Notas de prensa

Unha explosión de freakismo protagoniza o novo cartel do GFFF

Desvelouse o misterio. Este ano o Dinoseto morre batallando con Akira, e dominado polo seu gran poder psíquico. A escena podemos vela no cartel da sétima edición do GFFF e está inspirada no filme Akira, anime xaponés de culto estreado en 1988 ao que o Galician Freaky Film Festival rende homenaxe na súa sétima edición. O Galician Freaky Film Festival celébrase entre o 22 e o 30 de setembro en diferentes espazos da Praza Elíptica.

O cartel foi presentado esta mañá en Vigo diante do protagonista, o Dinoseto, coa presenza de membros do equipo entre os que estaban Juan de Castro (director do GFFF) e Miriam Ãlvarez (subdirectora); así como o concelleiro-delegado de cultura do Concello de Vigo, Gorka Gómez. Gómez amosou o seu convencimento de que "Vigo é xa a capital do cine freak de Galicia". Pola súa banda, Juan de Castro (director do festival), definiu o freakismo cinematográfico como “un xénero inmortal, que continúa a ser dos máis consumidos pese ás crises ou cambios de plataforma". Tamén recalcou o carácter lúdico e gamberro do certame, afastado dos convencionalismos.

Os responsables recordaron que o Galician Freaky Film Festival celébrase entre o 22 e o 30 de setembro en diferentes espazos da Praza Elíptica. As proxeccións serán nos Cines Tamberlick, recentemente reformados e reinaugurados; mentres que as actividades paralelas celebraranse na Sala Apostrophe.

En canto á programación adiantaron que haberá unha decena de bloques de curtametraxes internacionais de terror, ciencia ficción e humor; a proxección de Akira en 4K; a terceira edición do Pequefreak e unha feira de arte, literatura e cultura xaponesa.

Cartel e homenaxe a Akira

Como cada edición, desde a número 0, o cartel é obra do ilustrador e animador galego Paulo Mosca, coñecido polo seu trazo fino e a incorporación do humor nos seus traballos; e da deseñadora gráfica viguesa María Llauger. Nel observamos unha distopía futurista na que destaca o Dinoseto implosionando pola acción de Akira no medio da ría de Neo-Vigo, logo de arrasar a Ponte de Rande nunha encarnizada batalla.

Como anunciado hai uns meses, Akira é o filme homenaxeado este ano no Galician Freaky Film Festival e será proxectado na gran pantalla e en 4K para desfrute dos fans deste clásico do anime xaponés.

Case 600 curtametraxes recibidas

Pechado o período de recepción de curtametraxes a organización define o recibido como "unha boa colleita de 592 pezas". A maior parte delas veñen de España, pero tamén hai curtas chegadas de Francia, Corea do sur, Arxentina, Brasil, Rusia e Colombia. Destacan os traballos enviados desde Indiestory, importante produtora surcoreana e Je Regarde, estudo francés centrado na animación.

Ademais do recibido, o equipo de programación do Galician Freaky Film Festival, procura os mellores filmes do último ano nos festivais de xénero máis importantes do mundo, como Animac, Fantaspoa ou Clermont Ferrand.

VIGO, CAPITAL DO FRIKISMO

O Galician Freaky Film Festival é o evento de cinema e cultura freak definitivo. Un festival que amosa unha coidada selección nacional e internacional de pezas audiovisuais que adoitan verse privadas das canles habituais de distribución. Pezas moitas veces inéditas en Galicia, con estreas mundiais, internacionais e nacionais.

O GFFF ten todos os ingredientes para convertir a Vigo na cidade de peregrinación freak, onde o seu exército poderá volver a gozar do festival, unha experiencia que vai alén do cinematográfico para converterse nunha experiencia de comunidade.

A sétima edición celebrarase os días 22, 23, 27, 28, 29 e 30 de setembro en Vigo.

Galician Freaky Film Festival, 2023-07-20

Actualidad

Foto del resto de noticias (reciclaxe_vidro.jpg) Cada galego reciclou o ano pasado unha media de 30,3 quilos de envases domésticos lixeiros e de papel-cartón, case un 3% respecto máis que o ano anterior. Estes datos enmárcanse no traballo desenvolvido pola Xunta e Ecoembes (organización sen ánimo de lucro que coordina a reciclaxe dos envases domésticos en todo o país) para mellorar o depósito, recollida e posterior recuperación deste tipo de residuos no conxunto da comunidade galega. En 2023 en Galicia recuperáronse 73.687 toneladas (Tn) de envases de orixe doméstica (37.640 Tn de envases plásticos, 23.781 Tn de papel-cartón, 11.566 Tn de envases metálicos e 700 Tn de recipientes de madeira).
Foto de la tercera plana (doazons.jpg) A directora da Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos, ADOS, Marisa López, salientou que o pasado ano se rexistraron en Galicia 103.525 doazóns de sangue, das que 9.564 se corresponden a persoas que doaron por primeira vez. Estes bos resultados, que foron expostos pola directora na Comisión 5ª de Sanidade do Parlamento de Galicia, sitúan Galicia entre as comunidades máis solidarias. Este número de doazóns permitiu dar resposta e garantir o abastecemento de hemoderivados de todos os centros hospitalarios de Galicia, en todo momento, e de xeito ininterrompido.

Notas

A Asociación de amigos do Camiño de Santiago da provincia de Lugo que preside Ãngel Trabada, ven de celebrar o Día das Letras Galegas en Vietnam, sendo posiblemente os primeiros galegos que celebraron o día 17 esta efeméride. Eran as 5,30 da mañá en España (10,30 en Vietnam), estando o grupo lucense percorrendo a Bahía de Halong a bordo do Amanda Cruise, cando se xuntaron para contemplar a mensaxe audiovisual enviada desde Galicia polo xornalista Xulio Xiz, membro da Asociación.
Creada para impulsar a visibilidade dos creadores máis novos, o Festival de Cans seleccionou dez curtas para a súa sección Novas Camadas, das que cinco tiveron a súa orixe na UVigo. As curtas dos estudantes Juan Ares, Anxo González, Miguel Romero e Rebeca Tella e Daniel F. Filloy, xunto co traballo de fin de grao de Manu Sacoga optarán ao premio dunha sección dirixida a cineastas menores de 25 anos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES