Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Entre lusco e fusco (9)

martes, 23 de mayo de 2017
Entre lusco e fusco (9)Onte, onte mesmo, era totalmente distinto. Hoxe son espectáculo; onte foron Nosopai, ¡pan noso de cada día, e que non faltase! ¿Antonte? ¡Antonte, sala de espera; seguro que a máis grata delas!

Na Lei de Dereito Civil de Galicia fíase fino, pero tardío: Artigo 18: Son muíños de herdeiros os de propiedade común indivisible dedicados a moer grans para consumo familiar e alimentación do gando dos seus copropietarios. Artigo 19: 1. O aproveitamento da cota indivisa na propiedade farase por pezas ou grupos de horas que acorden os copartícipes e nos días que establezan; no seu defecto, polo que fose costume, sendo exclusiva de cada herdeiro a cota asignada e, polo tanto, susceptible de permuta, alleamento ou arrendo, facendo seus o froitos ou utilidades que produza. 2. Os copropietarios contribuirán proporcionalmente ós custos de conservación e reparación do edificio da maquinaria e do aproveitamento da auga, sen que entre eles haxa que pagar maquía. 3. Os copropietarios poderán exercita-lo dereito de retracto, no caso de transmisión inter vivos, da peza ou parte da peza da que outro partícipe dispuxese. Artigo 20: 1. Calquera modificación no uso e aproveitamento respectará o dereito de cada partícipe e requirirá o voto favorable da maioría que posúa a meirande parte do uso e aproveitamento. 2. Os acordos da maioría que modifiquen o uso e aproveitamento serán executivos, pero impugnables no trinta días seguintes ó acordo ou á notificación.

Esta é a parte seria, pero tamén tiñamos a festiva, a pícara: Ao muíño do meu amigo / xa lle collín o tempero: / Cando está alto, baixalo; / cando está baixo, erguelo!

Como o meu Montecubeiro tivo medio cento, e cada un con dez lendas ou contos, aínda que cheguei a coñecer uns cantos, do que mellor me lembro é deste:

Muíño do Escouredo. Sempre ía moer o señor Ramón; claro que, nos seus días, na súa quenda, ata que aquela tarde…; aínda que primeiro direi como o souben, que non foi precisamente na lareira:

Ía con meu pai, de mañá cedo, levar as vacas ao prado da Faladoira, dúas delas xunguidas porque, mentres pacían, cargaríamos un carro de folla daqueles castiñeiros, follas, ourizos e demais maleza, para mesturar coa palla e coas xestas da corte, que así lográbase un abono, un mantillo excelente. No cruce do Pacio vimos que se achegaba a señora María Manuela do Escouredo, que xa de lonxe lle berrou a meu pai:

-Xosé María, agarda por min…, unha palabriña…

A palabriña foi tan grande que comprometeu a meu pai para que, á volta, nada máis descargar o carro nos currais, saísemos para o Zarro Novo onde agardarían por el a propia María Manuela e mailo señor Constantino de Cabanela. Querían permutar unhas tenzas daqueles montes…, e eu, que comezaba a facer de axudante de perito, fun testemuña do relato:

-María Manuela, ti colles unha estaca destas, e o señor Constante a outra, e chantádelas onde vos vaia dicindo, pois, para medir estas figuras irregulares primeiro hai que triangular; mentres tanto, o meu fillo e máis eu, imos tirando de cinta e anotando as medicións.

Desde que medimos e remedimos, que había que axustar pois naqueles tempos un pé de terra era un diamante, díxolle meu pai á do Escouredo:

-Á noite xa podedes ir á miña casa para firmar os papeis da permuta, que os terei redactados, pero ten que firmar o teu home, pois este monte é parafernal, e ti, co lista que es, o único que podes facer é acompañalo…, por se o enganamos, Constantino, ou eu mesmo. Por certo, que debera estar aquí, no monte, para presenciar as medidas…

-Vai no muíño…, que agora sempre vai cedo para que non se lle bote a noite enriba…, polo medo que lles colleu aos leiróns!

Meu pai, sempre ben pensado, contestoulle:

-Muller, nestes muíños de herdeiros poucos leiróns pode haber porque, dun para o outro, pouca fariña deixamos ciscada…, pola conta que nos ten!

-¡Ai, xa, ti ben falas, pero no noso muíño, no do Escouredo, os leiróns dese río, do Ribón, son grandes coma homes!

-Non esaxeres, que este neno é algo crédulo, e vindo de persoas da súa confianza, sempre cre canto lle din, ou canto lles oe.

María Manuela, poñendo os dedos en cruz, e bicándoos:

-¡Por estas, que son cruces! Cando volveu Ramón, xa á noitiña, para ensacar e traer a fariña, observou que estaba levantada a trapela de baixar ao rodicio; daquela baixou pola escada, para comprobar se se atrancara con unha desas ramas que por veces leva o río, e…, ¡case se desmaia, pois augas abaixo viu tres leiróns, mouros e grandísimos, a todo correr, e para iso, levantándose nas patas traseiras! ¡O nunca visto!

Meu pai calou, seguramente decatándose de que, por ser gordísima a chufa, eu non corría perigo, por crédulo que fose, pero á noite, cando viñeron firmar, o propio Ramón insistiu no seu relato, feito, episodio, que nos confirmou o Antonio de Mariano, despois, na lareira, que fora unha das testemuñas do contrato, xunto con outro veciño do lugar.

-Iso que contaron os do Escouredo é certo, que tamén mo dixo meu irmán Xosé, que lle ensinou o propio Ramón, cando volveu do muíño, unha peza de pan e unha ducia de troitas, que seica as deixaron esquecidas, cabe da moxega, aqueles leiróns…

Así quedou a cousa, ata que un día, anos despois, que entrou na nosa cociña o primo Daniel, daquela xa licenciado de Regulares, onde o tiveran recargado, por desertor, con un impermeable larguísimo e mouro.

-A onde vas así, tan abrigado? –Preguntoulle meu padriño, que era seu tío; Daniel, fillo de moza, de súa irmá María, co pai…, ausente?

-Vou ao Escouredo, que seica vende unha vaca o señor Ramón, e as dúas que temos están senlleiras…

-Leva este paraugas, e deixa aquí o impermeable…, por se esperta Ramón!

-Ata será mellor, e agradézolle o consello, aínda que agora…, que xa non me perseguen…!

Alí mesmo, ao pé da lareira, repetiron o caso: Daniel, con outros dous fuxidos, ao anoitecer saían das chousas do Ribón e metíanse no muíño, entrando precisamente pola trapela do rodicio, para que ninguén os vise desde o camiño de arriba. Alí tiñan o pan que lles levara José de Mariano, que as troitas colléranas eles mesmos, á man, no mesmo río, y ían acender algo de lume para asalas precisamente no intre en que Ramón metía a chave na pechadura para recoller a súa fornada. ¡Tiráronse ao rodicio, os tres, tal que tres leiróns, e despois diso, correndo polo río abaixo, quedáronse quediños debaixo da ponte do camiño de San Cibrao, co cal Ramón quedou convencido de que aqueles tres…, ¿animais?, era leiróns xigantes, do tamaño dun home!

¡Canto fixeron discorrer aqueles fascistas, e con eles, os gardas daquel cuartel improvisado de Montecubeiro! Certo é que, non hai mal que por ben non veña!
-.-

A casa para a amada. Tizoc.

Drama romántico, que en película foi interpretado por Pedro Infante e por María Félix. (Do ano 1956). A súa ofrenda era construír, construír unha casa para a súa amada. Salvadas as infinitas distancias, isto é o que espera Deus de nosoutros: Que construamos, solidamente, o noso edificio, a nosa personalidade, cos materiais que nos vaia proporcionando a vida, pero, ¡sempre, sempre!, con afán de Entre lusco e fusco (9)superación.

De superación positiva, se entende, pois o que é costa abaixo báixase sen esforzo, a roulón. ¿Para quén? ¡Construíndo para nós, para Deus estamos construíndo! A nosa amada é a Igrexa, que nos recibiu co bautismo, no bautismo, da que participamos, e por tanto, compartimos. Se a nosa construción é sólida, tamén será bela, xa que belos son os materiais nela empregados. Solidez e beleza, espirituais, será o obsequio que de nós recibirá o noso próximo, pois, se ben construímos, exemplo damos.

A vida é, debe ser, unha construción ininterrompida: ¡desde a caneta! Así, cando Deus a dea por acabada, ao recibirnos recibe a nosa edificación, e daquela emitirá o seu Certificado: Se fomos exemplares, daranos un aprobado, e de aí para arriba! ¡Se fomos útiles, útiles nos declarará para o Servizo Celeste! ¡De ser vagos, ata pode ocorrer que nos negue o descanso eterno, xa que o trocamos pola molicie térrea!

¡Construír, construír en positivo, sen desánimo, que ese é o mandato do noso Xefe, do Supremo, e se o facemos ben, superando desalentos, a Certificación da Obra será inexorable: Vinde, benditos do meu Pai; recibide a herdanza do Reino preparado para vós desde a creación do mundo. Porque tiven fame e déstesme de comer; tiven sede, e déstesme de beber; fun forasteiro e acolléstesme; estiven en coiro, e vestístesme; enfermo, e visitástesme; na cadea, e viñéstesme ver … Asegúrovos que canto deixastes de facerlle a un destes máis pequenos, deixastes de mo facer a min. Estes irán ao castigo eterno, e os xustos á vida eterna”. ¿Á vida eterna? ¡Pois si, exactamente iso: Da nosa chabola ao Gran Pazo do Gran Arquitecto, que prometeu compartilo con nós…, a cambio de que, aquí abaixo, compartamos co próximo, tal e como se o fixésemos co propio Xesús! ¡Deus, qué promesas tan gratas, tan certas, tan sublimes, e non, poño por caso, a dalgún dos nosos políticos!
-.-

Fuxida, baleirado, do campo, ou, do sector primario ao terciario.

Demasiada xente no sector terciario, así que, de folgados, mal aconsellados! No secundario perfeccionamos, e, consecuentemente, exportamos; no terciario máis ben folgamos, ¡servizos!, así que o primeiro deles, o que primeiro se nos ocorre é…, ¡vivir sen traballar! ¿Qué é vivir sen traballar? ¡Facelo coa suor do de enfronte, pois a nosa, a nosa fronte, fai abondo con discorrer, desde a filosofía ás picardías!

¡Ai ditosas becas, canto dano fixestes por…, mal dadas! De entrada, a quen a merecese, con exclusión dos ricos, por suposto, pero tamén daqueles que se finxían pobres. Consecuentemente favorecer a quen fose capaz de inventar, de producir, de mellorar a produción.

Sabido é que a conta “B” se inventou nos cuarteis franquistas, ¡dou fe diso! ¿Por qué? ¡Porque estaban folgados! ¿Por qué subsistiu…, na democracia? Pois…, pola dexeneración das becas, que multiplicaron certas profesións, e cando houbo saturación, ¡como sabían defenderse…!

¿Pode unha familia gastar máis do que ingresa? ¡Evidentemente, non! ¡Pois un Estado, que vén a ser unha suma de familias, tampouco! ¿Receitas? Tres: Curas, para cura-la alma; Médicos, para curar os corpos; e Economistas, para sanear a Economía. Daquela, ¿a quén lle incumbe a Produción? ¡Aos mellores, aos Enxeñeiros! Pero o lamentable do caso é que o inventor das Becas só pensou na…, na demagoxia!
-.-

¿En qué se parece o pote colgado dunha gramalleira á España da primeira década do XXI?

Lección de Economía apocalíptica para alumnos intelixentes

Hai moito que o escudo de España deixou de ter xugos e frechas? ¡As frechas desapareceron no século pasado, pois os rapaces de hoxe en día nin frechan nin son frechados; o de agora son atumes, unhas atumes liviáns, uns papeliños engomados, que por iso se di, ligar! En canto ao xugo, ás cangas, renóvanse cada catro anos, mais, para disimular, no dicionario da Constitución lese, puxeron, listas cerradas!

As aguias, as imperiais fóronse, e como a natureza ten horror ao baleiro, esa fauna foi substituída por falcóns. ¿Quén, cómo, e cándo? En tempos había, houbo, esculcadores, para amaña-los casoiros. Pois ben, se cadra inspirados niso, agora temos propagandistas da fe, que utilizan os subornos monetarios como carnada para mante-los seus falcóns. En definitiva, qué fan os falcóns? Voan, voan alto, de casa en casa, e descenden ata a mesmísima lareira polas antenas, sexan da radio ou da tele. ¡Ao menor descoido, atrápante, e de paso póñenche cadeas, unhas cadeas peores cás letras de cambio, pois átante a catro anos vista, séxase, a longo prazo!

A todo isto, o pote, qué? Os potes serven para cocer, para abrandar esa pel de touro á que chamaban España. ¡Iso, España, que deixou de chamarse Hesperie, (cuniculosa), pero só de nome pois seguimos sendo “terra de coellos”, que así nos denominaron os fenicios, séxase os traficantes, agora chamados financeiros! O pote ponse a ferver, atizado polos políticos, de xeito tal que, cando máis ferve, canto máis se lle activa a ebulición, a circulación, máis vapor, máis subirse ás nubes. E, ¿qué son as nubes? Para que o entendades: Agora dise, “paraísos fiscais”. En definitiva, que o contido do pote evapórase, e, salvo que lle vaiamos engadindo algo, tal que produtos exportables, pois aquel ouro, o da Torre de Sevilla, esgotouse, e o depositado en Rusia, tamén, chegará un día no que o pote se baleirará, definitivamente. ¿Daquela, qué? ¡Vouvos suspender, por torpes! Daquela só queda vender o pote ás potencias estranxeiras, como chatarra, que para outra cousa non servirá.

Das gramalleiras, qué, que aínda non falamos diso? ¡Ao non haber potes, nada mellor que colgar eses falcóns das propias gramalleiras, e asalos vivos, tal e como facía a Santa Inquisición para espanta-los diabros, que por algo lle chamaban así, Santa!
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES