Noticias

O encontro D10! celebra a súa oitava edición cun programa de exhibición, formación e debate arredor do circo

Pistacatro, recente Premio da Cultura Galega en artes escénicas, organiza a oitava edición de D10! Encontro para a formación e innovación no circo, que se desenvolve en Santiago de Compostela ata o vindeiro 7 de decembro arredor dun programa que combina laboratorios de investigación e creación coa exhibición de espectáculos e coloquios. O Salón Teatro acollerá a primeira das seis propostas de artes circenses das que o público galego poderá gozar ata o domingo 3. O CDG acollerá tres propostas escénicas: Runa, do artista sirio-catalán Amer Kabbani; Rollercoaster, do malabarista estadounidense Wes Peden, e Nus, da catalá Cèlia Marcé.

A Xunta de Galicia apoia a Pistacatro, recente Premio da Cultura Galega en artes escénicas, na organización da oitava edición de D10! Encontro para a formación e innovación no circo, que se desenvolve en Santiago de Compostela ata o vindeiro 7 de decembro arredor dun programa que combina laboratorios de investigación e creación coa exhibición de espectáculos e coloquios.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e o director do Centro Dramático Galego, Fran Núñez, acompañaron a organización do evento na presentación que tivo lugar este mediodía no Salón Teatro, espazo onde esta mesma tarde terá lugar a primeira das seis propostas de artes circenses das que o público galego poderá gozar ata o domingo 3.

Éxitos internacionais

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades comezou a súa intervención gabando o papel de Pistacatro na dinamización desta disciplina na nosa Comunidade, como colectivo que aglutina “toda unha serie de alianzas e de complicidades que está a situar as artes circenses galegas no máis alto do panorama estatal e mesmo internacional”, continuou. Neste sentido, subliñou éxitos fóra das nosas fronteiras como o que acadou con Orquestra de malabares o pasado mes de outubro nos festivais colombianos de Manizales e de Medellín, nos que Pistacatro participou como parte da delegación escénica galega a este país impulsada e coordinada pola Xunta.

“O encontro D10!, que apoiamos practicamente desde a súa primeira edición, revélase como o complemento ideal para seguir marcando a pauta do circo desde Galicia, para compartir todo o acadado e para abrir vieiros de futuro nun oficio que cada vez está a cobrar maior e máis xustificado protagonismo dentro das artes escénicas en xeral”, continuou.

Entradas xa á venda

O programa de espectáculos, para o que as entradas están dispoñibles a través dos sistemas de venda habituais de cada espazo, arranca ás 20,00 h. desta tarde no Salón Teatro con Nonsense #Cabaret de pensamento, unha proposta que conxuga os números circenses do Colectivo Verticalia coa conversa para a reflexión que manterán o filósofo Xavier Bassas, a creadora galega AveLina Pérez e a monxa budista Tenzing Ngeyung.

A sede do Centro Dramático Galego acollerá outras tres propostas escénicas: Runa, do artista sirio-catalán Amer Kabbani, mañá mércores; Rollercoaster, do recoñecido malabarista estadounidense Wes Peden, o xoves 30, e Nus, da catalá Cèlia Marcé, o venres 1 de decembro. Ao día seguinte, o Teatro Principal recibirá a tamén catalá Cía. Pepa Plana, Premio Nacional de Circo 2022, con Veus que no veus, mentres que desde a Comunidade Valenciana chegará o domingo 3 ao Auditorio de Galicia La Fam Produccions con Ambulants. Todas estas actuacións terán lugar ás 20,30 h., agás a do domingo, programada para as 18,30 h.

Ao tempo, profesionais das artes escénicas galegas están a participar desde a semana pasada nos diferentes laboratorios que acolle a Cidade da Cultura de Galicia. Da man de prestixiosos nomes do circo contemporáneo internacional, a actividade formativa deu comezo cun obradoiro centrado na internacionalización e a cooperación transnacional con Nicanor de Elia e os integrantes do espazo creativo La Grainierie, procedentes de Francia.

Os artistas alemáns Vivian Friedrich e Stefan Sing serán os encargados de conducir os outros dous laboratorios incluídos no apartado formativo, dentro do que o día 29 se organiza unha charla didáctica con Wes Peden.

D10! Encontro para a formación e innovación no circo propiciará tamén un espazo para o debate a través dos coloquios do seu Circocafé baixo os títulos É determinante a idade para dedicarse ao circo?, Xerando desde a igualdade e Como facer un circo máis sostible.

R., 2023-11-28

Actualidad

Foto del resto de noticias (reciclaxe_vidro.jpg) Cada galego reciclou o ano pasado unha media de 30,3 quilos de envases domésticos lixeiros e de papel-cartón, case un 3% respecto máis que o ano anterior. Estes datos enmárcanse no traballo desenvolvido pola Xunta e Ecoembes (organización sen ánimo de lucro que coordina a reciclaxe dos envases domésticos en todo o país) para mellorar o depósito, recollida e posterior recuperación deste tipo de residuos no conxunto da comunidade galega. En 2023 en Galicia recuperáronse 73.687 toneladas (Tn) de envases de orixe doméstica (37.640 Tn de envases plásticos, 23.781 Tn de papel-cartón, 11.566 Tn de envases metálicos e 700 Tn de recipientes de madeira).
Foto de la tercera plana (doazons.jpg) A directora da Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos, ADOS, Marisa López, salientou que o pasado ano se rexistraron en Galicia 103.525 doazóns de sangue, das que 9.564 se corresponden a persoas que doaron por primeira vez. Estes bos resultados, que foron expostos pola directora na Comisión 5ª de Sanidade do Parlamento de Galicia, sitúan Galicia entre as comunidades máis solidarias. Este número de doazóns permitiu dar resposta e garantir o abastecemento de hemoderivados de todos os centros hospitalarios de Galicia, en todo momento, e de xeito ininterrompido.

Notas

A Asociación de amigos do Camiño de Santiago da provincia de Lugo que preside Ángel Trabada, ven de celebrar o Día das Letras Galegas en Vietnam, sendo posiblemente os primeiros galegos que celebraron o día 17 esta efeméride. Eran as 5,30 da mañá en España (10,30 en Vietnam), estando o grupo lucense percorrendo a Bahía de Halong a bordo do Amanda Cruise, cando se xuntaron para contemplar a mensaxe audiovisual enviada desde Galicia polo xornalista Xulio Xiz, membro da Asociación.
Creada para impulsar a visibilidade dos creadores máis novos, o Festival de Cans seleccionou dez curtas para a súa sección Novas Camadas, das que cinco tiveron a súa orixe na UVigo. As curtas dos estudantes Juan Ares, Anxo González, Miguel Romero e Rebeca Tella e Daniel F. Filloy, xunto co traballo de fin de grao de Manu Sacoga optarán ao premio dunha sección dirixida a cineastas menores de 25 anos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES