Notas de prensa

Arranca no CIM un proxecto sobre eficiencia alimentaria en peixes que fortalecerá a competitividade do sector acuícola español

A alimentación é o principal custo do sector da acuicultura, de aí a importancia de intensificar o coñecemento sobre os mecanismos que regulan o apetito, a inxesta de alimentos e o gasto enerxético dos peixes, o que permitirá mellorar a súa eficiencia alimentaria, factor clave para acadar unha produción piscícola moito máis sostible.

Desde o Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM) o grupo de Fisioloxía de Peixes (PhysToFish), liderado polo catedrático José Luis Soengas, leva anos avanzando nestas cuestións, un traballo que agora toma novos folgos coa consecución do proxecto de investigación FishFedEx sobre alimentación e gasto enerxético en peixes teleósteos, financiado con máis de 700.000 euros dentro do Plan nacional de I+D+i, dos que 256.250 euros lle corresponden á UVigo, que coordina o proxecto; 243.750 euros, ao Instituto de Acuicultura Torre de la Sal do CSIC, e 233.750 euros á Universidad Complutense de Madrid, os outros dous membros do consorcio.

“O proxecto promoverá un cambio de concepto na forma en que se consideraron ata a data a alimentación e o gasto enerxético dos peixes ao abordar os factores involucrados na estimulación (palatabilidade e gusto) do consumo de alimento, así como os desafíos relacionados co clima e o medio ambiente”, explica o coordinador. Por outro lado, engade que “a mellora do deseño de estratexias de alimentación tamén fortalecerá a competitividade do sector acuícola español, que é un dos principais obxectivos da contribución de España ás Directrices estratégicas para una acuicultura de la UE más sostenible y competitiva 2021-2030, producindo un incremento no número e a calidade dos postos de traballo asociados a este sector”.

A iniciativa, segundo indica Soengas, tamén estudará “o impacto nocivo da cronodisrupción, servindo así de guía no deseño de políticas de benestar dos peixes”. Por todo iso, os resultados da proposta favorecerán, segundo o seu parecer, ao desenvolvemento dunha acuicultura sostible, responsable, resiliente, innovadora e competitiva, contribuíndo á Axenda 2030 das Nacións Unidas para os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible.

Novas liñas de investigación e novas metodoloxías

En concreto, a iniciativa busca abrir liñas de investigación novas en peixes, como a caracterización dos mecanismos do gusto e a súa sinalización ao cerebro, a modulación da alimentación por produtos da microbiota, a modulación da motilidade e detección intestinal, a relación da serotonina periférica co sistema inmunolóxico, a modulación do gasto de enerxía ou o impacto dos desafíos ambientais na regulación da alimentación. Doutra banda, poderanse desenvolver novas metodoloxías para ser utilizadas en peixes, como o illamento de células gustativas e enteroendocrinas, medicións de preferencia de lugar de alimentación e ansiedade, ou ferramentas non invasivas e de telemetría para monitorizar o benestar. Igualmente, estudaranse as condicións de benestar dos peixes con información sobre nutrientes que melloran a palatabilidade, condicións ambientais (luz, temperatura, contaminantes) que perturban ou favorecen a regulación da alimentación, ou factores periféricos que modulan a preferencia dietética. Por último, desenvolveranse novas ferramentas, como liñas transxénicas para o estudo das vías gustativas centrais e posibles compostos anti-disuasores e para comprender o papel da detección de ácidos graxos e os sistemas circadiano e de recompensa na inxesta de alimento.

O consorcio que impulsa o proxecto leva máis de 20 anos colaborando

O consorcio de grupos de investigación Fish Feeding Physiology Group está formado polo grupo Fisioloxía de Peixes (PhysToFish), do CIM, liderado por José Luis Soengas; Neuroendopez, da Facultade de Bioloxía da Universidad Complutense de Madrid, liderado por Nuria de Pedro e Esther Isorna; e Fish neurobehaviour Lab, do Instituto de Acuicultura Torre de la Sal do CSIC, liderado por José Miguel Cerdá-Reverter. Xuntos levan máis de 20 anos traballando, a través de proxectos de investigación coordinados do Plan nacional de I+D+i no campo da regulación da alimentación en peixes e o seu impacto na acuicultura.

Universidade de Vigo, 2024-02-22

Actualidad

Foto del resto de noticias (reciclaxe_vidro.jpg) Cada galego reciclou o ano pasado unha media de 30,3 quilos de envases domésticos lixeiros e de papel-cartón, case un 3% respecto máis que o ano anterior. Estes datos enmárcanse no traballo desenvolvido pola Xunta e Ecoembes (organización sen ánimo de lucro que coordina a reciclaxe dos envases domésticos en todo o país) para mellorar o depósito, recollida e posterior recuperación deste tipo de residuos no conxunto da comunidade galega. En 2023 en Galicia recuperáronse 73.687 toneladas (Tn) de envases de orixe doméstica (37.640 Tn de envases plásticos, 23.781 Tn de papel-cartón, 11.566 Tn de envases metálicos e 700 Tn de recipientes de madeira).
Foto de la tercera plana (doazons.jpg) A directora da Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos, ADOS, Marisa López, salientou que o pasado ano se rexistraron en Galicia 103.525 doazóns de sangue, das que 9.564 se corresponden a persoas que doaron por primeira vez. Estes bos resultados, que foron expostos pola directora na Comisión 5ª de Sanidade do Parlamento de Galicia, sitúan Galicia entre as comunidades máis solidarias. Este número de doazóns permitiu dar resposta e garantir o abastecemento de hemoderivados de todos os centros hospitalarios de Galicia, en todo momento, e de xeito ininterrompido.

Notas

A Asociación de amigos do Camiño de Santiago da provincia de Lugo que preside Ángel Trabada, ven de celebrar o Día das Letras Galegas en Vietnam, sendo posiblemente os primeiros galegos que celebraron o día 17 esta efeméride. Eran as 5,30 da mañá en España (10,30 en Vietnam), estando o grupo lucense percorrendo a Bahía de Halong a bordo do Amanda Cruise, cando se xuntaron para contemplar a mensaxe audiovisual enviada desde Galicia polo xornalista Xulio Xiz, membro da Asociación.
Creada para impulsar a visibilidade dos creadores máis novos, o Festival de Cans seleccionou dez curtas para a súa sección Novas Camadas, das que cinco tiveron a súa orixe na UVigo. As curtas dos estudantes Juan Ares, Anxo González, Miguel Romero e Rebeca Tella e Daniel F. Filloy, xunto co traballo de fin de grao de Manu Sacoga optarán ao premio dunha sección dirixida a cineastas menores de 25 anos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES