Notas de prensa

O CINBIO lanza a segunda edición de CinVigo, o festival científico que converte o centro da cidade nun gran laboratorio

Comeza a conta atrás para celebrar unha nova edición do festival científico CinVigo, organizado por segundo ano consecutivo polo CINBIO, Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo, co propósito de converter as rúas e prazas de Vigo nun auténtico laboratorio, aberto a toda a cidadanía, e no que o alumnado de ensino medio será o protagonista.

Repetindo o lema ‘Ciencia na rúa’, durante a fin de semana do 20 e 21 de abril de 2024, o centro de Vigo acollerá este evento de divulgación científica que ofrecerá unha completa oferta de actividades ao público asistente, desde visitar os proxectos científicos que concursan na feira científica ata participar activamente noutras accións, como os obradoiros para público infantil ou unha xincana científica.

“O que pretendemos con esta iniciativa é trasladar á cidadanía o interese pola ciencia e fomentar que a cativada viva o proceso de investigación en primeira persoa, ademais de dar a coñecer a existencia na nosa cidade dun centro especializado en nanomateriais e biomedicina”, salienta Miguel Correa, director do CINBIO e integrante do comité organizador deste proxecto, financiado nesta ocasión pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) - Ministerio de Ciencia de Innovación.

Chamada á participación dos centros de ensino medio

Ao igual que sucedeu na pasada edición, a atracción principal de CinVigo será a feira científica, que contará coa participación de estudantes de Secundaria, Bacharelato e ciclos de Formación Profesional, converténdose así en científicas e científicos por un día. En agrupacións dun máximo de catro estudantes, terán a oportunidade de amosar os seus proxectos científicos e ofrecer explicacións sobre os mesmos ao público que visite a feira ao longo da fin de semana.

Os proxectos participantes na feira serán seleccionados previamente por un comité científico formado por persoal do CINBIO a través dun concurso aberto a centros educativos de toda España, que impartan Secundaria, Bacharelato ou Formación Profesional. Será posible participar a través de tres niveis ou categorías que contarán con premios variados que inclúen unha matrícula universitaria de balde, a participación noutra feira científica ou unha estancia no CINBIO. O alumnado de Bacharelato e Ciclos Formativos poderá optar á categoría Teen Researchers, mentres que o estudantado de ESO poderá participar nas categorías Early Researchers ou Young Researchers, respectivamente. O alumnado seleccionado nesta fase previa, organizado en grupos de ata catro persoas e co apoio docente dos seus centros educativos, deseñará os seus propios proxectos científicos, que finalmente mostrará e defenderá ante o gran público.

O prazo para inscribirse no concurso previo está aberto ata o mércores 31 de xaneiro. Os centros educativos interesados nesta iniciativa poden consultar as bases do concurso así como o formulario de inscrición na páxina web do evento.

Primeira edición de CinVigo

A primeira edición do festival científico CinVigo, celebrado en abril de 2023, acadou unha participación de máis de 260 concursantes de 27 centros educativos de Galicia, que presentaron un total de 55 proxectos científicos, atraendo a máis de 35.000 visitantes nunha fin de semana.

“Nesta segunda edición queremos ampliar horizontes e chegar a máis centros educativos, tanto de Galicia como doutras comunidades”, explica Correa, quen engade que “o obxectivo é achegar a investigación a máis públicos e facer de CinVigo un evento científico anual de referencia”.

Universidade de Vigo, 2023-11-28

Actualidad

Foto del resto de noticias (cranios-usc.jpg) O equipo de investigación liderado polo investigador do Departamento de Historia da Universidade de Santiago de Compostela Edgard Camarós quedou sorprendido polo descubrimento de marcas de corte arredor de crecementos canceríxenos nun antigo cranio exipcio, o que lles permitiu desenvolver novas ideas sobre como os antigos exipcios trataron a enfermidade. Estes achados, consideran, constitúen unha evidencia de que as sociedades antigas tentaron explorar e operar tumores hai milleiros de anos. 'Este achado é unha proba única de como a medicina exipcia antiga tentaría tratar ou explorar o cancro hai máis de 4.000 anos', engadiu o autor principal do estudo, para quen 'esta é unha nova perspectiva extraordinaria na nosa comprensión da historia da medicina'.
Foto de la tercera plana (doazons.jpg) Situar a sanidade galega na vangarda da protección do medio ambiente é o obxectivo da Estratexia de Economía Circular do Servizo Galego de Saúde 2030, que acaba de poñer en marcha os seus primeiros proxectos. O grupo de traballo de implantación vén de celebrar esta semana unha nova xuntanza na que se abordaron, entre outros asuntos, a uniformidade de datos da pegada de carbono que se achegarán ás Nacións Unidas e ao Ministerio de Sanidade pola carreira cara ao cero, así como a análise do estado de situación dos proxectos tractores das áreas sanitarias.

Notas

O Grupo de Tecnoloxía Enerxética, adscrito ao Cintecx, Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais da Universidade de Vigo, en colaboración cos estaleiros Nodosa e a empresa CT Engineering, está a participar no desenvolvemento dun buque remolcador cero emisións propulsado integramente por hidróxeno verde, un proxecto cuxos resultados poderían supor un significativo avance para a industria naval española no uso da tecnoloxía sostible e ecolóxica.
O Festival do Pasatempo chega a Betanzos para encher o parque que lle da nome, o Parque do Pasatempo, da mellor música. O festival confirma xa os nomes de Andrés Suárez, David Bustamante, Sabela e Paula Mattheus e para dúas xornadas axendadas o 5 e 6 de xullo. O evento presenta un cartel con propostas para todos os públicos no que se combinan artistas consagrados e emerxentes, que levarán a Betanzos diferentes estilos e singularidades.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES