Notas de prensa

O CiQUS (USC) desenvolve un novo método para a entrega directa de fármacos no interior celular

Un equipo do CiQUS logrou mimetizar a composición da membrana de células tumorais e desenvolver un vehículo que se fusiona coa membrana da célula anfitrioa para liberar moléculas bioactivas no interior. 'Unha das grandes limitacións á hora de levar fármacos ou outras moléculas de interese ao interior da célula ten que ver co carácter foráneo que presenta a superficie dos transportadores empregados', explica o equipo investigador.

A pesar da dispoñibilidade de sofisticados métodos para encapsular a carga, estas nanopartículas sintéticas son a miúdo recoñecidas como forasteiras por células fagocíticas, o que provoca unha activación inmune que pode xerar respostas adversas, como unha inflamación, ou que a substancia transportada se acumule en sitios non desexados. Ante este escenario, os vehículos biomiméticos xorden como unha alternativa para evadir as defensas do organismo e mellorar a eficacia terapéutica dos sistemas de entrega.

“Aproveitando as súas propiedades homotípicas, estes vectores biomiméticos presentan maior afinidade co microambiente celular ao que se dirixen, o que permite mitigar a resposta inmune e achandar o camiño de entrada”, engaden. O achado do CiQUS consiste nunha combinación moi precisa entre lípidos catiónicos (con carga positiva) e neutrais ensamblados en fragmentos de membranas celulares que lle confire ao nanotransportador esta interesante propiedade fusoxénica que propicia a súa fusión coa membrana plasmática. "Estas propiedades fusogénicas xunto ás características biomiméticas dos nanotransportadores permitiunos levar distintos compostos de interese biolóxico ao interior de células vivas, dende pequenas moléculas ata macromoleculas ou nanopartículas", explica a investigadora do CiQUS Ester Polo, membro do grupo responsable do descubrimento, BioNanoTools. A fusión coa membrana permite liberar as substancias no citoplasma de maneira rápida e directa, mellorando a eficacia terapéutica do sistema de entrega e a biodispoñibilidade dos compostos que transporta.

BioNanoTools especialízase no desenvolvemento de materiais multifuncionais con aplicacións en medicina e bioloxía. Neste caso, os e as investigadoras conseguiron dotar ao novo sistema dunha dobre funcionalidade que busca aumentar a especificidade e seguridade na entrega de fármacos respecto a outros métodos convencionais: "Estes nanotransportadores derivados de células cancerosas presentan unha alta selectividade, que vén dada polas súas propiedades homotípicas, xunto á capacidade fusoxénica que implementamos a través dunha combinación específica de lípidos e que permite a liberación da carga de maneira moito máis eficiente", conclúe a investigadora.

Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2023-07-13

Actualidad

Foto del resto de noticias (reciclaxe_vidro.jpg) Cada galego reciclou o ano pasado unha media de 30,3 quilos de envases domésticos lixeiros e de papel-cartón, case un 3% respecto máis que o ano anterior. Estes datos enmárcanse no traballo desenvolvido pola Xunta e Ecoembes (organización sen ánimo de lucro que coordina a reciclaxe dos envases domésticos en todo o país) para mellorar o depósito, recollida e posterior recuperación deste tipo de residuos no conxunto da comunidade galega. En 2023 en Galicia recuperáronse 73.687 toneladas (Tn) de envases de orixe doméstica (37.640 Tn de envases plásticos, 23.781 Tn de papel-cartón, 11.566 Tn de envases metálicos e 700 Tn de recipientes de madeira).
Foto de la tercera plana (doazons.jpg) A directora da Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos, ADOS, Marisa López, salientou que o pasado ano se rexistraron en Galicia 103.525 doazóns de sangue, das que 9.564 se corresponden a persoas que doaron por primeira vez. Estes bos resultados, que foron expostos pola directora na Comisión 5ª de Sanidade do Parlamento de Galicia, sitúan Galicia entre as comunidades máis solidarias. Este número de doazóns permitiu dar resposta e garantir o abastecemento de hemoderivados de todos os centros hospitalarios de Galicia, en todo momento, e de xeito ininterrompido.

Notas

A Asociación de amigos do Camiño de Santiago da provincia de Lugo que preside Ángel Trabada, ven de celebrar o Día das Letras Galegas en Vietnam, sendo posiblemente os primeiros galegos que celebraron o día 17 esta efeméride. Eran as 5,30 da mañá en España (10,30 en Vietnam), estando o grupo lucense percorrendo a Bahía de Halong a bordo do Amanda Cruise, cando se xuntaron para contemplar a mensaxe audiovisual enviada desde Galicia polo xornalista Xulio Xiz, membro da Asociación.
Creada para impulsar a visibilidade dos creadores máis novos, o Festival de Cans seleccionou dez curtas para a súa sección Novas Camadas, das que cinco tiveron a súa orixe na UVigo. As curtas dos estudantes Juan Ares, Anxo González, Miguel Romero e Rebeca Tella e Daniel F. Filloy, xunto co traballo de fin de grao de Manu Sacoga optarán ao premio dunha sección dirixida a cineastas menores de 25 anos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES