Noticias

O Centro Dramático Galego comparte a celebración do seu 40º aniversario cun espectáculo itinerante por máis de 100 concellos do rural

O Centro Dramático Galego avanza na celebración do seu 40º aniversario, que entre os meses de maio e setembro compartirá tamén co público dos máis de 100 concellos do rural polos que xirará o espectáculo itinerante De Vilatriste a Vilalegre. Esta coprodución da compañía da Xunta de Galicia e Teatro ó Cubo foi presentada hoxe no Xardín do Teatro da Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, nun acto que contou coa intervención do conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude e ao que asistiron representantes dos municipios nos que se desenvolverá a iniciativa, a metade deles situados nas provincias de Lugo e Ourense.

Na súa intervención, López Campos agradeceulles a todos eles a súa implicación neste proxecto que lles trasladou o Centro Dramático Galego e que, nas súas palabras, pode considerarse “un avance do que será a futura Rede Adival” na que traballa xa o Goberno galego co obxectivo de impulsar a dinamización cultural nos concellos menos poboados e máis afastados dos principais núcleos urbanos.

Programación descentralizada

O conselleiro gabou, así mesmo, o labor que neste sentido levan a cabo día a día os departamentos municipais de Cultura. “Neste caso, o teatro é o noso vínculo cos concellos para descentralizar a programación cultural e compartila tamén co público do rural”, sinalou, ademais de poñer o foco na cultura e na lingua galegas como “recursos importantísimos” non só a nivel patrimonial, senón tamén económico e social.

De Vilatriste a Vilalegre inicia o seu percorrido este mesmo domingo en Negueira de Muñiz (Lugo) a bordo de A utópica rodante, o camión que funciona ao tempo como escenario para a representación do espectáculo, conferíndolle xa que logo unha gran mobilidade e capacidade de adaptación a todo tipo de espazos.

Na presentación, á que tamén asistiu o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, interviñeron ademais Fran Núñez, director do Centro Dramático Galego, e Sofía Espiñeira, quen codirixe a montaxe con Roberto Casal Mouriño, a partir do texto orixinal de Roi Vidal Ponte.

Teatro sobre rodas

A compañía puxo en escena un pequeno fragmento da montaxe, interpretada por Uxía Algarra e Roberto Casal, con escenografía de Beatriz de Vega, vestiario de Carmen Pichel e música de Brais das Hortas. Con esta coprodución co Centro Dramático Galego, Teatro ó Cubo pon en marcha o proxecto itinerante de A utópica rodante a modo de “teatro sobre rodas”, pensando para públicos de todas as idades co fin de xerar comunidade arredor das artes escénicas

Co mundo do cómic como referencia e combinando teatro actoral e de monicreques, a primeira proposta desta iniciativa confronta a fantasía coa realidade social do rural galego a partir da historia de Vilatriste, onde se instalan uns novos habitantes que son recibidos con estrañeza e confianza pola veciñanza.

Tras a función deste domingo, o espectáculo poderá verse en máis dun cento de municipios das catro provincias.

R., 2024-05-08

Actualidad

Foto del resto de noticias (reciclaxe_vidro.jpg) Cada galego reciclou o ano pasado unha media de 30,3 quilos de envases domésticos lixeiros e de papel-cartón, case un 3% respecto máis que o ano anterior. Estes datos enmárcanse no traballo desenvolvido pola Xunta e Ecoembes (organización sen ánimo de lucro que coordina a reciclaxe dos envases domésticos en todo o país) para mellorar o depósito, recollida e posterior recuperación deste tipo de residuos no conxunto da comunidade galega. En 2023 en Galicia recuperáronse 73.687 toneladas (Tn) de envases de orixe doméstica (37.640 Tn de envases plásticos, 23.781 Tn de papel-cartón, 11.566 Tn de envases metálicos e 700 Tn de recipientes de madeira).
Foto de la tercera plana (doazons.jpg) A directora da Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos, ADOS, Marisa López, salientou que o pasado ano se rexistraron en Galicia 103.525 doazóns de sangue, das que 9.564 se corresponden a persoas que doaron por primeira vez. Estes bos resultados, que foron expostos pola directora na Comisión 5ª de Sanidade do Parlamento de Galicia, sitúan Galicia entre as comunidades máis solidarias. Este número de doazóns permitiu dar resposta e garantir o abastecemento de hemoderivados de todos os centros hospitalarios de Galicia, en todo momento, e de xeito ininterrompido.

Notas

A Asociación de amigos do Camiño de Santiago da provincia de Lugo que preside Ángel Trabada, ven de celebrar o Día das Letras Galegas en Vietnam, sendo posiblemente os primeiros galegos que celebraron o día 17 esta efeméride. Eran as 5,30 da mañá en España (10,30 en Vietnam), estando o grupo lucense percorrendo a Bahía de Halong a bordo do Amanda Cruise, cando se xuntaron para contemplar a mensaxe audiovisual enviada desde Galicia polo xornalista Xulio Xiz, membro da Asociación.
Creada para impulsar a visibilidade dos creadores máis novos, o Festival de Cans seleccionou dez curtas para a súa sección Novas Camadas, das que cinco tiveron a súa orixe na UVigo. As curtas dos estudantes Juan Ares, Anxo González, Miguel Romero e Rebeca Tella e Daniel F. Filloy, xunto co traballo de fin de grao de Manu Sacoga optarán ao premio dunha sección dirixida a cineastas menores de 25 anos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES