Noticias

Os currículos de ESO e bacharelato serán reforzados con tres novas materias optativas enfocadas á mellora das competencias financeiras e de intelixencia artificial

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Goberno autonómico vai incorporar o vindeiro curso tres novas materias optativas enfocadas á mellora das competencias financeiras e da intelixencia artificial, que contribuirán ao reforzo dos currículos académicos do ensino secundario obrigatorio (ESO) e de bacharelato. 'A nosa intención e ir un paso por diante das necesidades do futuro e preparar aos alumnos nas necesidades formativas do mañá', indicou.

Unha vez previstos todos os trámites administrativos, a maiores do abano de materias que xa existen actualmente, tal e como explicou Rueda introdúcense as optativas “Cultura Financeira e Intelixencia Artificial para a Sociedade” na etapa de ESO e “Tecnoloxías Intelixentes” na etapa de bacharelato, que se ofertarán o próximo curso.

Cultura Financeira

A introdución desta materia no sistema educativo galego responde ás recomendacións dos estudos a nivel mundial que salientan a necesidade de iniciar a formación e alfabetización financeira xa no ensino obrigatorio, cun enfoque baseado na sustentabilidade e a xestión responsable dos recursos individuais e colectivos. “O obxectivo é que os rapaces adquiran coñecementos financeiros e promover patróns de consumo sostibles no tempo”, resaltou Rueda.

Así pois, en Galicia ofertarase Cultura Financeira como optativa para 3º curso de ESO cunha carga horaria de tres sesións lectivas semanais. Partindo do coñecemento e a comprensión dos conceptos e riscos financeiros, no currículo da materia abordarase o desenvolvemento de habilidades, motivación e confianza necesarias para tomar decisións financeiras responsables e racionais, non só enfocadas á mellora individual, senón tamén a lograr o benestar financeiro da sociedade a través do fomento de patróns de consumo sustentables no tempo.

No que atinxe aos contidos, a materia establécese en catro bloques temáticos: diñeiro e transaccións, planificación e orzamento, a xestión bancaria das finanzas persoais e educación ao consumidor.

Intelixencia Artificial

Esta materia, que se ofertará para 4º de ESO e tamén cunha carga lectiva de tres horas semanais, responde a un dos retos marcados na Estratexia Galega de Educación Dixital 2030, que é o de perfeccionar as competencias e capacidades dixitais para acadar unha verdadeira transformación dixital.

No seu currículo introdúcense aspectos da Intelixencia Artificial para “formalos como futuros usuarios destes sistemas intelixentes”. Trátase de adquirir, a través dun enfoque transversal, habilidades e coñecementos desta disciplina para que se familiaricen con ela e desenvolvan habilidades críticas e relevantes para o seu futuro.

Nesta liña, a materia estrutúrase en catro bloque: que é a intelixencia artificial, o impacto da intelixencia artificial (en que se abordarán cuestións como a ética, a sustentabilidade e os aspectos legais), áreas da intelixencia artificial (percepción e actuación, representación e razoamento, aprendizaxe automático e interacción natural) e aplicacións de intelixencia artificial (como a robótica autónoma ou a internet das cousas).

Tecnoloxías Intelixentes

A terceira materia coa que se reforza o sistema educativo galego de cara ao vindeiro ano é Tecnoloxías Intelixentes, que se ofertará en 1º curso de bacharelato cunha carga horaria semanal de catro sesións lectivas.

Esta materia céntrase na aprendizaxe automática desde unha perspectiva de programadores de sistemas intelixentes e brinda ao alumnado uns coñecementos específicos como aprender a obter e preparar os datos para adestrar sistemas, empregar técnicas de modelado estatístico, utilizar diferentes tipos de redes neuronais, manexar librarías dixitais ou avaliar a calidade dos resultados obtidos por modelos automáticos.

Paralelamente os estudantes poderán adquirirán outras competencias transversais como pode ser a resolución de problemas, a toma de decisións nun contorno tecnolóxico ou a programación en linguaxes de programación de alto nivel.

Estruturado en catro bloques temáticos, o currículo desta materia abordará os coñecementos básicos de programación (fundamentos de programación enfocados ao uso de librarías dixitais), o axente intelixente (abrangue o estudo de áreas da intelixencia artificial como son a percepción, a actuación, a representación, o razoamento e a aprendizaxe), e o impacto da intelixencia enfocado ao uso dos datos (consideracións éticas e aspectos legais en consonancia coas recomendacións da Unión Europa, así como cuestións de sustentabilidade).

R., 2023-04-27

Actualidad

Foto del resto de noticias (reciclaxe_vidro.jpg) Cada galego reciclou o ano pasado unha media de 30,3 quilos de envases domésticos lixeiros e de papel-cartón, case un 3% respecto máis que o ano anterior. Estes datos enmárcanse no traballo desenvolvido pola Xunta e Ecoembes (organización sen ánimo de lucro que coordina a reciclaxe dos envases domésticos en todo o país) para mellorar o depósito, recollida e posterior recuperación deste tipo de residuos no conxunto da comunidade galega. En 2023 en Galicia recuperáronse 73.687 toneladas (Tn) de envases de orixe doméstica (37.640 Tn de envases plásticos, 23.781 Tn de papel-cartón, 11.566 Tn de envases metálicos e 700 Tn de recipientes de madeira).
Foto de la tercera plana (doazons.jpg) A directora da Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos, ADOS, Marisa López, salientou que o pasado ano se rexistraron en Galicia 103.525 doazóns de sangue, das que 9.564 se corresponden a persoas que doaron por primeira vez. Estes bos resultados, que foron expostos pola directora na Comisión 5ª de Sanidade do Parlamento de Galicia, sitúan Galicia entre as comunidades máis solidarias. Este número de doazóns permitiu dar resposta e garantir o abastecemento de hemoderivados de todos os centros hospitalarios de Galicia, en todo momento, e de xeito ininterrompido.

Notas

A Asociación de amigos do Camiño de Santiago da provincia de Lugo que preside Ángel Trabada, ven de celebrar o Día das Letras Galegas en Vietnam, sendo posiblemente os primeiros galegos que celebraron o día 17 esta efeméride. Eran as 5,30 da mañá en España (10,30 en Vietnam), estando o grupo lucense percorrendo a Bahía de Halong a bordo do Amanda Cruise, cando se xuntaron para contemplar a mensaxe audiovisual enviada desde Galicia polo xornalista Xulio Xiz, membro da Asociación.
Creada para impulsar a visibilidade dos creadores máis novos, o Festival de Cans seleccionou dez curtas para a súa sección Novas Camadas, das que cinco tiveron a súa orixe na UVigo. As curtas dos estudantes Juan Ares, Anxo González, Miguel Romero e Rebeca Tella e Daniel F. Filloy, xunto co traballo de fin de grao de Manu Sacoga optarán ao premio dunha sección dirixida a cineastas menores de 25 anos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES