Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

viernes, 23 de septiembre de 2016
O tempo era un suspiro

Raios de sol que entran por entre os canastros da Aira d´Arriba e os nenos que corren para acocharse por entre os palleiros da infancia. Que tardes aquelas nas que o tempo era un suspiro! Pero tamén, que medos aqueles nos que unha voz de mando era unha orde sen refungar, sen rosmar! Os nenos apertan as pernas para non mexar cos nervios; saben que un ruidiño de nada os pode delatar, ou simplemente chega co pensamento. Logo, cansos de xogar van polo Agro abaixo para visitar o mazadoiro da burga e, alí, cada un conta as súas penas e pesares, os seus chistes e brincadeiras. O tempo corre de présa... porque sempre hai algún que ten que liscar coma o peido do cu se non quere que unhas mans encalecidas lle partan a cara. Non todo é harmonía na casa do pobre. Raios de sol que se acochan polo outeiro de Brandín. O neno disponse a acomodar as vacas.


O vaivén dos recordos

Xa corre a nostalxia por entre os millos da Pedradarca e os pardais da memoria aniñan nos codesos da Pillamadoira. Non sempre o tempo é quen de facer esquecer o que se viviu. Non sempre a distancia vai máis alá duns cantos pasos. Ás veces nun centímetro colle toda unha vida. Quen entende o vaivén dos recordos? E aí está a memoria preñada de Baños de Molgas que, co tempo, son sentimentos paridos nun papel en branco ou nunha conversa ante un café cortado. Aí, nesa vila, prendeu a semente dun soño para que a colleita da lembranza se plasme na redacción de toda unha emotividade. Xa suspira o lagarto desde un penedo de Barricobos e as bolboretas viaxan no ascensor das herbas do Pedregazal. Quen entende o abaneo dos recordos? Ás veces é verdade que son difíciles de entender, pero aínda así, sempre son bonitos. Os recordos son coma o brote, coma o bertón dunha melancolía que vai e vén polas corredoiras da morriña, da señardade, da vida.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES