Notas de prensa

Un estudo liderado pola UDC revela a gran incidencia da hostilidade dixital contra a representación política e o fondo machista destes ataques

Un equipo da Universidade da Coruña formado polas profesoras Teresa Piñeiro Otero e Ana González Neira, da Facultade de Ciencias da Comunicación; Laura Castro Souto, Beatriz Pérez Sánchez, Laura Morán Fernández e Verónica Bolón Canedo, da Facultade de Informática; o docente no Máster Universitario en Políticas Sociais e Intervención Comunitaria, Adrián Gonçalves Barbosa; e as investigadoras Lucía Ãlvarez Crespo e María Eugenia Ambort; lidera o proxecto de investigación AGITATE.

O estudo pon de manifesto a importante incidencia da hostilidade dixital contra as persoas que desempeñan cargos de representación política, así como as connotacións machistas destes ataques.

A forma máis común de acoso dixital é a recepción de mensaxes odiosas, que van desde insultos ata comentarios denigrantes (o 21,9% dos homes e o 34,8% das mulleres que participaron sinalan ter sido obxecto deste tipo de violencias). Outras formas máis organizadas de acoso, como campañas de desprestixio ou a difusión de información falsa tamén están presentes no entorno dixital político.

Cando se indaga sobre as motivación detrás destes ataques, as persoas integrantes das cámaras de representación sinalan fundamentalmente cuestións de tipo político. Ideoloxía (60,6%), partido de pertenza (57,5%) ou posicionamento (39,4%) teñen máis peso que outros factores, como o xénero (11,9% de respostas, fundamentalmente de mulleres). No entanto, o estudo levado a cabo permitiu constatar un nesgo de xénero nestas violencias, tanto na súa manifestación como nas persoas que as exercen.

O único tipo de violencia no que observan diferenzas significativas de xénero é no acoso sexual en liña. Un 21,6% das políticas participantes afirman ter sufrido este tipo de violencia nas redes sociais, unha realidade que só experimentaron o 6,9% dos varóns.

Asemade as políticas participantes tenden a identificar os seus agresores como homes, mentres que os políticos varóns sinalan a mulleres e homes na mesma proporción.

Unha forma de violencia contra as mulleres en política

As entrevistas con 25 mulleres políticas, de diversos partidos e ámbitos de actuación, puxeron de manifesto a súa preocupación pola hostilidade que reciben nas redes sociais así como a impunidade dos agresores. Sinalan enfrontarse con frecuencia a ataques orquestrados e campañas de desprestixio para desgastalas e amedrentalas.

Na súa maioría as mulleres políticas identifican esta violencia en liña como diferente á que enfrontan os seus colegas varóns. Coinciden en sinalar un enfoque dos ataques cara o persoal -aspecto físico, vestimenta, preferencias sexuais, etc.- así como o uso de cualificacións que minimizan o seu papel, a súa valía política ou as cousifican.

A constante exposición a presións e agresións leva ás mulleres a limitar, reformular e mesmo a desistir de participar en determinadas plataformas e debates. Unhas medidas de autoprotección que repercuten directamente nunha perda de pluralismo.

A exposición a estas hostilidades dixitais ten un impacto significativo na saúde mental das mulleres políticas. Moitas subliñan situacións de ansiedade, cansazo i estrés que mesmo as levou a abandonar a primeira liña política. No entanto, para moitas estes ataques supoñen un alicerce para seguir loitando.

O estudo tamén reflectiu a persistencia dunha visión destas violencias como unha problemática individual que se fai patente na falta de apoios de colegas, mesmo dentro do seu partido político.

Accións de sensibilización

Para afondar máis polo miúdo nestas hostilidades que sofren as mulleres en política e fomentar unha actitude crítica fronte as mesmas, o equipo de AGITATE levou a cabo o podcast homónimo, que aborda a complexidade destas violencias dixitais con expertas neste eido, así como una microformación a través de Telegram e WhatsApp, en colaboración coa entidade Ecos do Sur, co obxectivo de formar e sensibilizar ás persoas usuarias nunha actividade na rede máis consciente e comprometida.

Apoio e Financiamento

Este estudo foi desenvolvido ao abeiro da convocatoria de subvencións do Instituto de las Mujeres destinadas á realización de Investigacións Feministas, de Xénero e sobre Mulleres, correspondentes ao ano 2022. Nesta convocatoria concorreron un total do 245 propostas de 55 universidades e centros de investigación. Asimetrías de xénero na comunicación política dixital da Universidade da Coruña foi un dos 19 proxectos de investigación que acadaron financiación.

Universidade da Coruña (UDC), 2024-02-28

Actualidad

Foto del resto de noticias (reciclaxe_vidro.jpg) Cada galego reciclou o ano pasado unha media de 30,3 quilos de envases domésticos lixeiros e de papel-cartón, case un 3% respecto máis que o ano anterior. Estes datos enmárcanse no traballo desenvolvido pola Xunta e Ecoembes (organización sen ánimo de lucro que coordina a reciclaxe dos envases domésticos en todo o país) para mellorar o depósito, recollida e posterior recuperación deste tipo de residuos no conxunto da comunidade galega. En 2023 en Galicia recuperáronse 73.687 toneladas (Tn) de envases de orixe doméstica (37.640 Tn de envases plásticos, 23.781 Tn de papel-cartón, 11.566 Tn de envases metálicos e 700 Tn de recipientes de madeira).
Foto de la tercera plana (doazons.jpg) A directora da Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos, ADOS, Marisa López, salientou que o pasado ano se rexistraron en Galicia 103.525 doazóns de sangue, das que 9.564 se corresponden a persoas que doaron por primeira vez. Estes bos resultados, que foron expostos pola directora na Comisión 5ª de Sanidade do Parlamento de Galicia, sitúan Galicia entre as comunidades máis solidarias. Este número de doazóns permitiu dar resposta e garantir o abastecemento de hemoderivados de todos os centros hospitalarios de Galicia, en todo momento, e de xeito ininterrompido.

Notas

A Asociación de amigos do Camiño de Santiago da provincia de Lugo que preside Ãngel Trabada, ven de celebrar o Día das Letras Galegas en Vietnam, sendo posiblemente os primeiros galegos que celebraron o día 17 esta efeméride. Eran as 5,30 da mañá en España (10,30 en Vietnam), estando o grupo lucense percorrendo a Bahía de Halong a bordo do Amanda Cruise, cando se xuntaron para contemplar a mensaxe audiovisual enviada desde Galicia polo xornalista Xulio Xiz, membro da Asociación.
Creada para impulsar a visibilidade dos creadores máis novos, o Festival de Cans seleccionou dez curtas para a súa sección Novas Camadas, das que cinco tiveron a súa orixe na UVigo. As curtas dos estudantes Juan Ares, Anxo González, Miguel Romero e Rebeca Tella e Daniel F. Filloy, xunto co traballo de fin de grao de Manu Sacoga optarán ao premio dunha sección dirixida a cineastas menores de 25 anos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES