Notas de prensa

Emilio Pérez Touriño presenta no Parlamento Europeo o seu último ensaio, publicado por USC Editora

O que fora profesor da USC e presidente da Xunta de Galicia, Emilio Perez Touriño, acaba de presentar en Bruxelas, no hub de prensa do Parlamento Europeo, o seu libro El horizonte europeo, editado na colección Ensaio do selo USC Editora, pertencente ao Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da institución compostelá.

Ao acto, presentado polo eurodiputado Nicolás González Casares, asistiron numerosos membros dos dous grupos maioritarios da cámara, a directora da oficina en Bruxelas da Fundación Galicia-Europa, Ana Ramos, e un nutrido grupo de persoal asesor e bolseiros/as tanto da Comisión como do propio Parlamento.

Logo da presentación, xerouse un coloquio sobre os problemas da construción europea e os retos que ten por diante a cidadanía da UE e o papel das rexións neste contexto. O autor do libro, do que se imprentou xa unha reimpresión tras esgotarse a primeira edición, está desenvolvendo unha intensa campaña de presentacións que o levou xa a Santiago de Compostela, A Coruña, Vigo, Ourense, Betanzos e proximamente Ferrol.

Alegación europeísta

Socialdemocracia, Estado Nación, Unión Europea e federalismo constitúen os catro conceptos chave arredor dos cales reflexiona Emilio Pérez Touriño na súa obra El horizonte europeo. A pandemia provocada pola COVID-19 abriu un tempo novo, tal e como relata este ensaio de USC Editora, que podería supoñer unha mudanza do capitalismo, co retorno do Estado e o decisivo papel das políticas públicas cara a un sistema máis sostible e inclusivo, sustentado por un novo contrato social entre os gobernos, as empresas e os traballadores, no contexto dunha sociedade civil máis vigorosa. “Vivimos unha época que pode supoñer a necesidade e, aínda, a oportunidade para unha socialdemocracia renovada nas súas formas, nas súas políticas, e no diálogo coas outras forzas e movementos progresistas, sobre a base indispensable dunha Unión Europea que progrese na súa federalización”, explica na obra Emilio Pérez Touriño.

El horizonte europeo non é un libro de memorias senón unha reflexión fundamentada na ampla experiencia política do seu autor. A obra é “unha alegación europeísta a prol dunha UE unida”, moito máis nun mundo “polarizado” como o actual. De feito, o “horizonte” ao que se fai referencia apunta cara a “unha Europa unida e en paz, como primeiro proceso de creación dunha democracia supranacional entre pobos que secularmente se enfrontaron, en terribles conflitos bélicos, pola hexemonía no continente”, apunta no texto o que fora profesor da USC e presidente da Xunta de Galicia.

O estado do benestar centra o primeiro dos capítulos para logo avanzar en dirección á crise do paradigma da socialdemocracia, a gran recesión de 2008 e a quebra do modelo neoliberal, a debilidade socialdemócrata, a ineludible aposta europea, o mercado do traballo e o sistema de pensións cono chanzos febles do estado do benestar, e a centralidade do Estado e a resposta europea á pandemia. Para rematar, o autor afonda nunha nova época a través dunha pregunta: a socialdemocracia revisada?

Ucraína

Nove meses despois de rematar os oito capítulos nos que se estrutura a obra, a guerra de Ucraína mudou a situación económica e provocou “un punto de inflexión histórica na orde xeopolítica global”, afirma Pérez Touriño. Este acontecemento motivou que o autor engadise un capítulo específico no que, a modo de colofón, aborda o rol da UE neste novo contexto internacional.

“Alén dos debates ideolóxicos e dos titulares de prensa, fronte aos desafíos que implica a guerra de Ucraína, e con máis razón na medida en que a invasión rusa se alongue no tempo, os europeos necesitamos dun gran plan económico con obxectivos a medio e longo prazo sustentado nunha resposta fiscal común”, engade o ex presidente Touriño.

“Avanzar na federalización da UE dende o principio de subsidariedade, construír unha Europa máis capaz, máis forte en termos políticos e económicos, asumindo a riqueza histórica, a enerxía e as capacidades dos estados nacionais que a compoñen, xunto coa súa diversidade e complexidade cultural e política, é unha senda que cabe recorrer para poder chegar a dar respostas, dende Europa, aos retos sociais e económicos desta nova época”, conclúe Pérez Touriño.

Traxectoria

Pérez Touriño foi profesor titular da USC, institución na que tamén ocupou o cargo de vicerreitor de Asuntos Económicos, e presidente da Xunta de Galicia entre 2005 e 2009. En 1983, obtivo o Premio Nacional de Publicacións Agrarias. É autor de numerosas obras, entre as que destaca, Crise global e crise política. Unha ollada dende Galicia (2014).

Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2023-03-28

Actualidad

Foto del resto de noticias (reciclaxe_vidro.jpg) Cada galego reciclou o ano pasado unha media de 30,3 quilos de envases domésticos lixeiros e de papel-cartón, case un 3% respecto máis que o ano anterior. Estes datos enmárcanse no traballo desenvolvido pola Xunta e Ecoembes (organización sen ánimo de lucro que coordina a reciclaxe dos envases domésticos en todo o país) para mellorar o depósito, recollida e posterior recuperación deste tipo de residuos no conxunto da comunidade galega. En 2023 en Galicia recuperáronse 73.687 toneladas (Tn) de envases de orixe doméstica (37.640 Tn de envases plásticos, 23.781 Tn de papel-cartón, 11.566 Tn de envases metálicos e 700 Tn de recipientes de madeira).
Foto de la tercera plana (doazons.jpg) A directora da Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos, ADOS, Marisa López, salientou que o pasado ano se rexistraron en Galicia 103.525 doazóns de sangue, das que 9.564 se corresponden a persoas que doaron por primeira vez. Estes bos resultados, que foron expostos pola directora na Comisión 5ª de Sanidade do Parlamento de Galicia, sitúan Galicia entre as comunidades máis solidarias. Este número de doazóns permitiu dar resposta e garantir o abastecemento de hemoderivados de todos os centros hospitalarios de Galicia, en todo momento, e de xeito ininterrompido.

Notas

A Asociación de amigos do Camiño de Santiago da provincia de Lugo que preside Ángel Trabada, ven de celebrar o Día das Letras Galegas en Vietnam, sendo posiblemente os primeiros galegos que celebraron o día 17 esta efeméride. Eran as 5,30 da mañá en España (10,30 en Vietnam), estando o grupo lucense percorrendo a Bahía de Halong a bordo do Amanda Cruise, cando se xuntaron para contemplar a mensaxe audiovisual enviada desde Galicia polo xornalista Xulio Xiz, membro da Asociación.
Creada para impulsar a visibilidade dos creadores máis novos, o Festival de Cans seleccionou dez curtas para a súa sección Novas Camadas, das que cinco tiveron a súa orixe na UVigo. As curtas dos estudantes Juan Ares, Anxo González, Miguel Romero e Rebeca Tella e Daniel F. Filloy, xunto co traballo de fin de grao de Manu Sacoga optarán ao premio dunha sección dirixida a cineastas menores de 25 anos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES