Notas de prensa

Un equipo de investigadores logra describir a evolución dos asentamentos humanos en España entre 1900 e 2020 coa participación da USC

Un equipo integrado por investigadores da USC, da Fundación para a Investigación do Clima, así como das universidades de Colorado Boulder e de Southern California, acaban de procesar as pegadas de doce millóns de construcións para describir a evolución dos asentamentos humanos en España entre os anos 1900 e 2020.

Así, entre as conclusións que achega o artigo ‘HISDAC-ES: historical settlement data compilation for Spain (1900–2020)’, publicado na revista Earth System Science Data, evidénciase que a cota de superficie construída en Madrid evolucionou do 1,6% en 1900 ao 6,5 en 2020, mentres que no caso de Castela e León a porcentaxe diminuíu, pasando do 21% ao 11%. O resultados obtidos poderían servir para modelar a influencia do crecemento urbano no clima.

As medicións multitemporais que cuantifican os cambios na superficie da Terra son fundamentais para comprender moitos procesos naturais, antropoxénicos e sociais, tal e como explican dende o equipo do que forman parte os investigadores da USC, José Antonio Aldrey Vázquez e Manuel Borobio Sanchiz. “Para cuantificar e comprender mellor os devanditos procesos, requírense fontes histórico-xeoespaciais como é o caso dos datos catastrais con datos relativos á propiedade, uso do edificio e ano de construción”, explican.

Tomando esa información como punto de partida, o equipo desenvolveu unha técnica innovadora que permitiu crear as primeiras superficies cuadriculadas de desenvolvemento de asentamentos históricos de España de 100 por 100 metros que amosan a densidade de edificación, a intensidade edificada e o uso do solo edificado. Ademais dos investigadores Aldrey e Borobio, integran o equipo investigador Dominic Royé, Johannes Uhl, Stefan Leyk e Keith Burghardt.

Metodoloxía

En concreto, xerouse un conxunto de superficies cuadriculadas de gran fino que describen as dimensións físicas, funcionais e temporais da contorna construída en España. Estas superficies abarcan, por exemplo, a área de construción, o número de unidades de vivenda, o tipo de uso de chan predominante e as estatísticas de antigüidade da construción cunha resolución espacial fina de 100 m × 100 m. Ademais, utilizaron a información sobre a idade dos edificios dispoñible nestas bases de datos de edificios para estimar e mapear as densidades históricas das construcións e o terreo edificado dende 1900 ata 2020. Os resultados avaliáronse con respecto a unha variedade de fontes de datos, incluídos datos de asentamentos humanos e datos de cobertura do chan obtidos mediante sensores remotos, representacións históricas do uso da terra baseadas en modelos e mapas históricos, así como imaxes aéreas históricas. Entre todas elas atoparon altos niveis de acordo.

Como sinala José Antonio Aldrey, os resultados “mostraron claramente dous sistemas de poboamento distintos en España, cada vez máis diluídos, asociados á súa evolución histórica e climática”. No noroeste e a área cantábrica (Galicia, Asturias, Cantabria, País Vasco, norte de Navarra e parte de Cataluña) produciuse unha tradicional dispersión da poboación rural en casas illadas e/ou pequenos asentamentos asociados a un clima atlántico, con agricultura e gandaría intensiva favorecida pola presenza de abundante auga. En cambio, o resto do territorio, de clima mediterráneo, experimentou asentamentos concentrados asociados a cultivos de cereais, viña e oliveira, así como a unha gandaría extensiva.

Posibles aplicacións

“Estes conxuntos de datos representan unha imaxe única, baseada en evidencia, do desenvolvemento histórico, durante períodos de tempo moito máis longos que os datos xeográficos modernos recompilados a partir de imaxes satelitais, que só están dispoñibles para as últimas décadas, dende 1970 en diante”, explican dende o equipo investigador. Con todo, persisten algunhas incertezas: por exemplo, non se teñen en conta os edificios que existiron no pasado e foron demolidos e/ou reconstruídos. “Existen numerosas e prometedoras aplicacións desta investigación. Un exemplo do uso que se lle pode dar a estas superficies cuadriculadas é o feito de modelar a influencia do crecemento urbano no clima”, explican. Outras aplicacións do novo conxunto de datos son os estudos de exposición da contorna construída a perigos naturais, as interaccións entre os espazos construídos e o medio ambiente, así como a vulnerabilidade da infraestrutura construída.

Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2023-10-31

Actualidad

Foto del resto de noticias (reciclaxe_vidro.jpg) Cada galego reciclou o ano pasado unha media de 30,3 quilos de envases domésticos lixeiros e de papel-cartón, case un 3% respecto máis que o ano anterior. Estes datos enmárcanse no traballo desenvolvido pola Xunta e Ecoembes (organización sen ánimo de lucro que coordina a reciclaxe dos envases domésticos en todo o país) para mellorar o depósito, recollida e posterior recuperación deste tipo de residuos no conxunto da comunidade galega. En 2023 en Galicia recuperáronse 73.687 toneladas (Tn) de envases de orixe doméstica (37.640 Tn de envases plásticos, 23.781 Tn de papel-cartón, 11.566 Tn de envases metálicos e 700 Tn de recipientes de madeira).
Foto de la tercera plana (doazons.jpg) A directora da Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos, ADOS, Marisa López, salientou que o pasado ano se rexistraron en Galicia 103.525 doazóns de sangue, das que 9.564 se corresponden a persoas que doaron por primeira vez. Estes bos resultados, que foron expostos pola directora na Comisión 5ª de Sanidade do Parlamento de Galicia, sitúan Galicia entre as comunidades máis solidarias. Este número de doazóns permitiu dar resposta e garantir o abastecemento de hemoderivados de todos os centros hospitalarios de Galicia, en todo momento, e de xeito ininterrompido.

Notas

A Asociación de amigos do Camiño de Santiago da provincia de Lugo que preside Ãngel Trabada, ven de celebrar o Día das Letras Galegas en Vietnam, sendo posiblemente os primeiros galegos que celebraron o día 17 esta efeméride. Eran as 5,30 da mañá en España (10,30 en Vietnam), estando o grupo lucense percorrendo a Bahía de Halong a bordo do Amanda Cruise, cando se xuntaron para contemplar a mensaxe audiovisual enviada desde Galicia polo xornalista Xulio Xiz, membro da Asociación.
Creada para impulsar a visibilidade dos creadores máis novos, o Festival de Cans seleccionou dez curtas para a súa sección Novas Camadas, das que cinco tiveron a súa orixe na UVigo. As curtas dos estudantes Juan Ares, Anxo González, Miguel Romero e Rebeca Tella e Daniel F. Filloy, xunto co traballo de fin de grao de Manu Sacoga optarán ao premio dunha sección dirixida a cineastas menores de 25 anos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES