Notas de prensa

Un libro sobre a figura do economista Manuel Colmeiro pecha os actos en homenaxe ao “Científico Galego do Ano 2023”

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) concluía esta mañá os actos de homenaxe ao economista Manuel Colmeiro y Penido, “Científico Galego do Ano 2023”, coa presentación do libro “Manuel Colmeiro (1818-1894). Profesor, científico social e activista”, coeditado pola RAGC e o Consello da Cultura Galega. A publicación conta con limiares da presidenta do Consello da Cultura Galega, do presidente da RAGC e de José Antonio Redondo, coordinador da mesma.

Na presentación do acto, que tivo lugar na facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago, estiveron o presidente da RAGC, Juan Lema; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Ãlvarez; e o decano da facultade, Xoán Ramón Doldán. No transcurso do evento celebrouse unha mesa redonda na que participaron os autores do libro. Ademais, colocouse unha placa na facultade na súa memoria.

A publicación conta con limiares da presidenta do Consello da Cultura Galega, do presidente da RAGC e do académico José Antonio Redondo, coordinador da mesma. Inclúe artigos de Juan Ramón Quintás, catedrático de Análise Económica e académico da RAGC, que aborda a figura do homenaxeado como economista; Xosé Cordero, profesor de Historia e Institucións Económicas da USC, que se centra na súa vinculación coa agricultura galega; María Cadaval, profesora de Economía Aplicada da USC, que narra a relevancia que tivo na historia da economía política do noso país; María Xosé Rodríguez Galdo, catedrática de Historia e Institucións Económicas da USC, que se refire ao pensamento económico na obra de Colmeiro; Jaime Rodríguez-Arana, catedrático de Dereito Administrativo da Universidade da Coruña, fala da súa “decisiva contribución” ao dereito administrativo; Margarita Barral, profesora de Historia Contemporánea da USC, fai referencia á súa pegada na cidade de Santiago; e Miguel Vázquez Taín, presidente do Consello Galego de Economistas, pecha a publicación cunha reflexión sobre o papel dos economistas na sociedade actual.

A figura de Manuel Colmeiro

Manuel Colmeiro y Penido (Santiago de Compostela, 1818 – Madrid, 1894) foi un dos mellores expertos españois do século XIX nos campos da Economía, o Dereito Administrativo e o Dereito Político, destacando ademais a súa dedicación á Historia. O presidente da Academia referiuse ao homenaxeado como “un economista transformador, que contribuíu á modernización da sociedade galega e española”. Salientou que “as súas propostas buscaban mellorar as condicións económicas da súa época. O seu espírito innovador segue inspirándonos para cuestionar, desafiar e imaxinar un mundo onde os principios económicos sirvan como motor transformador cara a unha sociedade máis xusta e solidaria”.

Colmeiro foi o primeiro economista en concibir o conxunto de medidas que se deberían adoptar para desbloquear o crecemento económico de Galicia

Juan Ramón Quintás, catedrático de Análise Económica e académico da RAGC, destaca nesta publicación que “Colmeiro foi o primeiro economista galego en concibir o conxunto de medidas que se deberían adoptar para provocar un cambio na «constitución agraria» e, con isto, eliminar as causas do bloqueo do crecemento agrario e da economía no seu conxunto”. Así, na súa opinión, a mudanza na estrutura da propiedade e o aumento da produción agraria alimentarían un incremento dos intercambios comerciais e unha expansión das actividades industriais. “O cadro da transformación lenta e gradual da economía galega que enxergaba Colmeiro completaríase coa instrución pública e as melloras nas vías de comunicación” -indica o catedrático-. Nesta liña, pon de relevo que, coas medidas que propoñía, “Colmeiro anticipouse en trinta anos á primeira lei de redención xeral de foros, que tería moi escasos resultados, e en preto de oitenta anos á definitiva lei de redención xeral de foros do ano 1926”.

A pegada de Colmeiro na cidade de Santiago

Manuel Colmeiro naceu e viviu na cidade de Santiago de Compostela case trinta anos, ata que marchou para Madrid. Na capital galega foi socio de mérito da Real Sociedad Económica de Amigos del País, onde formou parte de comisións que traballaron na reforma de pesos e medidas e o sistema monetario español, na renda do sal e nos estudos preliminares para establecer unha fábrica de sedas e algodóns na cidade. En Compostela tamén foi membro da Xunta Municipal de Beneficencia, na que deixou a súa pegada na comisión encargada de promover a construción de estradas na provincia.

Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), 2023-12-21

Actualidad

Foto del resto de noticias (reciclaxe_vidro.jpg) Cada galego reciclou o ano pasado unha media de 30,3 quilos de envases domésticos lixeiros e de papel-cartón, case un 3% respecto máis que o ano anterior. Estes datos enmárcanse no traballo desenvolvido pola Xunta e Ecoembes (organización sen ánimo de lucro que coordina a reciclaxe dos envases domésticos en todo o país) para mellorar o depósito, recollida e posterior recuperación deste tipo de residuos no conxunto da comunidade galega. En 2023 en Galicia recuperáronse 73.687 toneladas (Tn) de envases de orixe doméstica (37.640 Tn de envases plásticos, 23.781 Tn de papel-cartón, 11.566 Tn de envases metálicos e 700 Tn de recipientes de madeira).
Foto de la tercera plana (doazons.jpg) A directora da Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos, ADOS, Marisa López, salientou que o pasado ano se rexistraron en Galicia 103.525 doazóns de sangue, das que 9.564 se corresponden a persoas que doaron por primeira vez. Estes bos resultados, que foron expostos pola directora na Comisión 5ª de Sanidade do Parlamento de Galicia, sitúan Galicia entre as comunidades máis solidarias. Este número de doazóns permitiu dar resposta e garantir o abastecemento de hemoderivados de todos os centros hospitalarios de Galicia, en todo momento, e de xeito ininterrompido.

Notas

A Asociación de amigos do Camiño de Santiago da provincia de Lugo que preside Ãngel Trabada, ven de celebrar o Día das Letras Galegas en Vietnam, sendo posiblemente os primeiros galegos que celebraron o día 17 esta efeméride. Eran as 5,30 da mañá en España (10,30 en Vietnam), estando o grupo lucense percorrendo a Bahía de Halong a bordo do Amanda Cruise, cando se xuntaron para contemplar a mensaxe audiovisual enviada desde Galicia polo xornalista Xulio Xiz, membro da Asociación.
Creada para impulsar a visibilidade dos creadores máis novos, o Festival de Cans seleccionou dez curtas para a súa sección Novas Camadas, das que cinco tiveron a súa orixe na UVigo. As curtas dos estudantes Juan Ares, Anxo González, Miguel Romero e Rebeca Tella e Daniel F. Filloy, xunto co traballo de fin de grao de Manu Sacoga optarán ao premio dunha sección dirixida a cineastas menores de 25 anos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES