Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Percanta que me amuraste

viernes, 19 de abril de 2024
A partir de 1880 e ata aproximadamente o ano 1930, agroma en Bos Aires, Montevideo e Rosario un fenómeno teatral de importantes dimensións. Nestas tres cidades-porto terá lugar o movimento teatral máis importante da historia riopratense que vai acompañado de publicacións nas que se recollen os textos das obras e tamén información sobre o xénero teatral. A literatura dramática riopratenses vai xunto coa historia do momento xa que os autores recollen os acontecementos como fieis rexistradores dos sucesos da vida popular. Os dramaturgos son herdeiros das fontes hispánicas pero constrúen cos seus textos un verdadeiro teatro popular riopratense. Antes os textos eran sobre estranxeiros pero agora as obras incluén, case sempre, a un tano ou a un gayego recén chegado as beiras da Arxentina ou do Uruguai.

É arredor de 1880 cando chegan as primeiras compañías teatrais hispanas que levan no seu repertorio os grandes éxitos dos escenarios madrileños e reciben o aplauso do público. A maioría das pezas que se representan son do chamado xénero pequeño que estaba formado por sainetes, zarzuelas e revistas. A creación que tivo maior éxito e repercusión foi o sainete (axiña se convirte no sainete criollo) que nacera nas terras hispánicas no século XVI e tamén se lle chamaba paso ou entremés. O sainete é unha peza breve, de ambiente costumbrista que retrata e reflicte en tonalidade humorística os aconteceres dos sectores máis populares da poboación. A música nestas representacións posúe moita importancia e por iso foi que permitiu a entrada do tango nas creacións de autores nativos. Son moitos os tangos que obteñen éxito e difusión debido aos centos de representacións dunha obra. Coido que o mellor exemplo é o do tango Mi noche triste (Castriota-Contursi) que Manolita Poli cantou na estrea do sainete Los dientes del perro (Castillo-Weisbach) o 26 de abril de 1918. Un ano antes gravouno Carlos Gardel coa guitarra de José Ricardo (Odeón N.º 18010) e segundo os expertos é o primeiro tango que grava pero non houbo éxito de ventas ata despois que o canta Manolita Poli (tiña 19 anos)centos de veces no sainete.

Percanta que me amuraste
en lo mejor de mi vida,
dejándome el alma herida
y espina en el corazón,
sabiendo que te quería,
que eras vos mi alegría
y mi sueño abrasador,
para mí ya no hay consuelo
y por eso me encurdelo
pa'olvidarme de tu amor.

Os máis coñecidos autores de sainetes son moi prolíficos en obras estreadas. Temos a Carlos Mauricio Pacheco con máis de 70 obras e a González Castillo con arredor de 90 e a Alberto Vacarezza con 120 e a García Velloso con 140. A forte demanda fai medrar as infraestructuras pois en 1911 son 21 salas e logo en 1925 pasan a 32 e en 1928 xa son 43. Tamén aumenta o número de espectadores que pasa de dous millóns e medio anuais en 1889 a máis de seis millóns en 1925. A popularidade destas representacións está na boa síntese de elementos que o pobo atopa nestas obras teatrais xa que os espectadores sinten que son partícipes xa que no escenario o sainete fala dos seus problemas cotiáns. Os dramaturgos non esquecen que Bos Aires e Montevideo están sendo invadidas por milleiros de emigrantes europeos. Cando os cidadáns asisten ao teatro poden rir coas personaxes que representan aos distintos grupos de recén chegados e sempre no escenario un actor ou actriz fai de gayego ou de tano ou de turco (árabe do Líbano ou Siria). O que sucede enriba do escenario é o mesmo que están a vivir a cotío cos seus viciños. Os sainetes como indica o historiador Marcelino Fernández Santiago "a pesar do seu carácter caricaturesco e burlesco, aproximan a realidade do emigrante, xa que representan as dificultades dos inmigrantes para insertarse na nova realidade social".

A literatura dramática de corte cidadá é unha testemuña realista sobre a incorproración -entre drama e sorriso- de milleiros de europeos nos centros urbanos riopratenses. O sainete crioulo documenta con veracidade a instalación do emigrante na cidade e a súa nova temática renova os antigos motivos hispánicos. Agora temos algo máis que uns simpáticos chulos madrileños xa que a cancha urbana se achegan os guapos, taitas, malevos, minas e os compadritos que envoltos na música dunha milonga ou dun tango, entran en loita con gayegos e tanos. A fórmula básica dunn sainete aparece perfectamente definida na obra La comparsa se despide de Alberto Vacarezza do ano 1932:
un patio de conventillo,
un italiano encargao,
un yoyega retobao,
una percanta, un vivillo;
dos malevos de cuchillo,
un chamullo, una pasión.
Suárez Suárez, Manuel
Suárez Suárez, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES