Notas de prensa

A unión de literatura e xogo centrará o V Congreso Internacional de Mediación Lectora

'As producións artísticas, a lectura e o xogo están unidos por numerosos elos comúns. Todos eles, desde a creatividade e a imaxinación, configuran un espazo propicio para a descuberta, a liberdade, o pensamento diverxente e a adquisición dun elenco de experiencias, que transforman a nosa percepción e favorecen os procesos de socialización'.

Deste xeito presenta a profesora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Eulalia Agrelo o que será o fío condutor do V Congreso Internacional de Mediación Lectora, que se desenvolverá no Pazo da Cultura nas tardes do 20 e o 27 de abril, así como o 4 de maio, baixo o título de Libros (tamén) para xogar. O “binomio entre literatura e xogo” e como este se fai patente no xogo infantil, na narrativa e noutras linguaxes artísticas articulan o programa dun congreso dirixido a achegar diferentes reflexións e experiencias aos diferentes axentes que exercen como “mediadores” entre os libros e a infancia e mocidade.

Inserido nas actividades do Salón do Libro Infantil e Xuvenil, o congreso recupera neste 2023 o seu formato previo á pandemia, no que as diferentes conferencias se ven complementadas por unha serie de obradoiros. “A programación é moi diversa e variada porque conta a mediación lectora desde moitas perspectivas, como son o videoxogo, a radio, o teatro, a arte, a narración oral, a poesía ou a ilustración”, sinala Agrelo dun congreso que contará coa participación de dous premios nacionais, Ismael Ramos e Ana Garralón, e coa intervención por videoconferencia do pedagogo Francesco Tonnucci. Promovido polo Concello de Pontevedra, a Vicerreitoría do campus, a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, a rede de investigación Las Literaturas Infantiles y Juveniles del Marco Ibérico e Iberoamericano (Lijmi) e o Instituto de Ciencias da Educación da USC, o congreso contará con 100 prazas e abrirá este mércores ás 12.30 horas o seu período de inscrición. Estas poden realizarse a través da web do Salón do Libro, no caso do público en xeral, mentres que o profesorado en activo deberá facelas a través da plataforma fprofe, co código P2214002.

Do xogo coas palabras á capacidade transformadora da lectura

Entre os conferenciantes desta edición atópase o Premio Nacional de Poesía Joven Ismael Ramos, que o xoves 20 centrará o primeiro relatorio do congreso nos seus “comezos no terreo poético desde o xogo coas palabras”. Tamén nesta xornada, a “capacidade transformadora da lectura” será o eixe do relatorio de Diego Alejandro Ruíz, un dos representantes do país convidado nesta edición do Salón do Libro, Colombia.

O 27 de abril, o congreso contará coa participación da Premio Nacional de Fomento da Lectura Ana Garralón, “quen se aproximará á visión da literatura como xogo”, mentres que o 4 de maio Paco Veiga e Manuela Vázquez “disertarán sobre os xogos nos libros desde a perspectiva da identidade e do patrimonio lúdico”. Esta última xornada contará tamén coa intervención de Francesco Tonnucci, “que incidirá na pertinencia e valoración do xogo”, como destaca Agrelo.

Iniciativas que levar ás aulas

Logo de varias edicións marcadas pola pandemia, o congreso recupera neste 2023 o seu programa de obradoiros, con doce propostas ao longo das súas tres xornadas, dirixidas a que “as persoas implicadas na mediación poidan enlazar o formativo, o reflexivo e o experimental”, como salienta a responsable do comité organizador. “O profesorado demanda moito este formato, que lle permite ter coñecementos prácticos de iniciativas de mediación lectora para aplicar ao seu alumnado”, engade Agrelo.

Nese senso, “as relacións entre o xogo, a palabra literaria e os diferentes soportes” serán os eixes dos talleres que impartirán Diego Alejandro Ruiz, a narradora oral colombiana Carolina Rueda e Raquel Queizás. Outras propostas focalizaranse na “ensamblaxe entre a imaxe, a creatividade o xogo”, como é o caso dos talleres de Iván R. e das artistas e profesoras da UVigo Itziar Ezqueita e Begoña Paz. Por outra banda, a actriz Esther Carrodeguas explorará a expresión teatral como xogo, mentres que o ilustrador Hematrocrítico afondará na “escritura divertida” e Ana Garralón centrará o seu obradoiro na lectura de libros informativos. Así mesmo, “o tratamento doutras linguaxes e soportes será abordado por Rede Espora, quen se centrará na radio e podcasting para a mediación lectora, e por Silvia López, quen convidará a indagar nas posibilidades dos videoxogos nas aulas”. Finalmente, literatura infantil e inclusión serán o eixe do taller impartido por Sonia Hermida, mentres que Manuela Vázquez porá o foco no xogo nos patios inclusivos.

A formación dos futuros mediadores e mediadoras

Alén dos diferentes perfís profesionais, Agrelo destaca o interese deste congreso para o alumnado da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, dado o papel que deberán xogar como mediadores e mediadoras no seu futuro como docentes. Nese senso e grazas á colaboración co Concello, estudantes do Grao en Educación Infantil participan nestas semanas nunha serie de visitas á Cova dos Libros Fantásticos, no Pazo da Cultura. A idea, na que participan diferentes grupos de estudantes da materia Didáctica da lingua e a literatura infantil, é que poidan coñecer tanto este espazo como as diferentes iniciativas que se desenvolven nel, á vez que os propios materiais que nel se reúnen, posibilitando unha “aproximación aos contextos reais” nos que se desenvolve a mediación lectora, sinala Agrelo.

Universidade de Vigo, 2023-03-28

Actualidad

Foto del resto de noticias (reciclaxe_vidro.jpg) Cada galego reciclou o ano pasado unha media de 30,3 quilos de envases domésticos lixeiros e de papel-cartón, case un 3% respecto máis que o ano anterior. Estes datos enmárcanse no traballo desenvolvido pola Xunta e Ecoembes (organización sen ánimo de lucro que coordina a reciclaxe dos envases domésticos en todo o país) para mellorar o depósito, recollida e posterior recuperación deste tipo de residuos no conxunto da comunidade galega. En 2023 en Galicia recuperáronse 73.687 toneladas (Tn) de envases de orixe doméstica (37.640 Tn de envases plásticos, 23.781 Tn de papel-cartón, 11.566 Tn de envases metálicos e 700 Tn de recipientes de madeira).
Foto de la tercera plana (doazons.jpg) A directora da Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos, ADOS, Marisa López, salientou que o pasado ano se rexistraron en Galicia 103.525 doazóns de sangue, das que 9.564 se corresponden a persoas que doaron por primeira vez. Estes bos resultados, que foron expostos pola directora na Comisión 5ª de Sanidade do Parlamento de Galicia, sitúan Galicia entre as comunidades máis solidarias. Este número de doazóns permitiu dar resposta e garantir o abastecemento de hemoderivados de todos os centros hospitalarios de Galicia, en todo momento, e de xeito ininterrompido.

Notas

A Asociación de amigos do Camiño de Santiago da provincia de Lugo que preside Ãngel Trabada, ven de celebrar o Día das Letras Galegas en Vietnam, sendo posiblemente os primeiros galegos que celebraron o día 17 esta efeméride. Eran as 5,30 da mañá en España (10,30 en Vietnam), estando o grupo lucense percorrendo a Bahía de Halong a bordo do Amanda Cruise, cando se xuntaron para contemplar a mensaxe audiovisual enviada desde Galicia polo xornalista Xulio Xiz, membro da Asociación.
Creada para impulsar a visibilidade dos creadores máis novos, o Festival de Cans seleccionou dez curtas para a súa sección Novas Camadas, das que cinco tiveron a súa orixe na UVigo. As curtas dos estudantes Juan Ares, Anxo González, Miguel Romero e Rebeca Tella e Daniel F. Filloy, xunto co traballo de fin de grao de Manu Sacoga optarán ao premio dunha sección dirixida a cineastas menores de 25 anos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES