Notas de prensa

Recoñecidos especialistas en Cervantes traen a Vigo a presentación dun novo monográfico sobre o autor

'Miguel de Cervantes: más allá de la obra maestra' é o significativo epígrafe do último número do Boletín de la Biblioteca Menéndez Pelayo, unha obra que se presentará o vindeiro luns en Vigo nun acto que contará coa participación de recoñecidos especialistas neste autor, entre eles, o catedrático da UVigo José Montero Reguera, decano da Facultade de Filoloxía e Tradución, e a catedrática da Universidade da Sorbonne, María Zerari, os coordinadores do volume.

Será no edificio Redeiras o vindeiro luns ás 19.00 horas, nun acto aberto ao público no que Montero e Zerari estarán acompañados por Fernando Romo, profesor de Teoría da Literatura da Universidade de Vigo; Raquel Gutiérrez, profesora da Universidad de Cantabria e directora do Boletín de la Biblioteca Menéndez Pelayo, e Borja Rodríguez Gutiérrez, presidente da Real Sociedad Menéndez Pelayo.

Nos cen anos de vida do Boletín de la Biblioteca de Menéndez Pelayo apareceron nas súas páxinas 80 traballos sobre Cervantes e as súas obras a cargo de ilustres cervantistas e este é o cuarto monográfico que a revista dedica ao insigne escritor, tras un volume de 1947 e os números monográficos coordinados por Germán Vega (2005) e por Germán Vega e o propio José Montero Reguera (2016). “Levo coordinados varios monográficos cervantinos (para o Instituto Cervantes, para Anales Cervantinos, para a Asociación de Cervantistas, para a Universidade de Alcalá de Henares, entre outros), pero os dous que preparei para o Boletín de la Biblioteca de Menendez Pelayo constitúen fitos importantes na miña xa non pequena traxectoria académica”, explica Montero, quen subliña que se trata dunha publicación centenaria (“cumpre os seus primeiros cen neste ano de 2024”) e, ademais, é a segunda máis antiga de entre as dedicadas os estudos literarios en España.

Traballos de calado chegados de todo o mundo

Nesta ocasión preséntanse traballos de calado escritos por investigadores e investigadoras de todo o mundo, “recoñecidos especialistas en Cervantes, hispanistas de prestixio que abordan temas de moito interese”, explica Montero, quen recalca que o título do monográfico reflicte o binomio co que habitualmente se coñece ao escritor: novelista (“creador do Quijote e, se seica, das Novelas ejemplares: o resto só queda para moi especialistas”); autor de teatro, “quizais polos entremeses (que entraron no canon desde moi pronto), pero non tanto polas súas comedias (algunha aínda sen ser representada no últimos tres séculos)” e “que dicir da poesía”.

No fondo, segundo Montero Reguera, entran en contraste dúas maneiras de achegarse ao escritor e a súa obra: a que permite achegarnos a un autor de hai catro séculos grazas a unha obra que sobreviviu a tempo e espazos moi distintos, pero que canaliza ao seu creador por un único camiño; e aquela que quere recuperar a ese escritor no seu tempo e contexto: moi claro se nos achegamos ao Cervantes en vésperas do Quijote (La Galatea [poesía lírica], a Numancia [poesía dramática] e romancero [poesía narrativa: os “romances infinitos” mencionados en Viaje del Parnaso]). E aínda máis, lembra Montero, se nos achegamos ao Cervantes do final: Famoso Bernardo (poesía épica), segunda parte da Galatea (poesía lírica), Semanas del Jardín (volta á novela curta). “Hai vida mais aló do Quijote e aquí recuperamos unha perspectiva histórica que é fundamental para comprender aos nosos escritores clásicos”, subliña o coordinador do Boletín.

“Que a sociedade coñeza o moito traballo que facemos na FFT”

Nesta ocasión, o monográfico está dedicado a Jean Canavaggio, recoñecido cervantista francés que faleceu pouco despois de entregar o seu traballo para este monográfico e antes de saír impreso. “Unha necrolóxica de Germán Vega máis a presentación redactada por nós (María Zerari máis eu) salienta a figura desde investigador”, apunta Montero Reguera, quen anima a todas as persoas interesadas a que asistan á presentación. “É importante que a sociedade coñeza o moito traballo que facemos na Facultade de Filoloxía e Tradución e, para isto, Redeiras é un magnífico altofalante”, explica o decano, quen recalca que as persoas que non poidan asistir presencialmente poden facelo a través do Campus Remoto, simplemente deben enviar un correo solicitándoo a jmontero@uvigo.gal

Universidade de Vigo, 2024-02-23

Actualidad

Foto del resto de noticias (reciclaxe_vidro.jpg) Cada galego reciclou o ano pasado unha media de 30,3 quilos de envases domésticos lixeiros e de papel-cartón, case un 3% respecto máis que o ano anterior. Estes datos enmárcanse no traballo desenvolvido pola Xunta e Ecoembes (organización sen ánimo de lucro que coordina a reciclaxe dos envases domésticos en todo o país) para mellorar o depósito, recollida e posterior recuperación deste tipo de residuos no conxunto da comunidade galega. En 2023 en Galicia recuperáronse 73.687 toneladas (Tn) de envases de orixe doméstica (37.640 Tn de envases plásticos, 23.781 Tn de papel-cartón, 11.566 Tn de envases metálicos e 700 Tn de recipientes de madeira).
Foto de la tercera plana (doazons.jpg) A directora da Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos, ADOS, Marisa López, salientou que o pasado ano se rexistraron en Galicia 103.525 doazóns de sangue, das que 9.564 se corresponden a persoas que doaron por primeira vez. Estes bos resultados, que foron expostos pola directora na Comisión 5ª de Sanidade do Parlamento de Galicia, sitúan Galicia entre as comunidades máis solidarias. Este número de doazóns permitiu dar resposta e garantir o abastecemento de hemoderivados de todos os centros hospitalarios de Galicia, en todo momento, e de xeito ininterrompido.

Notas

A Asociación de amigos do Camiño de Santiago da provincia de Lugo que preside Ãngel Trabada, ven de celebrar o Día das Letras Galegas en Vietnam, sendo posiblemente os primeiros galegos que celebraron o día 17 esta efeméride. Eran as 5,30 da mañá en España (10,30 en Vietnam), estando o grupo lucense percorrendo a Bahía de Halong a bordo do Amanda Cruise, cando se xuntaron para contemplar a mensaxe audiovisual enviada desde Galicia polo xornalista Xulio Xiz, membro da Asociación.
Creada para impulsar a visibilidade dos creadores máis novos, o Festival de Cans seleccionou dez curtas para a súa sección Novas Camadas, das que cinco tiveron a súa orixe na UVigo. As curtas dos estudantes Juan Ares, Anxo González, Miguel Romero e Rebeca Tella e Daniel F. Filloy, xunto co traballo de fin de grao de Manu Sacoga optarán ao premio dunha sección dirixida a cineastas menores de 25 anos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES