Noticias

Galicia defende as reivindicacións do sector agrícola galego ante o comisario europeo e a necesidade de adaptar a PAC ás particularidades do noso territorio

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou hoxe nunha xuntanza da comisión de Recursos Naturais (NAT) do Comité Europeo das Rexións na que se debateu co comisario de Agricultura da Unión Europea, Janusz Wojciechowski, sobre a Política Agrícola Común (PAC), nun contexto actual de protestas dos agricultores e gandeiros en toda a UE. En representación de Galicia, o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE destacou que as cargas burocráticas da actual Política Agrícola Común “poñen en risco a viabilidade das explotacións agrícolas, polo que deberían suspenderse ata que se acade unha redefinición das normas PAC máis equilibrada, que garanta unha sustentabilidade ambiental, económica e social do agro europeo”.

Gamallo referiuse á rendibilidade das explotacións, a complexidade administrativa e a competencia desleal como algúns dos principais problemas do sector agrario.

O debate celebrouse con motivo da aprobación dun borrador de ditame sobre o futuro da Política Agrícola Común, que constituirá a principal contribución do CdR ao diálogo estratéxico iniciado en xaneiro pola Comisión Europea de cara a elaboración da proposta lexislativa sobre a PAC posterior a 2027, que debería publicarse en 2025. No ditame, os representantes das rexións europeas avogan por unha nova PAC máis flexible, simplificada, que apoie en maior medida aos agricultores e que adopte un enfoque máis descentralizado e adaptado ás características de cada territorio, a través de plans estratéxicos elaborados e xestionados a nivel rexional.

Como consecuencia das protestas agrícolas, a Unión Europea vén de adoptar varias medidas de simplificación da actual PAC e está a estudar unha modificación do actual regulamento, aplicable no período 23-27. Neste sentido, a Xunta pide ao Goberno central maior ambición tanto na modificación do Pepac como no seu posicionamento en Bruxelas, nunha postura coordinada coas principais organizacións agrarias e cooperativas galegas, e na que tamén mantén conversas co resto de comunidades autónomas da cornixa cantábrica, incluíndo propostas, como a introdución de medios de proba efectivos dos costes de produción para evitar a venta a perdas a partir de ferramentas como Conta Láctea e Conta Carne, desenvolvidas en Galicia.

Outros dous ditames foron aprobados hoxe en NAT: un relativo á estratexia europea para previr a escaseza de medicamentos, que subliña a necesidade de impulsar a capacidade de fabricación local , e outro para apoiar a posta en marcha dun Pacto Azul Europeo para promover unha mellor xestión dos recursos hídricos e dos riscos relacionados con estes, como as inundacións, as secas ou a contaminación. Ademais, presentouse unha guía de oportunidades de financiamento e apoio da UE para as zonas rurais.

Galicia nas comisións CIVEX e NAT do Comité das Rexións

No actual mandato 2020- 2025 do Comité Europeo das Rexións, Galicia participa na Comisión de Recursos Naturais (NAT) e na Comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX). A primeira elabora ditames en áreas como as políticas comúns de agricultura e pesca, o turismo ou a saúde pública. A Fundación Galicia Europa presta apoio á participación galega nesta asemblea de rexións e municipio.

R., 2024-03-22

Actualidad

Foto del resto de noticias (reciclaxe_vidro.jpg) Cada galego reciclou o ano pasado unha media de 30,3 quilos de envases domésticos lixeiros e de papel-cartón, case un 3% respecto máis que o ano anterior. Estes datos enmárcanse no traballo desenvolvido pola Xunta e Ecoembes (organización sen ánimo de lucro que coordina a reciclaxe dos envases domésticos en todo o país) para mellorar o depósito, recollida e posterior recuperación deste tipo de residuos no conxunto da comunidade galega. En 2023 en Galicia recuperáronse 73.687 toneladas (Tn) de envases de orixe doméstica (37.640 Tn de envases plásticos, 23.781 Tn de papel-cartón, 11.566 Tn de envases metálicos e 700 Tn de recipientes de madeira).
Foto de la tercera plana (doazons.jpg) A directora da Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos, ADOS, Marisa López, salientou que o pasado ano se rexistraron en Galicia 103.525 doazóns de sangue, das que 9.564 se corresponden a persoas que doaron por primeira vez. Estes bos resultados, que foron expostos pola directora na Comisión 5ª de Sanidade do Parlamento de Galicia, sitúan Galicia entre as comunidades máis solidarias. Este número de doazóns permitiu dar resposta e garantir o abastecemento de hemoderivados de todos os centros hospitalarios de Galicia, en todo momento, e de xeito ininterrompido.

Notas

A Asociación de amigos do Camiño de Santiago da provincia de Lugo que preside Ángel Trabada, ven de celebrar o Día das Letras Galegas en Vietnam, sendo posiblemente os primeiros galegos que celebraron o día 17 esta efeméride. Eran as 5,30 da mañá en España (10,30 en Vietnam), estando o grupo lucense percorrendo a Bahía de Halong a bordo do Amanda Cruise, cando se xuntaron para contemplar a mensaxe audiovisual enviada desde Galicia polo xornalista Xulio Xiz, membro da Asociación.
Creada para impulsar a visibilidade dos creadores máis novos, o Festival de Cans seleccionou dez curtas para a súa sección Novas Camadas, das que cinco tiveron a súa orixe na UVigo. As curtas dos estudantes Juan Ares, Anxo González, Miguel Romero e Rebeca Tella e Daniel F. Filloy, xunto co traballo de fin de grao de Manu Sacoga optarán ao premio dunha sección dirixida a cineastas menores de 25 anos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES