Notas de prensa

Unha mostra en Fonseca reivindica a figura pioneira de Enrique Labarta Pose na cultura galega de finais do XIX

Enrique Labarta Pose (Baio, Zas, 1863-Barcelona, 1925) foi un “escritor e xornalista” de “moitísimas facetas”, segundo lembrou o catedrático da USC Jorge Mira na apertura da exposición en homenaxe a este autor, que tivo lugar no Colexio de Fonseca e da que el é comisario. Labarta escribiu narrativa, poesía e teatro nunha época, finais do século XIX, na que non era habitual que un literato cultivase os tres xéneros, e se fixo un nome no eido da prensa satírica española, sendo considerado a principal figura desta na época da Restauración e chegando a fundar cinco cabeceiras.

Así mesmo, conforme puxo de relevo Jorge Mira, foi un dos pioneiros do uso da fotografía na prensa galega, converténdose en 1883 “na primeira persoa en publicar unha foto na portada dunha publicación periódica”, e tamén foi un dos introdutores do fonógrafo en Galicia, invento que dou a coñecer en distintas localidades. A súa figura inspiroulle a Alejandro Pérez Lugín, o autor de ‘La Casa de la Troya’, o personaxe de Barcala, dato que o novelista revelou nun artigo publicado en 1909.

Labarta residiu os últimos anos da súa vida en Barcelona, onde o homenaxearon no 25 aniversario da súa morte cunha placa no barrio de Gràcia. Foi precisamente o feito de que pasara os seus últimos anos fóra de Galicia unha das causas “de que se perdera a súa memoria” en terras galegas, explicou o comisario da exposición, quen lembrou que na Costa da Morte aínda hai vellos recitadores de textos de Labarta, os últimos dunha época na que case un 90% da poboación non sabía ler e por tanto “a cultura era oral e popular”.

Jorge Mira aproveitou para propoñerlles aos membros da Real Academia Galega presentes na inauguración que se lle dedique a Labarta o Día das Letras Galegas de 2025, coincidindo co centenario da súa morte, e aproveitando que acaba de saír do prelo unha edición das obras de Labarta. Indicou ademais que Labarta era un autor con conciencia social que escribiu un poema en defensa da lingua galega -localizado polo profesor e escritor Miro Villar- e que ten ademais poemas en defensa das mulleres ou con perspectiva animalista -un alegato en defensa dos animais fronte ás corridas de touros.

O alcalde de Zas, Manuel Muíño, subliñou que o Concello buscar divulgar a figura de Labarta coa intención de que se lle dedique un dos próximos Día das Letras Galegas e asegurou que a exposición contribúe a abordar “a débeda histórica” co escritor. Pola súa banda, a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Ãlvarez Blanco, lembrou a etapa pontevedresa do autor de Baio, na que contribuíu a afianzar a tradición carnavalesca da cidade, e puxo de relevo o feito de que “hai unha comarca completa detrás da súa figura”, en referencia á Costa da Morte.

A vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias, clausurou o acto recordando que a mostra é o froito “dun traballo de máis de 25 anos para difundir e divulgar a figura de Enrique Labarta” e asegurou que permite “crear comunidade arredor dunha figura onde a xente dunha comarca se ve reflectida”. A mostra 'Enrique Labarta Pose, a pluma da terra' permanecerá aberta do 31 de xaneiro ao 1 de marzo de 2024 no Claustro Alto do Colexio de Fonseca.

Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2024-01-31

Actualidad

Foto del resto de noticias (reciclaxe_vidro.jpg) Cada galego reciclou o ano pasado unha media de 30,3 quilos de envases domésticos lixeiros e de papel-cartón, case un 3% respecto máis que o ano anterior. Estes datos enmárcanse no traballo desenvolvido pola Xunta e Ecoembes (organización sen ánimo de lucro que coordina a reciclaxe dos envases domésticos en todo o país) para mellorar o depósito, recollida e posterior recuperación deste tipo de residuos no conxunto da comunidade galega. En 2023 en Galicia recuperáronse 73.687 toneladas (Tn) de envases de orixe doméstica (37.640 Tn de envases plásticos, 23.781 Tn de papel-cartón, 11.566 Tn de envases metálicos e 700 Tn de recipientes de madeira).
Foto de la tercera plana (doazons.jpg) A directora da Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos, ADOS, Marisa López, salientou que o pasado ano se rexistraron en Galicia 103.525 doazóns de sangue, das que 9.564 se corresponden a persoas que doaron por primeira vez. Estes bos resultados, que foron expostos pola directora na Comisión 5ª de Sanidade do Parlamento de Galicia, sitúan Galicia entre as comunidades máis solidarias. Este número de doazóns permitiu dar resposta e garantir o abastecemento de hemoderivados de todos os centros hospitalarios de Galicia, en todo momento, e de xeito ininterrompido.

Notas

A Asociación de amigos do Camiño de Santiago da provincia de Lugo que preside Ãngel Trabada, ven de celebrar o Día das Letras Galegas en Vietnam, sendo posiblemente os primeiros galegos que celebraron o día 17 esta efeméride. Eran as 5,30 da mañá en España (10,30 en Vietnam), estando o grupo lucense percorrendo a Bahía de Halong a bordo do Amanda Cruise, cando se xuntaron para contemplar a mensaxe audiovisual enviada desde Galicia polo xornalista Xulio Xiz, membro da Asociación.
Creada para impulsar a visibilidade dos creadores máis novos, o Festival de Cans seleccionou dez curtas para a súa sección Novas Camadas, das que cinco tiveron a súa orixe na UVigo. As curtas dos estudantes Juan Ares, Anxo González, Miguel Romero e Rebeca Tella e Daniel F. Filloy, xunto co traballo de fin de grao de Manu Sacoga optarán ao premio dunha sección dirixida a cineastas menores de 25 anos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES