Noticias

As Letras Galegas celebran a súa 60 edición con máis dun centenar de actividades arredor de Francisco Fernández del Riego

Tivo lugar esta mañá na Cidade da Cultura a presentación da programación das Letras Galegas 2023, que chegan á súa 60 edición rendéndolle homenaxe ao tradutor, novelista, historiador, xornalista, ensaísta e editor Francisco Fernández del Riego. Unha decisión da Real Academia Galega que, segundo o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, 'é un acto de xustiza', pois foi precisamente Del Riego quen, xunto con Gómez Román e Ferro Couselo, 'impulsou a iniciativa para establecer unha xornada que permitise atesourar e recoñecer a todos e a todas os que contribuíron a enriquecer a nosa lingua e a ampliar o noso horizonte intelectual'.

O titular de Cultura tamén quixo destacar do autor laurentino, “un dos máis prolíficos e brillantes ensaístas do século XX e parte do XXI”, o seu legado para a cultura e lingua galegas, pois “a vocación de Fernández del Riego non se limitaba soamente á súa propia obra, senón que debemos considerar o seu gran papel como dinamizador da vida literaria, cultural e intelectual de Galicia”. Un papel que, ademais, o levou a “actuar como embaixador oficioso da nosa cultura por todo o planeta”, engadiu o representante do Goberno galego.

O programa de actividades, que inclúe máis dun centenar de propostas de ámbito literario, deportivo, musical, escénico, académico e escolar, está impulsado pola Xunta, a Real Academia Galega (RAG), o Consello da Cultura Galega e a CRTVG en colaboración co Concello de Lourenzá e coa Mesa Coordinadora D. Paco, así como coa de numerosas editoriais galegas (Xerais, Bolanda, Ir indo e Galaxia), e entidades e empresas de diversos sectores como Renfe Viajeros, Gadis, Vegalsa-Eroski, Feiraco e Xurdir, entre outras.

As accións, dirixidas a renderlle tributo, dar a coñecer e poñer en valor a vida e obra do homenaxeado, desenvolveranse ao longo de todo o ano, con especial atención ao propio Día das Letras Galegas, o 17 de maio.

Na rolda de prensa tamén participaron o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; o director de Proxección Social da Corporación Radio e Televisión de Galicia, Xaime Arias, e a alcaldesa de Lourenzá e presidenta da Mesa Coordinadora D. Paco, Rocío López.

Programación transversal para toda a cidadanía

Como cada ano, a programación das Letras Galegas será transversal e “inclúe unha batería de iniciativas centradas nas distintas facetas que desenvolveu Férnandez del Riego”, indicou o conselleiro. Así, contempla proxectos expositivos como a mostra itinerante Cos ollos do espírito, promovida pola Xunta coa colaboración de Editorial Galaxia e da Fundación Penzol, das que o homenaxeado foi director. A esta exposición súmanse outras como as gañadoras do Concurso-exposición Letras Galegas 2023, que tamén poderán verse a través do Portal da Lingua Galega, ou as mostras que acollerán os centros da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.

Outro dos aspectos que caracteriza a celebración das Letras é o seu carácter participativo. Neste senso, “impulsaranse accións que buscan a implicación de toda a sociedade como lecturas públicas, o concurso de mensaxes de amor en galego Lingua de namorar ou a tradicional Carreira Camiño das Letras”, engadiu Román Rodríguez.

Ademais, os centros da Xunta albergarán actividades como a obra de teatro A viaxe feliz de Ramón Sanfiz, da compañía Fantoches Baj; contacontos como Un día para as Letras: Pequena biografía ilustrada de Francisco Fernández del Riego, a cargo de Polo Correo do Vento; actuacións musicais, como a 41º edición do festival Festiletras, en colaboración coa Fundación Eduardo Pondal; obradoiros na Cidade da Cultura e nas biblitotecas públicas ou especiais na CRTVG que, entre outras accións, emitirá os programas de radio Galicia por diante e Diario cultural desde a vila de Lourenzá o vindeiro 17 de maio.

No eido das publicacións, cabe destacar a colaboración da Xunta con editoriais como Galaxia ou Xerais, entre outras, na reedición de títulos do autor de Lourenzá ou na publicación de volumes que analizan a súa vida e obra, así como na súa adaptación para os máis pequenos dentro da colección Letras Galegas dos Bolechas.

Actividade no ámbito educativo e académico

“Desde o punto de vista educativo, os centros de ensino galegos elaboran recursos e organizan actividades como calendarios, crebacabezas, festivais ou brincaletras”, subliñou o representante de Cultura. Ademais, durante todo o curso manterase o traballo dos Equipos de Dinamización da Lingua Galega dos centros de ensino, cuxos recursos máis destacados arredor das Letras Galegas poderán consultarse no Portal da Lingua Galega.

Tamén dentro do ámbito escolar, existen “iniciativas vencelladas á creación audiovisual como os certames de podcast ou a lectura pública compartida entre distintos centros”, engadiu.

Pola súa banda, no eido académico, manteranse citas habituais como o simposio organizado pola RAG coa colaboración da Xunta, centrado na personalidade e na obra do autor, así como a publicación do volume anual dedicado ao homenaxeado dentro da colección Cadernos Ramón Piñeiro.

Programación no exterior

Ao igual que o ano pasado, “terá un papel fundamental a programación das Letras Galegas no exterior dado o enorme labor que desenvolveu o homenaxeado á hora de promover a lingua e cultura galega na Galicia interior e na externa”, destacou o conselleiro de Cultura. Así, “celebraranse encontros, actividades e talleres a través da Rede de Centros de Estudos Galegos e lectorados da Xunta de Galicia”, repartida polos diferentes continentes, que levarán a pegada de Del Riego a cidades como Zadar (Croacia), Madrid, A Habana, Oxford, Lisboa, Budapest ou São Paulo.

R., 2023-02-24

Actualidad

Foto del resto de noticias (reciclaxe_vidro.jpg) Cada galego reciclou o ano pasado unha media de 30,3 quilos de envases domésticos lixeiros e de papel-cartón, case un 3% respecto máis que o ano anterior. Estes datos enmárcanse no traballo desenvolvido pola Xunta e Ecoembes (organización sen ánimo de lucro que coordina a reciclaxe dos envases domésticos en todo o país) para mellorar o depósito, recollida e posterior recuperación deste tipo de residuos no conxunto da comunidade galega. En 2023 en Galicia recuperáronse 73.687 toneladas (Tn) de envases de orixe doméstica (37.640 Tn de envases plásticos, 23.781 Tn de papel-cartón, 11.566 Tn de envases metálicos e 700 Tn de recipientes de madeira).
Foto de la tercera plana (doazons.jpg) A directora da Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos, ADOS, Marisa López, salientou que o pasado ano se rexistraron en Galicia 103.525 doazóns de sangue, das que 9.564 se corresponden a persoas que doaron por primeira vez. Estes bos resultados, que foron expostos pola directora na Comisión 5ª de Sanidade do Parlamento de Galicia, sitúan Galicia entre as comunidades máis solidarias. Este número de doazóns permitiu dar resposta e garantir o abastecemento de hemoderivados de todos os centros hospitalarios de Galicia, en todo momento, e de xeito ininterrompido.

Notas

A Asociación de amigos do Camiño de Santiago da provincia de Lugo que preside Ángel Trabada, ven de celebrar o Día das Letras Galegas en Vietnam, sendo posiblemente os primeiros galegos que celebraron o día 17 esta efeméride. Eran as 5,30 da mañá en España (10,30 en Vietnam), estando o grupo lucense percorrendo a Bahía de Halong a bordo do Amanda Cruise, cando se xuntaron para contemplar a mensaxe audiovisual enviada desde Galicia polo xornalista Xulio Xiz, membro da Asociación.
Creada para impulsar a visibilidade dos creadores máis novos, o Festival de Cans seleccionou dez curtas para a súa sección Novas Camadas, das que cinco tiveron a súa orixe na UVigo. As curtas dos estudantes Juan Ares, Anxo González, Miguel Romero e Rebeca Tella e Daniel F. Filloy, xunto co traballo de fin de grao de Manu Sacoga optarán ao premio dunha sección dirixida a cineastas menores de 25 anos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES