Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A función educativa dos políticos

viernes, 02 de enero de 2015
Temos ben sabido que a familia é a primeira e principal educadora dos fillos. O seu protagonismo é imprescindible nos primeiros anos de construción da persoa.

Tamén hai unha infinita demanda para que a escola bote as dúas mans na tarefa de formar o cidadán. Os representantes sociais, os políticos, son os outros responsables da educación do pobo. O seu labor, tan nobre, implica ademais o imperativo moral de facer pedagoxía coa xente, elevándoa cultural, social e politicamente. Disto falamos.

O espectáculo que os nosos políticos están a dar é lamentable. En pantallas, portadas e micrófonos fálase de corrupción, ese cancro nunca extirpado que pode metastatizar a sociedade enteira e acabar coa democracia. Os partidos políticos protagonizan chamativos casos de corrupción. Asuntos sucios de financiamento ilegal expulsaron aos socialistas fóra do poder. Os que roubaron, co agravante de seren representantes públicos, acabaron onde merecían, no cárcere. Así, non se educa o pobo.

Unha sensación de desencanto ficou na sociedade. Compara Plutarco nas Vidas paralelas a Demóstenes e Cicerón: “O poder político que acumuló Cicerón, nembargantes, non lle levou a enriquecerse por esta causa.
Cando estivo en Sicilia e logo en Capadocia, resistiuse a recibir regalos, resistiu e abominou deles en todas as ocasións”. O mesmo esperamos hoxe dos que libremente entran, con vocación de servizo, na política. A xente, angustiada pola brutal crise económica, ten dereito a esixirlles competencia, decencia e austeridade.

Os casos de corrupción político económica en España son xa algo sistémico e pendémico. Enxeñerías tramposas canalizan cartos de todos a petos de delincuentes e políticos corruptos. E outra vez o desencanto e a desesperanza instalada entre nós. Non, así non se educa o pobo.

Os máis novos, expulsados do futuro, escapan deste espectáculo denigrante. O pobo le, escoita, ve na televisión noticias abracadabrantes: traxes que custan a pensión anual dun xubilado, coches exclusivos, carne de rapazas novas para orxías, agasallos excesivos, tarxetas con crédito ilimitado, empresarios saqueadores no BOE de millonarios cursos de formación, pais da patria evasores fiscais, tantos cartos sucios nos paraísos fiscais. EREs tramposos, redes clientelares, débedas de 3.000 millóns que se perdoan ás eléctricas... ‘Cada día ten abondo cos seus propios problemas”, (Mat 6,34). Cada día novos titulares de corrupción.
Todo é moi triste e democraticamente demoledor. Son eses os valores que poñemos diante da mocidade? Son eses partidos os que critican o estado da educación do país? Non, así non se educa o pobo.

O pobo, farto destes filibusteiros da política, dubida da mesma democracia e do sistema de partidos. A xente foxe deste cheiro inmoral pero os pillos quedan engaiolados polo enriquecemento berlusconiano: fácil e moi rápido. Os cartos olen a merda cando esmorecen os principios.

Hai que dicilo xa: fóra do sistema de partidos non hai salvación. A democracia é unha longa e sofisticada conquista, moi eficaz para organizar a convivencia. É o sistema de goberno das sociedade máis xustas, ricas e plurais. Onde os ladróns acaban sempre na cadea. E os políticos decentes gobernan cos pés na terra ao tempo que educan o pobo. Tamén aquí, ou e democracia eficaz decente segue a rematar nos Pirineos?
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES