha gran dimensión de aventura, nestas circunstancias acentúase notablemente. A infancia de Bieito reproduce o modelo que dominou na inmensa maioría do rural galego despois da Guerra Civil. Abandono e empobrecemento educativo e cultural, miseria económica, unha sociedade atemorizada e triste. Aquela mentalidade autoritaria e ditatorial pretendeu converter a sociedade española nun inmenso cuartel, sumido en pobreza e ignorancia.

Ao longo do libro vaise debullando e debuxando con sinxeleza e claridade a vida do xesuíta, Bieito Santos. Literatura e vida fúndense nunha perfecta e exemplar simbiose de autenticidade que nos acerca á realidade vital do personaxe. Non estamos diante dunha biografía ou dunha extensa entrevista, senón dunha viaxe na compañía de Bieito Santos, que nos ofrece un fiel retrato da paisaxe social de Galicia. Se este é o panorama que ofrecen os centros rexentados pola Compañía, poden imaxinarse como serían os Seminarios nos que non era estraño que matemáticas e ciencias estivesen a cargo dun licenciado en dereito canónico, con estudos de algo das "catro regras e algo de contas". Facían o que podían e entendían.

Coherencia, compromiso, honradez sen límite son actitudes dominantes na vida de Bieito Santos. Sen esaxerar poderíamos afirmar que no obreiro Bieito Santos están tan encarnados estes valores que parecen consubstanciais. A súa autenticidade fai que non sexa doado distinguir se estamos diante dun obreiro cura ou dun Cura obreiro. Realízase aquilo de que ao tempo que construímos obxectos o traballo, tamén, nos constrúe a nós.

Conta Augusto Monterroso que "houbo unha vez un católico, segundo uns, ou un protestante, segundo outros que hai milleiros de anos e asaltado polas dúbidas empezou a pensar seriamente en volverse cristián, pero entroulle o medo de que os veciños imaxinaran que o facía para pasar por gracioso, ou por chamar a atención, polo que sentiuse obrigado a renunciar a tan extravagante debilidade e propósito". Resulta que Bieito tomou moi en serio iso de ser cristián. Ser un servidor, nada de poder nin humano, mellor, mundano, nin relixioso. En tempos de Cristo o poder relixioso estaba nas mans de Anás e Caifás. Expresamente así se di na páxina 83 "Bieito nunca usou da súa condición de cura para buscar recoñecemento ou calquera tipo de beneficio". Destacaba polo seu compromiso, "estivo sempre na trincheira de defensa dos oprimidos, das persoas máis necesitadas. Esta actitude súa inspira inspira unha gran confianza entre as persoas coas que traballa". Todo desde un plano de igualdade, lonxe de calquera paternalismo. De aí nacía a súa auctoritas.

Un test rigoroso para medir a honestidade de calquera actividade humana pode ser esta pregunta: con quen está? A quen serve? Cui prodest? Os poderosos pouca defensa necesitan, deféndense eles moi ben. Pero os débiles necesitan apoio, compañía, solidariedade. O comportamento de Bieito dinos claramente con quen estivo e, afortunadamente, con quen está.

Parece que para san Hilario de Poitiers (315-367), os grandes perseguidores da Igrexa non foran Nerón ou Diocleciano, senón Constantino que cos seus privilexios e beneficios conseguiron o silencio e a complicidade da mesma.

Termino cunha cita de Max Horkheimer: "Deus, e con el a verdade da relixión, non teñen que ver co poder, senón co non-poder que resiste ao poder, e que neste paradoxo da verdade está en xogo a esperanza tronzada das vítimas da historia".
Pin Millares, Xosé María
Pin Millares, Xosé María


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES