Noticias

Os peregrinos valoran con 4,5 puntos sobre 5 os servizos do Camiño Inglés

Tivo lugar na Sala de prensa da Reitoría da UDC a presentación da terceira edición do “Estudo Demoscópico sobre a demanda turística no Camiño Inglés”. O evento contou coa presenza do reitor da UDC, Julio Abalde; o presidente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, Manuel Mirás Franqueira; e María Elvira Lezcano González e Antonia Pérez García, profesoras da Facultade de Turismo da UDC. Este proxecto, levado a cabo polas propias María Elvira Lezcano e Antonia Pérez, xunto cos profesores Carlos Rodríguez Carro e Iria Caamaño, contou tamén coa colaboración de varios estudantes.

No acto de presentación, Manuel Mirás, presidente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, destacou que se trata da terceira edición deste estudo, feito desde a Universidade da Coruña, que ademais está ubicada nas dúas cidades desde as que sae o Camiño. Mirás recordou que o Camiño Inglés “foi o Camiño máis importante na Idade Media, e sen embargo foi tamén un dos máis esquecidos, algo que non acontece agora, xa que grazas á iniciativa por parte dos alcaldes de crear esta asociación e á colaboración institucional da Deputación da Coruña o Camiño está medrando de forma considerable e sustentable”.

O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, agradeceu tanto á Asociación como á Deputación da Coruña que tivesen confiado na Universidade da Coruña, en concreto na Facultade de Turismo, para levar a cabo este estudo e ofreceu a disposición da institución para “seguir axudando ao desenvolvemento da nosa sociedade e do noso contorno”.

Destacou que o Camiño Inglés “permite conectar as localidades polas que pasa, xerando actividade económica nestes lugares” e que “resulta importante que se realice un diagnóstico, porque as administracións poden tomar nota da importancia do Camiño como revulsivo”. Abalde salientou tamén que a Universidade “aporta o coñecemento, o desempeño e a información para que as decisións sexan tomadas con rigor en base aos datos froito destas investigacións”.

Na presentación das principais conclusións do estudo, Antonia Pérez e María Elvira Lezcano explicaron que para a súa realización fixéronse 699 enquisas en galego, castelán inglés e francés, distribuídas ao longo de diferentes puntos estratéxicos do trazado do camiño. O número de enquisas permite obter unha mostra que aporte uns resultados cun marxe de confianza do 95%.

A nivel sociodemográfico, a maioría das persoas que realizan o camiño teñen unha idade comprendida entre os 25 e os 64 anos, cunha maior presenza de mulleres (51,5%), tendencia que se observa tamén na Oficina do Peregrino.

En canto á procedencia, é principalmente nacional, destacando por este orde Andalucía, Madrid, Cataluña a Valencia. O turista internacional supón un 35,6%, sendo os principais países emisores Italia, Reino Unido e Alemaña. A maioría das persoas fan o Camiño en compañía de amigos, anque incrementa tamén a porcentaxe da xente que desfruta sen compañía desta experiencia.

A cidade de partida do Camiño para a gran maioría, máis dun 90%, é Ferrol, e a viaxe dura entre 5 e 6 días, tal e como está recomendado no percorrido oficial. O gasto medio diario ascende con respecto aos outros períodos, acadando un intervalo de entre 36 e 50 euros por persoa e día, e a maioría deles alóxanse en albergues. Para preparar a viaxe, infórmanse sobre todo por internet, preparándoa de forma autónoma. Os motivos que os levan a facela son, por este orde, descansar, ter unha experiencia espiritual e gozar do tempo libre coa familia ou amigos.

En xeral, a valoración do Camiño é moi boa, incrementando a satisfacción global con respecto aos anteriores estudos. Como aspectos a mellorar, mencionan a número de prazas de aloxamento, a ampliación de oferta hostaleira e a modificación dos tramos que pasan a carón das estradas.

Como dato xeral, o número de persoas que realizaron o Camiño Inglés desde o ano 2019 incrementou nun 53,38%.

R., 2023-11-24

Actualidad

Foto del resto de noticias (reciclaxe_vidro.jpg) Cada galego reciclou o ano pasado unha media de 30,3 quilos de envases domésticos lixeiros e de papel-cartón, case un 3% respecto máis que o ano anterior. Estes datos enmárcanse no traballo desenvolvido pola Xunta e Ecoembes (organización sen ánimo de lucro que coordina a reciclaxe dos envases domésticos en todo o país) para mellorar o depósito, recollida e posterior recuperación deste tipo de residuos no conxunto da comunidade galega. En 2023 en Galicia recuperáronse 73.687 toneladas (Tn) de envases de orixe doméstica (37.640 Tn de envases plásticos, 23.781 Tn de papel-cartón, 11.566 Tn de envases metálicos e 700 Tn de recipientes de madeira).
Foto de la tercera plana (doazons.jpg) A directora da Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos, ADOS, Marisa López, salientou que o pasado ano se rexistraron en Galicia 103.525 doazóns de sangue, das que 9.564 se corresponden a persoas que doaron por primeira vez. Estes bos resultados, que foron expostos pola directora na Comisión 5ª de Sanidade do Parlamento de Galicia, sitúan Galicia entre as comunidades máis solidarias. Este número de doazóns permitiu dar resposta e garantir o abastecemento de hemoderivados de todos os centros hospitalarios de Galicia, en todo momento, e de xeito ininterrompido.

Notas

A Asociación de amigos do Camiño de Santiago da provincia de Lugo que preside Ángel Trabada, ven de celebrar o Día das Letras Galegas en Vietnam, sendo posiblemente os primeiros galegos que celebraron o día 17 esta efeméride. Eran as 5,30 da mañá en España (10,30 en Vietnam), estando o grupo lucense percorrendo a Bahía de Halong a bordo do Amanda Cruise, cando se xuntaron para contemplar a mensaxe audiovisual enviada desde Galicia polo xornalista Xulio Xiz, membro da Asociación.
Creada para impulsar a visibilidade dos creadores máis novos, o Festival de Cans seleccionou dez curtas para a súa sección Novas Camadas, das que cinco tiveron a súa orixe na UVigo. As curtas dos estudantes Juan Ares, Anxo González, Miguel Romero e Rebeca Tella e Daniel F. Filloy, xunto co traballo de fin de grao de Manu Sacoga optarán ao premio dunha sección dirixida a cineastas menores de 25 anos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES