Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Moncho Borrajo cun feixe de viñetas

viernes, 12 de enero de 2018
Testemuñas da memoria
Moncho Borrajo cun feixe de viñetas

Xa apareceu nesta sección de Testemuñas da Memoria o día 7 de setembro de 2015, vai para dous anos. É máis, foi a segunda reportaxe Moncho Borrajo cun feixe de viñetasque fixen. E asomou baixo o título de "A gabardina de Moncho Borrajo". Volve aparecer porque é un personaxe famoso (unha paréntese para comentar que cando empecei con estas reportaxes e falaba de xente que ninguén coñecía, eses ós que eu lles chamo heroes anónimos, alguén me comentou que debería escribir sobre xente popular, sobre xente famosa; creo que mesturo a uns e a outros). Digo que volve aparecer porque é coñecido, porque é veciño e porque é amigo. Certo que teño uns cantos ou incluso moitos con estas tres derradeiras características; pero se sae unha vez máis Moncho Borrajo, e a pesar de todo iso, é porque o día 12 de xuño, luns, as oito da tarde, no Liceo Ourensán presentou o libro "Escolma do humorismo gráfico de Moncho Borrajo".

No título xa se deducen dúas cousas, dúas afeccións, dous traballos: que é humorista (a súa faceta máis coñecida) e que é debuxante ou caricaturista ou retratista. A proba é que unha vez ata o propio Quesada, nunha presentación que fixo do molgués, chegou a chamarlle impresentable, no bo sentido da palabra: "Moncho Borrajo é un impresentable... porque non sei como presentalo", en referencia, por suposto, ás múltiples actividades que leva a cabo: deseñador de xoiería, pintor, escultor, licenciado en Belas Artes, aparellador ou arquitecto técnico -que queda máis bonito, máis profesional-, artista integral, showman, dramaturgo, poeta, compositor de cancións de protesta en galego... Así entendo moi perfectamente que sexa un home que viva intensamente.

Tan intensamente que o día desta presentación, e cando o vin subir por aquelas escaleiras do Liceo e me acheguei a saludalo, o pobre homiño tivo que deterse cando lle faltaban tres ou catro banzos para coller folgos e chocarme a man. Non era porque lle custase subir as escaleiras, senón porque acababa de chegar de Valencia, logo de non sei cantas horas de viaxe e practicamente sen durmir porque a noite antes tivera que actuar. Por experiencia (porque o teño visto actuar, porque llo notei e porque chegou a confesalo en algunha entrevista) sei que as súas actuacións de duas horas ou máis son completamente extenuantes, tan esgotadoras que chega a perder varios quilos en cada evento. Porque non para no escenario. Porque só fala. Porque os focos dos escenarios adoitan deixar a un medio esmendrellado ou coa alma no papo. Son dos que digo que o mundo desa chamada farándula non é tan bonito como o pintan. Que va! Imaxino as viaxes de aquí para alá, durmir onde cadra, preparar escenarios, ensaiar en escenarios, actuar logo neses escenarios. Rematada a función, toca atender nos camerinos a varios amigos ou interesados ou pelotiñas ou politiquiños. E logo chegan á casa, pillan as maletas, fan as maletas porque ó día seguinte chega outra función precisamente na outra punta de España. Sabemos que hai traballos sacrificados (labrego, mariñeiro, mineiro, etc); o da farándula tamén o é: física e psiquicamente.

Logo dos folgos saudámonos nun alustro (no saúdo sempre lle meto polo medio o de "fillo da Lola da Amparo", por se neses momentos non me recorda, a causa de que nos vemos moi pouquiñas veces, e porque sei que nomearlle á miña nai son xa palabras maiores, polo que a apreciaba, polo que lle quería). Saudámonos nun amén porque polo Liceo xa había moita xente que quería facer o mesmo: chocarlle a man ou pegarlle uns biquiños cos seus correspondentes abrazos. Saúdos rápidos pois a hora exacta da presentación levaba xa varios minutos que se convertera en tempo pasado.

Á súa dereita fixo de presentador Pedro X. Blanco, vicepresidente da Fundación Santo André de Teixido, porque esta fundación é a que promove e distribúe o libro. "Escolma do humorismo gráfico de Moncho Borrajo" non é un libro, digamos, que o compuxese entre actuación e actuación ou roubándolle tempo ó tempo; senón que é un feixe de viñetas que reuniu dos seus cinco libros que xa publicara, é dicir, de "Moncho y yo", "Moncho y tú", "Pobres míos", "Animaliños" e "Gatos". A maiores tamén meteu no feixe as viñetas que leva publicadas na prensa. Outra característica salientable do libro é que os que estaban escritos en castelán pasaron ó galego e os escritos en galego ó castelán. Así é que se pode dicir que agora hai cinco libros seus en edición bilingüe. Un bo traballo levado a cabo. Non descubro nada ó comentar que os seus debuxos están cheos de ironía, de sarcasmo, de retranca. Se non fose así, non serían de Moncho Borrajo. Son debuxos moi técnicos e bastante barrocos.

O acto da presentación rematou, faltaría máis, coa súa típica verborrea humorística, contando chistes e anécdotas da xente da farándula e dos políticos, claro está, que alborotaron por completo o patio de butacas a base de gargalladas sen fin. Ese humor seu, tan acelerado, que nin tempo che deixa para que descansen as meixelas, para que acougue a barriga e para aguantar como poidas a vexiga que se quere soltar. Con el non che queda outra que rir.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES