Notas de prensa

A Mostra de Teatro Universitario de Galicia estenderase do 24 de abril ao 4 de maio

A vixésimo terceira Mostra de Teatro Universitario de Galicia bota a andar este luns 24 de abril en Santiago de Compostela para achegar á comunidade universitaria e á cidadanía as novas creacións da escena teatral das universidades galegas. A Sala de Teatro Roberto Vidal Bolaño, o Teatro Principal e o Auditorio Abanca erguen o pano para acoller a representación de sete pezas ata o 4 de maio.

A entrada é de balde previo paso polo despacho de billetes que abrirá cada día ás 19.30 horas, no caso do Teatro Principal e do Auditorio Abanca, e ás 20.00 horas, na Sala de Teatro Roberto Vidal Bolaño.

Será o Grupo Maricastaña, a aula teatral da UVigo en Ourense, a encargada de abrir o programa da mostra o luns 24 ás 20.30 horas no Teatro Principal. Representa a peza As cidades agochadas, unha montaxe inspirada en As cidades invisibles de Italo Calvino, con dramaturxia de Fernando Dacosta e un elenco conformado por Gonzalo Otero, Eva García, Tatiana González, Marcos Lama, Marisol Amoeiro, Conchi González, Lola Fernández, Carmen Blanco, Miguel Estévez, Iria Losada, Iván Iglesias, Candela López e Natalia Feijoo. A representación ten unha duración aproximada de 72 minutos.

O martes 25 de abril, ás 20.30 horas, a Compañía de Teatro da USC en Lugo tomará o escenario do Teatro Principal. Andrea Gonzalez é a responsable da dramaturxia de Eréndira e Aríndere, unha montaxe que se inspira na obra A incrible e triste historia da Cándida Eréndira e a súa avoa desalmada, de Gabriel García Márquez, e no libro PornoXplotación, de Mabel Lozano. Andrea Maseda Prado, Stephanie Cubides Martínez, Anna Aycoberry Díaz-Faes e Ana Roca Carreira conforman o cadro de intérpretes desta peza de 80 minutos de duración.

A Mostra continúa o mércores 26 de abril ás 20.30 horas no mesmo teatro da Rúa Nova coa participación da Aula de Teatro da UVigo residente no campus da cidade olívica. Casilda Alfaro e Sonia Rúa dirixen Incendios, unha peza de Wajdi Nonawad interpretada por Andrea Busto Castiñeira, Antón Abal Rúa, Aroa Blanco Escanciano, Benigno González Castro, Brenda Cruz Cuevas, Cecilia Jiménez López, Juan Diego Comesaña Lorenzo, Laura Pousada Barrio, Lidia Gutiérrez Marín, Marta Barandela González, Miguel Rodríguez Carretero, Natalia Sías Páramos, Rosa María Morales Alonso e Yerai Orts Covelo. A duración aproximada do pase é de 80 minutos.

A Sala de Teatro Roberto Vidal Bolaño vira en sede das representacións o venres 28 de abril para recibir a Aula de Teatro da Universidade de Vigo no Campus de Pontevedra. Intermitencias é unha peza con textos de Clara Gayo, Paula Carballeira, Santiago Cortegoso e Sanchis Sinisterra que dirixen Salvador del Río e Omar Ferrín e interpretan Dolores Pereira Roma, Eloísa Gutiérrez Coronado, Francisco Pernas Lorenzo, Luis Parada Paz, Magela Sánchez González, María Teresa Costas Mira, Mercedes Pardavila Omil, Suso Riveiro Bello e Uxía Couso Louzán. A duración aproximada desta obra, que arranca tamén ás 20.30 horas, é de 75 minutos.

O programa continúa o martes 2 de maio, de novo ás 20.30 horas e de novo no Teatro Principal, coa participación de Malditos Triglicéridos, unha compañía de teatro independente da USC que interpreta Contratempo baixo a dirección de Raquel Ramos. A duración estimada do pase é de 70 minutos. Outra compañía independente da USC, ARTías Teatro, fará subir o pano do Auditorio Abanca o mércores 3 de maio ás 20.30 horas con Meigas, mulleres e bruxas. A peza, dirixida por Ana Ponte, ten unha duración estimada de 75 minutos. O peche do programa virá da man de La Barata Producións, tamén compañía independente da USC que leva á escena a peza Dúbida Razoable o xoves 4 de maio ás 20.30 horas no Auditorio Abanca. A duración do pase é de 90 minutos, aproximadamente.

A 23 Mostra de Teatro Universitario de Galicia é unha iniciativa da Vicerreitoría de Estudantes e Cultura da USC ao abeiro do programa Primavera Cultural, e conta co apoio da Deputación da Coruña, o Concello de Santiago e Afundación.

Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2023-04-21

Actualidad

Foto del resto de noticias (reciclaxe_vidro.jpg) Cada galego reciclou o ano pasado unha media de 30,3 quilos de envases domésticos lixeiros e de papel-cartón, case un 3% respecto máis que o ano anterior. Estes datos enmárcanse no traballo desenvolvido pola Xunta e Ecoembes (organización sen ánimo de lucro que coordina a reciclaxe dos envases domésticos en todo o país) para mellorar o depósito, recollida e posterior recuperación deste tipo de residuos no conxunto da comunidade galega. En 2023 en Galicia recuperáronse 73.687 toneladas (Tn) de envases de orixe doméstica (37.640 Tn de envases plásticos, 23.781 Tn de papel-cartón, 11.566 Tn de envases metálicos e 700 Tn de recipientes de madeira).
Foto de la tercera plana (doazons.jpg) A directora da Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos, ADOS, Marisa López, salientou que o pasado ano se rexistraron en Galicia 103.525 doazóns de sangue, das que 9.564 se corresponden a persoas que doaron por primeira vez. Estes bos resultados, que foron expostos pola directora na Comisión 5ª de Sanidade do Parlamento de Galicia, sitúan Galicia entre as comunidades máis solidarias. Este número de doazóns permitiu dar resposta e garantir o abastecemento de hemoderivados de todos os centros hospitalarios de Galicia, en todo momento, e de xeito ininterrompido.

Notas

A Asociación de amigos do Camiño de Santiago da provincia de Lugo que preside Ãngel Trabada, ven de celebrar o Día das Letras Galegas en Vietnam, sendo posiblemente os primeiros galegos que celebraron o día 17 esta efeméride. Eran as 5,30 da mañá en España (10,30 en Vietnam), estando o grupo lucense percorrendo a Bahía de Halong a bordo do Amanda Cruise, cando se xuntaron para contemplar a mensaxe audiovisual enviada desde Galicia polo xornalista Xulio Xiz, membro da Asociación.
Creada para impulsar a visibilidade dos creadores máis novos, o Festival de Cans seleccionou dez curtas para a súa sección Novas Camadas, das que cinco tiveron a súa orixe na UVigo. As curtas dos estudantes Juan Ares, Anxo González, Miguel Romero e Rebeca Tella e Daniel F. Filloy, xunto co traballo de fin de grao de Manu Sacoga optarán ao premio dunha sección dirixida a cineastas menores de 25 anos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES