Notas de prensa

O VI Annual Meeting do Cinbio abrirá 'un debate creativo sobre novas ferramentas para a medicina do futuro'

Como cada verán dende hai seis anos, o Cinbio, Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina, celebrará entre os días 20 e 21 de xullo o seu Annual Meeting. Esta cita, organizada polas investigadoras e investigadores de posdoutoramento do centro, ten como obxectivo reunir científicas e científicos interesados nas áreas de química, bioloxía, medicina, física, matemáticas e informática, apostando así por unha xuntanza de carácter interdisciplinario.

à fronte do comité organizador, composto por 11 científicos e científicas e dúas técnicas do Cinbio, está Jose Iglesias Prado, que explica que “o principal obxectivo do encontro é xuntar investigadoras interesadas na biomedicina e nos nanomateriais, as dúas principais liñas de investigación do centro, creando un espazo de discusión tan interdisciplinario coma a natureza do propio Cinbio. Tratamos de atraer investigadoras salientables doutros centros de investigación para que compartan o seu traballo, enriquecendo o debate científico”.

De feito, o encontro contará con oradores invitados internacionais e nacionais procedentes de disciplinas como os nanomateriais, a oncoloxía, a bioinformática, a bioestatística, a inmunoloxía, a síntese química e outras disciplinas abordadas polo Cinbio. “Queremos abrir un debate creativo sobre novas ferramentas para a medicina do futuro”, explica os organizadores, que animan “tanto a académicos como a estudantes a participar e aproveitar esta oportunidade para compartir e discutir os seus resultados”.

A previsión: arredor de 150 asistentes e 12 conferenciantes convidados

A xuntanza celebrarase no edificio de Ciencias Experimentais do campus de Vigo e será nunha modalidade totalmente presencial, sen ningunha intervención en liña, “porque consideramos que a presencialidade é fundamental para favorecer a discusión científica das conversas informais entre as charlas e motivar a interacción entre as diferentes investigadoras asistentes ao encontro”. Na pasada edición inscribíronse máis de 150 persoas, polo que a previsión para este ano é chegar ou mesmo superar esta cifra.

No que atinxe ao programa do encontro, aínda que non está completamente pechado, si o está a lista de oradoras e oradores convidados de diferentes disciplinas, un total de 12, unha cifra superior á de anos anteriores. Isto supón “un maior esforzo económico para o comité organizador”, recoñecen, “mais consideramos que contribúe a unha maior atracción de investigadoras interesadas en asistir ao congreso”.

O encargado do primeiro relatorio será o profesor Luis Liz Marzán, catedrático de Química Física da UVigo e investigador do Cinbio e do CIC biomaGUNE e experto mundial en nanopartículas metálicas plasmónicas. Na mañá da primeira xornada intervirán tamén Sara Abalde-Cela, investigadora do International Iberian Nanotechnology Laboratory de Braga e experta no desenvolvemento de plataformas optofluídicas para a diagnose do cancro; Roberto de la Torre Martínez, investigador do Karolinska Institutet de Estocolmo que desenvolve o seu traballo arredor do claustrum, unha pequena rexión do cerebro implicada nun amplo rango de funcións; e José Alemán, profesor titular na Universidad Autónoma de Madrid e experto en organocatálise, principalmente no deseño de novas reaccións. Xa pola tarde intervirán Sovan Sarkar, profesor titular na University of Birmingham, experto en autofaxia en enfermidades raras, xerando potenciais terapias para enfermidades neurodexenerativas; Manel Juan, xefe da plataforma de inmunoterapia do Hospital Clínic de Barcelona, investigador do Institut d'Investigacions August Pi i Sunyer e profesor asociado da Facultade de Medicina da Universtitat de Barcelona que investiga inmunoterapia celular e xenética para o tratamento do cancro e outras enfermidades inmuno-mediadas; e Patricia Horcajada, directora da Unidade de Materiais Porosos Avanzados da Fundación IMDEA Energía, que centra a súa actividade no deseño e síntese de novos materiais multifuncionais para a aplicación en campos estratéxicos como a enerxía, o medio ambiente e a saúde.

Na xornada do 21 xullo será a quenda de María Mayán, investigadora do Instituto de Investigación Biomédica A Coruña e experta no estudo de mecanismos moleculares implicados en procesos de dexeneración tisular, inflamación e resistencia a terapias dirixidas en cancro; Cristina Vieira, investigadora do Instituto de Investigação e Inovação em Saúde da Universidade do Porto e experta en poboación xenética, evolución molecular e bioinformática; Luz Calle, profesora titular da Universitat Politècnica de Catalunya experta en métodos estatísticos en bioinformática, xenética estatística e medicina estatística; Katherine Villa, investigadora do Instituto de Investigación Química de Cataluña experta en fotocatálise con nanomotores e Paco Fernández Trillo, investigador distinguido do Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía e da Facultade de Ciencias da Universidade da Coruña, que combina nas súas investigacións química supramolecular, peptídica e polimérica para preparar nanomateriais para biomedicina.

Un lustro de Annual Meeting

Esta será a sexta edición do Annual Meeting e, cumprido xa un lustro de xuntanzas, a valoración dos organizadores é “moi positiva”, xa que se ten consolidado “como un encontro fundamental para a discusión científica arredor da biomedicina e os nanomateriais, atraendo persoal investigador das universidades galegas e do norte de Portugal fundamentalmente. As experiencias pasadas fan que o camiño sexa máis doado, mais sempre tratamos de que o evento creza cada vez máis e tratar de ser un referente no ámbito nacional”.

Universidade de Vigo, 2023-03-27

Actualidad

Foto del resto de noticias (reciclaxe_vidro.jpg) Cada galego reciclou o ano pasado unha media de 30,3 quilos de envases domésticos lixeiros e de papel-cartón, case un 3% respecto máis que o ano anterior. Estes datos enmárcanse no traballo desenvolvido pola Xunta e Ecoembes (organización sen ánimo de lucro que coordina a reciclaxe dos envases domésticos en todo o país) para mellorar o depósito, recollida e posterior recuperación deste tipo de residuos no conxunto da comunidade galega. En 2023 en Galicia recuperáronse 73.687 toneladas (Tn) de envases de orixe doméstica (37.640 Tn de envases plásticos, 23.781 Tn de papel-cartón, 11.566 Tn de envases metálicos e 700 Tn de recipientes de madeira).
Foto de la tercera plana (doazons.jpg) A directora da Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos, ADOS, Marisa López, salientou que o pasado ano se rexistraron en Galicia 103.525 doazóns de sangue, das que 9.564 se corresponden a persoas que doaron por primeira vez. Estes bos resultados, que foron expostos pola directora na Comisión 5ª de Sanidade do Parlamento de Galicia, sitúan Galicia entre as comunidades máis solidarias. Este número de doazóns permitiu dar resposta e garantir o abastecemento de hemoderivados de todos os centros hospitalarios de Galicia, en todo momento, e de xeito ininterrompido.

Notas

A Asociación de amigos do Camiño de Santiago da provincia de Lugo que preside Ãngel Trabada, ven de celebrar o Día das Letras Galegas en Vietnam, sendo posiblemente os primeiros galegos que celebraron o día 17 esta efeméride. Eran as 5,30 da mañá en España (10,30 en Vietnam), estando o grupo lucense percorrendo a Bahía de Halong a bordo do Amanda Cruise, cando se xuntaron para contemplar a mensaxe audiovisual enviada desde Galicia polo xornalista Xulio Xiz, membro da Asociación.
Creada para impulsar a visibilidade dos creadores máis novos, o Festival de Cans seleccionou dez curtas para a súa sección Novas Camadas, das que cinco tiveron a súa orixe na UVigo. As curtas dos estudantes Juan Ares, Anxo González, Miguel Romero e Rebeca Tella e Daniel F. Filloy, xunto co traballo de fin de grao de Manu Sacoga optarán ao premio dunha sección dirixida a cineastas menores de 25 anos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES