Noticias

O Centro Dramático Galego inicia o día 4 de maio en Vigo a xira de 'Un hotel de primeira sobre o río'

O CDG inicia en Vigo a xira do espectáculo 'Un hotel de primeira sobre o río', cunha función que terá lugar o vindeiro día 4, ás 20,30 h., no Teatro Afundación. A obra de Xohana Torres dirixida por Gonçalo Guerreiro e María Torres, viaxará durante o mes de maio a outros sete escenarios de Galicia e Portugal, despois da súa estrea o pasado 31 de marzo no Salón Teatro de Santiago de Compostela, escenario do que se despide esta fin de semana. O director do CDG, Fran Núñez; a directora de escena María Torres, e a directora da Área de Cultura de Afundación, María Teresa Cores, presentaron aos medios de comunicación as claves desta montaxe, a segunda produción propia para 2023 do CDG.

Baixo a dirección escénica de Guerreiro e Torres, que asinan tamén a escenografía e os textos complementarios, respectivamente, as interpretacións corren a cargo de Iván Davila, Raquel Espada, Sofía Espiñeira, Merche Pérez, Nicolás Otero, Pablo Sánchez e Lidia Veiga, mentres que Carolina Díguele deseñou o vestiario e a produción de arte, Manuel Fonte Loureiro, a composición musical, e Nacho Martín, a iluminación. Da asistencia de produción ocúpase José Díaz e da dirección de xira, Laura R. Duarte.

Vixencia e carácter visionario

A Xunta de Galicia convidou os fundadores da compañía Elefante Elegante para se poñer á fronte da posta en escena de Un hotel de primeira sobre o río co fin de reivindicar a relevancia e a vixencia da obra dramática de Xohana Torres, figura transcendental da literatura galega contemporánea. De feito, tal e como sinalan, o seu persoal estilo e a actualidade dos temas que aborda permiten “tomar consciencia da importancia do seu labor, coidando e nutrindo a nosa lingua, tornándose en referente en feminino e fonte de inspiración”.

A adaptación explora os camiños trazados pola autora, poñendo en valor un “carácter visionario” que anticipou moitas das grandes crises e temáticas protagonistas neste século XXI, como a especulación urbanística, a sobreexplotacion dos recursos naturais, o feminismo, a emigración, o apego á terra ou o éxodo rural.

En Un hotel de primeira sobre o río, o texto dialoga co teatro de movemento, a danza, a música e as artes visuais para afondar na reflexión, o cuestionamento e o debate arredor das dicotomías rural e urbano, e progreso e tradición. O espectáculo desprega en tres actos a historia de Ruth, quen vive e traballa nun val afectado por un proxecto urbanístico para construír un hotel cunha área recreativa, narrando a presión á que se ve sometida para que renuncie á súa terra e ás súas raíces e evocando de xeito onírico a dualidade entre a realidade e a súa imaxinación. Este mundo emocional concrétase tamén na escenografía, deseñada para poñer a proba o equilibrio e a estabilidade dos intérpretes.

Nove funcións na xira

Tras o seu paso por Vigo, Un hotel de primeira sobre o río representarase no Garrett Theatre de Póvoa de Varzim (Portugal) o 6 de maio ás 21,30 h. Volverá despois a Galicia para visitar Vimianzo (Casa da Cultura, día 7 ás 18,30 h.), Lugo (Auditorio Municipal Gustavo Freire, día 11 ás 20,30 h.), O Barco de Valdeorras (Teatro Lauro Olmo, día 12 ás 21,00 h.), Ourense (Teatro Principal, día 16 ás 20,00 h.), Narón (Pazo de Cultura, días 19 e 20 ás 20,30 h. e 20,00 h., respectivamente) e A Coruña (Teatro Rosalía Castro, día 21 de maio ás 20,30 h.).

As localidades para asistir ao espectáculo no Teatro Afundación de Vigo pódense adquirir en liña a través de ataquilla.com e nos puntos de venda habituais.

R., 2023-04-26

Actualidad

Foto del resto de noticias (reciclaxe_vidro.jpg) Cada galego reciclou o ano pasado unha media de 30,3 quilos de envases domésticos lixeiros e de papel-cartón, case un 3% respecto máis que o ano anterior. Estes datos enmárcanse no traballo desenvolvido pola Xunta e Ecoembes (organización sen ánimo de lucro que coordina a reciclaxe dos envases domésticos en todo o país) para mellorar o depósito, recollida e posterior recuperación deste tipo de residuos no conxunto da comunidade galega. En 2023 en Galicia recuperáronse 73.687 toneladas (Tn) de envases de orixe doméstica (37.640 Tn de envases plásticos, 23.781 Tn de papel-cartón, 11.566 Tn de envases metálicos e 700 Tn de recipientes de madeira).
Foto de la tercera plana (doazons.jpg) A directora da Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos, ADOS, Marisa López, salientou que o pasado ano se rexistraron en Galicia 103.525 doazóns de sangue, das que 9.564 se corresponden a persoas que doaron por primeira vez. Estes bos resultados, que foron expostos pola directora na Comisión 5ª de Sanidade do Parlamento de Galicia, sitúan Galicia entre as comunidades máis solidarias. Este número de doazóns permitiu dar resposta e garantir o abastecemento de hemoderivados de todos os centros hospitalarios de Galicia, en todo momento, e de xeito ininterrompido.

Notas

A Asociación de amigos do Camiño de Santiago da provincia de Lugo que preside Ángel Trabada, ven de celebrar o Día das Letras Galegas en Vietnam, sendo posiblemente os primeiros galegos que celebraron o día 17 esta efeméride. Eran as 5,30 da mañá en España (10,30 en Vietnam), estando o grupo lucense percorrendo a Bahía de Halong a bordo do Amanda Cruise, cando se xuntaron para contemplar a mensaxe audiovisual enviada desde Galicia polo xornalista Xulio Xiz, membro da Asociación.
Creada para impulsar a visibilidade dos creadores máis novos, o Festival de Cans seleccionou dez curtas para a súa sección Novas Camadas, das que cinco tiveron a súa orixe na UVigo. As curtas dos estudantes Juan Ares, Anxo González, Miguel Romero e Rebeca Tella e Daniel F. Filloy, xunto co traballo de fin de grao de Manu Sacoga optarán ao premio dunha sección dirixida a cineastas menores de 25 anos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES