Notas de prensa

Nace o "Portal da Investigación da Universidade da Coruña", un novo sitio web que reúne a produción científica do seu persoal investigador

A UDC puxo en marcha o "Portal da investigación da UDC", un novo sitio web onde se pode consultar toda a produción científica e as métricas dos seus centros singulares, grupos de investigación e persoas investigadoras mediante unha interface de fácil uso. O obxectivo do portal é mellorar a visibilidade e a transparencia da actividade investigadora da UDC.

Actualmente, o portal recolle a totalidade do persoal docente e investigador activo da UDC e aliméntase coas publicacións existentes en Dialnet, Scopus e Web of Science (WoS). A actualización da información realizarase de forma automática periodicamente, permitindo acceder aos datos máis recentes de forma sinxela.

As buscas poden filtrarse por centro, grupo ou investigador ou investigadora individual, o que facilita ao usuario explorar na estrutura universitaria, localizar persoas expertas en diversas disciplinas, acceder ás súas publicacións e consultar indicadores bibliométricos a nivel individual, colectivo e institucional.

O "Portal da Investigación da UDC" é de libre acceso para o público en xeral, pero para visualizar algúns dos indicadores e dispoñer doutras opcións, como o acceso aos textos completos dos documentos, cómpre ser membro da comunidade universitaria. O único requisito, neste caso, será identificarse co usuario e contrasinal se se quere ter opción tamén a estes recursos.

Ademais, aos investigadores e investigadoras permitiralles descargar o seus currículos e informes co impacto normalizado das súas publicacións, así como xestionar os seus perfís de investigadores/as.

A orixe do portal

O proxecto deste novo portal da investigación nace da colaboración entre o Servizo de Biblioteca, o Servizo de Informática e Comunicación e o Servizo de Investigación da UDC e conta cunha axuda María de Guzmán da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT).

Malia a posta en marcha desta ferramenta, de momento continuará tamén en funcionamento a do Sistema Unificado de Xestión da Investigación (SUXI), que se viña utilizando pola UDC como única alternativa para a xestión dos méritos de investigación, e á que finalmente acabará por substituír nun futuro próximo.

Máis información: https://portalinvestigacion.udc.gal

Universidade da Coruña (UDC), 2024-06-12

Actualidad

Foto del resto de noticias (reciclaxe_vidro.jpg) Cada galego reciclou o ano pasado unha media de 30,3 quilos de envases domésticos lixeiros e de papel-cartón, case un 3% respecto máis que o ano anterior. Estes datos enmárcanse no traballo desenvolvido pola Xunta e Ecoembes (organización sen ánimo de lucro que coordina a reciclaxe dos envases domésticos en todo o país) para mellorar o depósito, recollida e posterior recuperación deste tipo de residuos no conxunto da comunidade galega. En 2023 en Galicia recuperáronse 73.687 toneladas (Tn) de envases de orixe doméstica (37.640 Tn de envases plásticos, 23.781 Tn de papel-cartón, 11.566 Tn de envases metálicos e 700 Tn de recipientes de madeira).
Foto de la tercera plana (doazons.jpg) A directora da Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos, ADOS, Marisa López, salientou que o pasado ano se rexistraron en Galicia 103.525 doazóns de sangue, das que 9.564 se corresponden a persoas que doaron por primeira vez. Estes bos resultados, que foron expostos pola directora na Comisión 5ª de Sanidade do Parlamento de Galicia, sitúan Galicia entre as comunidades máis solidarias. Este número de doazóns permitiu dar resposta e garantir o abastecemento de hemoderivados de todos os centros hospitalarios de Galicia, en todo momento, e de xeito ininterrompido.

Notas

A Asociación de amigos do Camiño de Santiago da provincia de Lugo que preside Ãngel Trabada, ven de celebrar o Día das Letras Galegas en Vietnam, sendo posiblemente os primeiros galegos que celebraron o día 17 esta efeméride. Eran as 5,30 da mañá en España (10,30 en Vietnam), estando o grupo lucense percorrendo a Bahía de Halong a bordo do Amanda Cruise, cando se xuntaron para contemplar a mensaxe audiovisual enviada desde Galicia polo xornalista Xulio Xiz, membro da Asociación.
Creada para impulsar a visibilidade dos creadores máis novos, o Festival de Cans seleccionou dez curtas para a súa sección Novas Camadas, das que cinco tiveron a súa orixe na UVigo. As curtas dos estudantes Juan Ares, Anxo González, Miguel Romero e Rebeca Tella e Daniel F. Filloy, xunto co traballo de fin de grao de Manu Sacoga optarán ao premio dunha sección dirixida a cineastas menores de 25 anos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES