Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A sabenza das masas

viernes, 19 de abril de 2024
O equívoco dos termos tamén abre horizontes de proveitosas reflexións, e este das "masas", nos seus xogos semánticos, social e psicoloxicamente, non parece quedarse curto, se non se lle regatea a debida atención. (Evidentemente, non vou referirme á "masa" na Física). Pero, aínda que non sexa máis que para situarse adecuadamente, creo que non sobra aquí unha definición da mesma que delimite as miñas modestas, e discutibles, referencias.

É imposible pensar sobre as masas, social e politicamente consideradas, sen traer ó recordo os estudos de Ortega e Gasset; mais na actualidade parece que deveu preceptivo ter presente a definición que nos da o sociólogo francés Gustave Le Bon, recollida en Wikipedia. Esta definición, en tradución ó galego, é do seguinte tenor: "Unha agrupación humana pensante cos trazos de perda do control racional, maior xestación, contaxio emocional, imitación, sentimento de omnipotencia e anonimato para o individuo". E entre as súas características conta cun liderado, persigue un fin común, xera un certo sentido de pertenza e acatamento, predominio da unidade e do anonimato, homoxeneidade, etc.

Pero isto non debería levarnos a pensar que antes da modernidade e dos nosos tempos non existían as masas. Aquí Ortega, nas páxinas 101 e 102 do T. V, das súas Obras Completas, infórmanos de que no mundo antigo xa ten lugar unha propaganda sobre masas como tales, xa que desde as alturas das sociedades se ve pulular nas súas profundidades multitude de homes estraños, vestidos de bastos saiales, cunha estaca na man e un embornal ao ombro, reunindo xente popular e gritando diante dela. Sigue facendo alusión a outros tempos, como Roma, o século XIV, XV, XVI... Naturalmente, cada etapa ofrece as súas particularidades adecuadas contextualmente.

Así, no século XIV, a desesperación da vida levaba a volver ao revés as valoracións: Se a riqueza non proporcionaba felicidade, entón faríao a pobreza, e se a cultura e a sabenza non despexan as dificultades e non resolven os problemas, haberá que abrir horizontes á ignorancia. E no século XV, Nicolás de Cusa, autor do famoso libro "De docta ignorantia", dinos que só quen poda acadar un profundo coñecemento dela pode aspirar a unha perfecta sabenza, xa que a verdade só brilla na escuridade da ignorancia; pero tampouco esquezamos a Sócrates, quen, mentres os seus contemporáneos soñaban saber algo, el partía só de saber que non sabía. E, neste proceso social e político, incluso se empezaba a incoar aquilo de que se os homes non acertamos, hai que abrir a cancela ás mulleres. Miren por onde nos nosos tempos estamos aprendendo esta lección, que nos imparten as masas de mulleres saíndo a rúa. ¿É posible que isto nos leve a pensar que a sabenza das masas radica na sínteses da ignorancia consciente que se saben os integrantes?.

Agora, frecuentemente, os intelectuais dedicados a esta temática soen remitirse á obra do xornalista americano James Surowicki, titulada 'The Wisdom of Crowds' (A sabenza das multitudes), na que se argumenta que os grupos están menos suxeitos aos prexuízos derivados da imitación dos que nas sociedades se coñecen como expertos, seguindo a crenza daquilo de que a suma de ignorantes non da por resultado un sabio, igual que, matematicamente, os sumandos de valor cero non arroxan unha cifra significativa; pero isto non é aplicable as masas e agrupacións, que son capaces de construír organizacións desvinculas de influxos externos. Criterio este que, estendido ás agrupacións partidistas, proporciona un medio para xulgar o vicioso funcionamento das mesmas, habitualmente vinculadas a un centralismo antidemocrático e, non poucas veces, cun descarado nepotismo xerador de actitudes de signo ditatorial.

E como fago referencia ós partidos, cuxa situación candente na actualidade no noso país pode dar lugar a pensar que utilicei o criterio só para xulgalos negativamente, considero que debo aclarar que os estudosos tamén proporcionan elementos de xuízo para formar a sabenza das agrupacións e masas, destacando a positividade da diversidade nas opinións dos integrantes e a independencia da mesma, non entregándose irreflexivamente a outras opinións, por documentadas que semellen, e, a mesmo tempo, seleccionando os propósitos centralizadores, e valorando ata onde as propias opinións contribúen a acadar os principios e obxectivos políticos, económicos, de solidariedade e cooperación da agrupación a que pertencen.

Non obstante, tampouco hai que esquecer os fallos que poñen en dúbida as decisións das masas, como a entrega irreflexiva a un membro considerado máis capaz, tendo en conta que a universalidade da capacidade do mesmo non implica a da súa aplicación en cometidos concretos; igualmente unha descoidada e caprichosa descentralización pode levar a unha división incompatible coa unidade que esixen os grupos e masas. E aquí tamén é mester evitar os impulsos que levan á emulación, porque, ademais doutros inconvenientes, debilita a propia achega. Freud afirmou que os individuos dentro da masa están ligados nunha unidade, porque hai algo que os move, e esa unión caracteriza a masa. Así, pois, axustar os comportamentos a todo o aquí explicado, mantendo sempre esa característica da unidade, comporta o establecemento de equilibrios racionalizados que tamén eviten o gregarismo.

Sobre a sabenza das masas existen probas documentadas como a dun intelectual que rebateu o aserto relativo aos sumandos cero, aplicados ás masas. Trátase de Francis Galton, famoso estatístico británico, quen parece confirmar que "catro ollos sempre ven máis que dous", precisamente xuntando un numeroso grupo de persoas, con formación cultural heteroxénea, e levando á presenza delas un boi, para que cadaquén delas anotara o peso que lle calculaba. Así, coa media de todas as estimacións individuais, obtivo o peso moi aproximado do animal. Sen dúbida, aquí a diversidade arroxa maior exactitude que as apreciacións dos repetidores por imitación doutros membros integrantes do grupo, que dificulta a emerxencia da auténtica decisión do mesmo en canto tal.

¿Podemos deducir de todo o exposto que as tan criticadas manifestacións públicas de grupos correctamente organizados, reivindicando decisións ás institucións e organismos pertinentes do Estado, son acredoras a que se lles dispense a correspondente atención ós obxectivos que propiciou a súa presenza na rúa?. ¿Debe renderse tributo a súa sabenza, non sempre convenientemente valorada?.

Como sempre os necios poden facer máis preguntas que as que poden contestar sete homes sabios, como di o adagio, permítanme non caer nesta necidade, adiantando a miña modesta resposta: Se partimos do suposto, descoñecido para os narcisistas, de que a verdadeira soberanía radica no pobo, e consideramos que as masas e agrupamentos, debidamente organizados nunha manifestación na rúa, evidencian que un órgano do titular desa soberanía sufre algunha inxustiza causada por fallos nas decisións das estruturas dos poderes estatais, polo menos, necesitará constitucionalmente as pertinentes atencións dos que ostenten eses poderes por legal decisión soberana, en función representativa.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES