Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Espallando ideas (V)

martes, 22 de abril de 2014
Acabo de escoitar un programa, na tele…; de escoitar, non, de oír, pois farfallaron tanto eses tertulianos, eses ”faladores”, interrompéndose a cada frase, ¡como adoitan facer, sempre, ou case sempre, en tódolos programas de tódalas emisoras, que xa é un mal endémico!, así que pouco aprendín. O antedito versaba, tentaba versar, sobre a felicidade. ¿Quen lles ensinará a respecta-las quendas; quen lles ensinará a respectar aos oíntes, para que podamos sacarlles proveito…, e que non todo sexan anuncios, anuncios con mulleres estilo Eva, ou menos aínda pois Eva utilizou as follas da súa parra?

¿Qué dixeron da felicidade? O que mellor se lles entendeu foi que a felicidade, a felicidade plena, non existe neste mundo. ¡Niso estou conforme, pero, do resto, servidor, engadiría, modestamente, que iso da felicidade hai que explicalo con fórmulas, con fórmulas obxectivas, didácticas:

+, ou, - f = (c1 + / - c2 + / - c3 + / - ... +/ - cn) Ko : Ks


Que en prosa quere dicir: Máis, ou menos, f, felicidade, (o -F- maiúsculo non existe a estes efectos), é igual a unha suma alxébrica de circunstancias concorrentes nun momento dado, presentes, pero tamén pretéritas, multiplicado todo pola casuística obxectiva (Ko), e partido por casuística subxectiva (Ks). ¿Difícil? ¡Que va!

Non só contan as circunstancias presentes senón que temos as que nos veñen de atrás, do que nos pasou, ou daquela sorte que tivemos en que non nos pasasen, ou se desviasen, certos perigos, certos abismos dos que nos fomos librando. O principal denominador común está na fe do suxeito pois, sen fe, ou con pouca, sen o convencemento de que este calvario conduce á resurrección gloriosa, leva-la cruz, ¡as cruces!, é, ou debe ser, horrible.

Despois dun mesmo, despois do propio razoamento, está o detente da familia; ¡o mellor de todos, despois da fe por suposto! Tamén cabe ponderar o apoio e maila comprensión do noso próximo, amparo e colaboración que non sempre agradecemos, e iso é outro pecado. En canto a nós mesmos: temos que distinguir entre resignación activa e resignación pasiva. ¡Ora et labora! Iso de agacha-la cabeza, estilo avestruz, ¡nin no deserto! ¿Que nos pechan unha porta? ¡Busquemos outra, pois, máis arriba, ou máis abaixo, hainas, ten que habelas!

A ecuación antedita, prolongada no tempo, lévamos a unha liña oscilante, séxase, con altibaixos, máis ou menos fugaces, pero sucesivos. Non está de máis botar man daquel adaxio tan elocuente, e tan certo, de que, Nunca choveu que non escampase. Mais isto non significa acoller a tormenta sen paraugas, sen previsións, sen precaucións.

A casuística obxectiva (Ko) consiste en que o mal, o mal que nos vén de fóra, non sempre é evitable, e por iso cabréanos de mala maneira, multiplica os desánimos; mais para iso está a división, a partición, relar a casuística subxectiva (Ks), que consiste en estar preparados, animosamente preparados, para non caer, para non decaer. Como dicían os romanos: ¡Cave ne cadas! E de caídos, buscar apoios: Ante todo, no propio razoamento; e no paraugas da fe, mellor que mellor. De inmediato, na familia. ¿Que ganamos ocultándolle á familia as nosas cuítas, ese pudor mal entendido, esa falta de franqueza, cando é posible, posible e probable, que, algún deles, nos poda dar un consello axeitado para recuperar as forzas perdidas, perdidas ou diminuídas? Por outra parte, apoiarse no próximo non é mendigar enchufes, pois nada hai máis indigno que elevarse artificialmente; apoiarse no próximo é, debe ser, ante todo, confiar en que a xente é humana, uns máis e outros menos, pero ata os inhumanos nos fan favores poñéndonos trabas…, se sabemos utilizalas como trabes!

¿Receitas para lograr a felicidade? ¡De certo, non as hai, pero si algún que outro reconstituinte! Para iso, o mellor médico? ¡Eu, eu mesmo; cada un para si, con tal de que non apaguemos a luz, ás luces: ¡Ante todo, a da fe en Deus, e a continuación, a fe en nós mesmos, que por algo e para algo nos fixo Deus sapiens!

¿A felicidade segue unha liña recta? ¡Queda demostrado que non, pero, polo menos, aprendamos a recuperar niveis aceptables cada vez que baixamos ao abismo da desesperación! Os ateos din que costa abaixo axudan tódolos santos, pero non é certo: Os que tiran de abaixo para facernos caer na desesperación, incluso no suicidio, esa abominación que só favorece aos enterradores, é Satanás, de folgado e de envexoso que está!

Tamén están folgados os parados… ¡Sempre hai, e sempre teremos algún tipo de traballo, con tal de que nos abaixemos do cabalo do orgullo! ¿Qué son indignos, que só abunda o que ninguén quere? ¡Máis indigno é caer na desesperación, nesa infelicidade do pasota!
-.-


Se certo é que, por veces, as árbores non deixan ve-lo bosque, non o é menos que as anécdotas presentes, as do presente, tapan, esconden, impiden a reflexión que nos compre cada vez que pensamos e/ou actuamos sobre as consecuencias que traerá o noso comportamento actual, sexa para nós mesmos e/ou para terceiros, próximos ou remotos.

¿Un galimatías? ¡Que va: é unha lei física, pois tódalas cousas teñen causas, e por veces, remotas! Este é un tema, para min, apaixonante, que se me vén á cabeza con frecuencia, así que ben raro debo ser xa que pouco diso vexo na literatura actual. Desde que alguén inventou aquilo de, La imaginación al poder, todo é imaxinación, fantasmas, explosións, efectos especiais…, de tanto poder que moito me temo que sexan capaces de trastornar ás criaturas…, antes tempo!

¿La imaginación al poder? Oubliez tout ce que vous avez appris. Commencez par rêver.
Olvídense de todo lo que han aprendido. Comiencen a soñar. Dá igual dicilo en francés que en castelán, ou en galego, pois o poder da imaxinación…, xera monstros! ¿Non si, amigo Goya? A imaxinación é boa, indispensable, pero…, se vai de brazo co razoamento, co cálculo, coa sensatez! Por moito que imaxinemos, a realidade só se cambia co autocontrol, co raciocinio.

Imaxinemos un porvir, un futuro perfecto, ideal, incluso utópico… Pois ben, para conseguilo, para facelo posible, hai que camiñar apoiándonos no físico, na realidade do presente, e a partires diso, co compás na man, aderezar rumbos, forzar a máquina, ou poñela a ralentí, segundo o estado da mar, da mar circundante; ¡en definitiva, tomar medidas, elixir medidas, sopesar as consecuencias, non sempre previsibles, de cada fórmula! Así que, ademais de imaxinación, física, un anaco de física!

Non é nauta calquera, pois, de primeiras, hai que baixar á auga, ao medio natural, aprender a nadar; e se aprendemos a nadar e, de paso, a garda-la roupa, mellor que mellor! ¿Qué lle pasou á Armada Invencible, vencérona os elementos? ¡En parte, si, pero tamén se debeu a certas imprevisións, entre elas a de que o seu Almirante…, non era mariño, senón de terra a dentro! Estaba previsto que a mandase un experto, Don Álvaro de Bazán, marqués de Santa Cruz, mais, por irse prematuramente de viaxe, coa súa querida, con dona Parca, foi substituído, improvisadamente, por un tal Alonso Pérez de Guzmán, á sazón VII duque de Medina-Sidonia, Grande de España, e todo iso, pero confundía a mar cos campos de trigo, así que mandou segar, ¡segar olas!, con 127 barcos, coma quen lanza 127 segadores polas searas adiante. ¡Meu pobre, tiña imaxinación, pero faltáballe sabenza, experiencia! Pois, na vida, na vida cotiá, outro tanto, que mal se pode dirixir un a si mesmo, para canto máis un país, se primeiro non se aprende a nadar, a elixir tempos e lugares. ¿Verdade que si?
-.-


Sorrisos e bágoas. Os sorrisos están ben en todas partes, en tódalas ocasións, mentres que das bágoas o mellor que se pode facer é gardalas nun paniño, no delas, cadaquén as súas, e mellor aínda se non ten iniciais, que non se precisan, pois eses non os rouba ninguén!

Na actualidade trátase dun ben escaso, iso dos sorrisos, razón de máis para que os valoremos como é debido. Se serán escasos, que xa pouco máis se ven que nas cariñas xuvenís das caixeiras dos supermercados…, e son tan xenerosas que non as inclúen no ticket! ¿Nas outras tendas? ¡Miñaxoias; as outras son das do paniño… polo pouco que venden!

Estoume referindo aos sorrisos horizontais, por suposto, pois os outros, os verticais, se é que os teñen, son da súa intimidade.

Nesta Galicia dos meus pecados tiñamos o mellor sorriso vertical do mundo nesas rías tan húmidas e tan profundas, pero botáronse a elas os narcotraficantes, coas súas violacións, coas intromisións, amén da cinsa dos incendios, así que, requiescat in pace!
Espallando ideas (V)
Terra a dentro algo queda, aínda que escaso: Para gozar dunha fervenza, hai que levar unha fouz; e no resto do río, un escafandro… por culpa dese purín impuro; quere dicirse, cando non lle pasan o arado! En canto á flora, tamén pouco, e para iso hai que poñerse de costas para os eucaliptos… se non queremos descompoñer o retrato! ¡Ai Galicia, Galicia, quén te viu, e quén te ve! Negocio para as mercerías, por iso dos paniños das bágoas…

¿Haberá cousa máis sa, máis limpa, máis pura, máis reconfortante, máis caritativa, que un sorriso, pero deses, dos horizontais? Cando me atope con un psicólogo, á vez que con un sociólogo, heilles preguntar, pero tamén conviña que estivese presente un psiquiatra…, para completar a terna!
…/…
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES