Notas de prensa

A análise da pegada de Fernández del Riego na cultura galega reunirá preto de vinte especialistas en Lourenzá

Lourenzá, a vila natal do protagonista do Día das Letras Galegas 2023, acollerá do 4 ao 6 de setembro un encontro de tres días no que se afondará no seu legado dende diversas perspectivas. Preto de vinte especialistas de distintas institucións analizarán a biografía e a obra de Fernández del Riego como activista, intelectual, estudoso e escritor nos sucesivos contextos históricos que percorreu na súa case centenaria vida.

A Real Academia Galega, a Universidade de Santiago de Compostela e o Concello de Lourenzá colaboran na organización da cita que, baixo o título Francisco Fernández del Riego na cultura galega do século XX, forma parte da oferta de cursos de verán da USC. As xornadas contan co apoio económico da Deputación de Lugo, o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e a Xunta de Galicia.

O prazo de matriculación no curso, dirixido polo académico e catedrático da USC Henrique Monteagudo, permanece aberto ata o 24 de agosto. A inscrición debe formalizarse a través da páxina web da Universidade. A Real Academia Galega publicará posteriormente os traballos presentados neste marco no seu Boletín.

Francisco Fernández del Riego (Lourenzá, 1913 – Vigo, 2010) implicouse dende moi novo no movemento galeguista dende unha perspectiva progresista e aberta a Europa e o mundo. Foi, primeiro, un destacado líder estudantil na Compostela universitaria da II República e membro activo do Partido Galeguista, e tras a guerra, actor fundamental da resistencia cultural durante o franquismo, fundador da editorial Galaxia, promotor de numerosas iniciativas a prol da lingua e da cultura galegas. En todos estes perfís profundarase no curso de verán, que será inaugurado polo presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, na tarde do luns 4 de setembro.

O presidente da Academia abrirá o foro cunha conferencia sobre Francisco Fernández del Riego nesta institución. O homenaxeado estivo vinculado a ela dende 1948, primeiro como académico correspondente e logo, a partir de 1960, como numerario. Unha das súas primeiras iniciativas como tal foi propoñer a creación do Día das Letras Galegas que, 60 anos despois da primeira edición dedicada a Rosalía de Castro, agora el mesmo protagoniza. O intelectual foi ademais presidente da RAG entre 1997 e 2001, un período no que a Academia iniciou un notable proceso de modernización.

A xornada inaugural continuará cun relatorio biográfico de María Dolores Villanueva Gesteira, autora de Francisco Fernández del Riego, un loitador pola idea de Galicia (Galaxia, 2023) e colaboradora fundamental de don Paco nos seus últimos tres anos de vida.

Do activismo republicano á resistencia cultural

O programa do martes arrincará cun relatorio do historiador Justo Beramendi sobre os anos de formación política e intelectual de Del Riego e seguirá coa mesa redonda “Da República á resistencia”, co académico Lourenzo Fernández Prieto, o profesor da Universidade da Coruña Uxío Breogán Diéguez e o investigador do Instituto da Lingua Galega Pablo García Martínez. A mañá rematará cunha conferencia do director da Sección de Historia da RAG e catedrático emérito da USC, Ramón Villares Paz, sobre a relación do homenaxeado coa diáspora galega en América, coa que tendeu constantemente pontes durante a ditadura. Neste terreo afondará na tarde do día 5 o académico Xesús Alonso Montero nunha intervención centrada no epistolario entre Del Riego e o artista e intelectual Luís Seone, exemplo excepcional do diálogo entre o exilio exterior e interior que don Paco sempre procurou.

A xornada do martes rematará cun percorrido didáctico polos lugares de Del Riego en Lourenzá guiado polos seus biógrafos locais, Manuel Román e Xosé López González.

A intensa actividade epistolar de Fernández del Riego será tamén foco de atención na xornada do mércores 6 de setembro, na que se analizará polo miúdo o valor das cartas que intercambiou con Ãlvaro Cunqueiro, Ricardo Carballo Calero, e o filólogo portugués Manuel Rodrigues Lapa e Ramón Otero Pedrayo. Será nunha mesa que contará coas achegas da profesora da USC Dolores Vilavedra, Henrique Monteagudo e a secretaria da Fundación Otero Pedrayo, Patricia Arias Chachero, encargada da edición do epistolario entre don Paco e o de Trasalba que publicará proximamente a Real Academia Galega.

A relación entre memoria, ensaio e paisaxe na obra de Del Riego será o eixe da seguinte mesa redonda, na que tomarán a palabra a académica de número María López Sández, a catedrática emérita da Universidade de Vigo Camiño Noia, o académico correspondente Ramón Nicolás e o director da Fundación Penzol, Xosé Manuel Soutullo. A xornada de clausura rematará cunha terceira mesa redonda sobre Francisco Fernández del Riego na xeración Galaxia coas contribucións do profesor de Filosofía da USC Xosé Luís Pastoriza, o investigador do ILG e secretario do curso de verán, Ãlex Alonso Nogueira, e o catedrático da Universidade de Vigo Xosé Manuel Dasilva.

Enviado por José Antonio Sierra

Real Academia Galega, 2023-08-14

Actualidad

Foto del resto de noticias (reciclaxe_vidro.jpg) Cada galego reciclou o ano pasado unha media de 30,3 quilos de envases domésticos lixeiros e de papel-cartón, case un 3% respecto máis que o ano anterior. Estes datos enmárcanse no traballo desenvolvido pola Xunta e Ecoembes (organización sen ánimo de lucro que coordina a reciclaxe dos envases domésticos en todo o país) para mellorar o depósito, recollida e posterior recuperación deste tipo de residuos no conxunto da comunidade galega. En 2023 en Galicia recuperáronse 73.687 toneladas (Tn) de envases de orixe doméstica (37.640 Tn de envases plásticos, 23.781 Tn de papel-cartón, 11.566 Tn de envases metálicos e 700 Tn de recipientes de madeira).
Foto de la tercera plana (doazons.jpg) A directora da Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos, ADOS, Marisa López, salientou que o pasado ano se rexistraron en Galicia 103.525 doazóns de sangue, das que 9.564 se corresponden a persoas que doaron por primeira vez. Estes bos resultados, que foron expostos pola directora na Comisión 5ª de Sanidade do Parlamento de Galicia, sitúan Galicia entre as comunidades máis solidarias. Este número de doazóns permitiu dar resposta e garantir o abastecemento de hemoderivados de todos os centros hospitalarios de Galicia, en todo momento, e de xeito ininterrompido.

Notas

A Asociación de amigos do Camiño de Santiago da provincia de Lugo que preside Ãngel Trabada, ven de celebrar o Día das Letras Galegas en Vietnam, sendo posiblemente os primeiros galegos que celebraron o día 17 esta efeméride. Eran as 5,30 da mañá en España (10,30 en Vietnam), estando o grupo lucense percorrendo a Bahía de Halong a bordo do Amanda Cruise, cando se xuntaron para contemplar a mensaxe audiovisual enviada desde Galicia polo xornalista Xulio Xiz, membro da Asociación.
Creada para impulsar a visibilidade dos creadores máis novos, o Festival de Cans seleccionou dez curtas para a súa sección Novas Camadas, das que cinco tiveron a súa orixe na UVigo. As curtas dos estudantes Juan Ares, Anxo González, Miguel Romero e Rebeca Tella e Daniel F. Filloy, xunto co traballo de fin de grao de Manu Sacoga optarán ao premio dunha sección dirixida a cineastas menores de 25 anos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES