Noticias

A Filmoteca de Galicia dedícalle un ciclo a Jon Jost co gallo da estrea mundial do filme 'Casa do silencio'

A Filmoteca de Galicia será en novembro o escenario da estrea mundial de Casa do silencio, produción de aCentral Folque, filmada en Galicia polo cineasta experimental Jon Jost. Con tal motivo, o director estadounidense será obxecto dunha retrospectiva dentro da carteleira de novembro da cinemateca da Xunta, que inicia tamén un ciclo sobre o realizador portugués Pedro Costa e incorpora o novo apartado As filmotecas presentan... ás súas seccións habituais.

Jon Jost estará na Coruña o día 24 para o primeiro pase público do seu novo traballo ás 20,30 h., co gallo do que ás 18,00 h. desa mesma tarde tamén ofrecerá unha master class de acceso gratuíto. Na véspera desta estrea arrancará, ademais, unha escolma que ofrecerá ata o 2 de decembro outras seis películas súas, entre elas algúns dos seus títulos máis coñecidos como All the Vermeers in New York, que será igualmente presentada polo seu director o día 23, Last Chants for a Slow Dance o día 30 ou Coming to Terms, xa en decembro.

Presentación e coloquio con Pedro Costa

Ademais, hoxe mesmo ás 19,00 h. a Filmoteca de Galicia recibe na súa Sala José Sellier o director portugués Pedro Costa con motivo da primeira proxección do ciclo que se lle dedicará ata marzo con dúas películas mensuais, unha da súa propia filmografía e a outra elixida por el mesmo como parte dunha carta branca que se lle propuxo. Costa presentará e participará nun coloquio arredor de Vitalina Varela, filme de 2019 sobre unha muller de Cabo Verde que chega a Lisboa tres días despois de celebrar o funeral do seu marido.

O 3 de novembro poderá verse a segunda sesión deste filme, mestres que os días 2 e 4 a cinemateca proxectará Diario de una casa rural, película de Robert Bresson seleccionada por Costa para este ciclo. Xa en decembro, será a quenda de O sangue, a súa ópera prima, e Stars in My Crown, de Jacques Tourneur. Nos meses seguintes, ademais doutras fitas do realizador portugués, este especial ofrecerá longametraxes de Jean-Marie Straub e Danièle Huillet, Mikio Naruse, Frank Borzage e curtas de Víctor Erice e Jean-Luc Godard.

Outra das novidades da carteleira de novembro na cinemateca galega é a incorporación ás súas sección habituais do novo apartado As filmotecas presentan..., que nace co fin de ofrecerlle ao público as máis recentes restauracións desenvolvidas por este tipo de centros en España e Portugal. As súas dúas primeiras propostas son El jefe político, unha película de 1925 restaurada pola Filmoteca Española, que será presentada polo historiador Daniel Sánchez Sala o día 23, e El filandón (1985), a partir do traballo realizado pola Filmoteca de Castilla y León, que poderá verse na Coruña o día 30.

Peche do especial Douglas Sirk

Ademais, en novembro concluirá o ciclo dedicado a Douglas Sirk cos seus cinco últimos títulos, entre os que se atopan grandes éxitos da súa carreira como Tiempo de amar, tiempo de morir (días 7 e 8), Escrito sobre el viento (días 11 e 14) ou Imitación a la vida (días 15 e 16).

En canto ás seccións habituais, Fóra de serie presenta Retratos fantasma, de Kleber Mendonça, os días 7 e 8; Passages, de Ira Sachs, os días 9 e 10, ou Orlando, a miña biografía política, de Paul B. Preciado, os días 28 e 29. Nesta nova carteleira mensual figuran, así mesmo, un Desencadres dedicado a Alberte Pagán o día 19 e mais as novas entregas de Off Galicia e Filmoteca Júnior.

R., 2023-10-31

Actualidad

Foto del resto de noticias (reciclaxe_vidro.jpg) Cada galego reciclou o ano pasado unha media de 30,3 quilos de envases domésticos lixeiros e de papel-cartón, case un 3% respecto máis que o ano anterior. Estes datos enmárcanse no traballo desenvolvido pola Xunta e Ecoembes (organización sen ánimo de lucro que coordina a reciclaxe dos envases domésticos en todo o país) para mellorar o depósito, recollida e posterior recuperación deste tipo de residuos no conxunto da comunidade galega. En 2023 en Galicia recuperáronse 73.687 toneladas (Tn) de envases de orixe doméstica (37.640 Tn de envases plásticos, 23.781 Tn de papel-cartón, 11.566 Tn de envases metálicos e 700 Tn de recipientes de madeira).
Foto de la tercera plana (doazons.jpg) A directora da Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos, ADOS, Marisa López, salientou que o pasado ano se rexistraron en Galicia 103.525 doazóns de sangue, das que 9.564 se corresponden a persoas que doaron por primeira vez. Estes bos resultados, que foron expostos pola directora na Comisión 5ª de Sanidade do Parlamento de Galicia, sitúan Galicia entre as comunidades máis solidarias. Este número de doazóns permitiu dar resposta e garantir o abastecemento de hemoderivados de todos os centros hospitalarios de Galicia, en todo momento, e de xeito ininterrompido.

Notas

A Asociación de amigos do Camiño de Santiago da provincia de Lugo que preside Ángel Trabada, ven de celebrar o Día das Letras Galegas en Vietnam, sendo posiblemente os primeiros galegos que celebraron o día 17 esta efeméride. Eran as 5,30 da mañá en España (10,30 en Vietnam), estando o grupo lucense percorrendo a Bahía de Halong a bordo do Amanda Cruise, cando se xuntaron para contemplar a mensaxe audiovisual enviada desde Galicia polo xornalista Xulio Xiz, membro da Asociación.
Creada para impulsar a visibilidade dos creadores máis novos, o Festival de Cans seleccionou dez curtas para a súa sección Novas Camadas, das que cinco tiveron a súa orixe na UVigo. As curtas dos estudantes Juan Ares, Anxo González, Miguel Romero e Rebeca Tella e Daniel F. Filloy, xunto co traballo de fin de grao de Manu Sacoga optarán ao premio dunha sección dirixida a cineastas menores de 25 anos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES