Notas de prensa

O proxecto Eagle avaliará o uso de drons para o mantemento dos parques eólicos mariños

Desde o pasado mes de novembro, un equipo liderado desde a Universidade de Vigo e con participación da Universidade da Coruña e do Centro Avanzado de Tecnologías Aeroespaciales Catec, está a desenvolver o proxecto Eagle, de Dixitalización do espazo aéreo e mariño para o despregue de sistemas aéreos non tripulados aplicados ao mantemento de parques eólicos offshore.

O seu obxectivo é avanzar no uso de drons en operacións de mantemento de parques eólicos situados no mar.

A iniciativa está financiada polo programa de Transición Ecolóxica e Dixital (TED) do Ministerio de Ciencia e Innovación e a súa coordinación recae en Higinio González e Elena Martín, persoal docente e investigador da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e membros do novo Instituto de Física e Ciencia Aeroespacial do campus de Ourense. A participación da Universidade da Coruña está liderada polo investigador Marcos Míguez e a do Centro Avanzado de Tecnologías Aeroespaciales Catec, da Fundación Andaluza para el Desarrollo Aeroespacial, por Antidio Viguria. O proxecto desenvolverase ata novembro de 2024.

Potencialidades e complexidades

Eagle, explican desde a súa organización, “céntrase en abordar a problemática das operacións de mantemento en parques eólicos offshore e a posibilidade de utilizar aeronaves non tripuladas”. A produción de enerxía eólica nestes parques situados no mar, detallan, “tense multiplicado exponencialmente no último lustro e prevese que se siga incrementando durante os próximos anos, para contribuír tamén a alcanzar os obxectivos climáticos e de descarbonización da produción eléctrica”. Neste ámbito, engaden, “Galicia é unha comunidade autónoma que presenta gran potencial”.

O Pacto Verde Europeo, comenta o equipo do proxecto, “transformará a UE nunha economía competitiva e eficiente no uso de recursos para deter o cambio climático e a degradación do medio ambiente” e “o cumprimento de ambiciosos obxectivos como a eliminación das emisións netas de gases de efecto invernadoiro para 2050 e o crecemento económico desvinculado do uso de recursos naturais, require, entre outros, aumentar as instalacións de enerxía eólica mariña dos 12 GW instalados ata 2020 a 300 GW en 2050”. Para poder lograr este reto, apuntan, “a enerxía eólica offshore debe continuar mellorando e reducindo os seus elevados custos de operación e mantemento, xerados principalmente polas condicións ambientais complexas, e en ocasións hostís, do mar”.

Segundo afirman desde o proxecto Eagle, “o mantemento é unha das operacións máis custosas dentro da explotación das infraestruturas eólicas offshore e as aeronaves non tripuladas poden contribuír tanto na inspección da infraestrutura como na realización de operacións de tipo loxístico”. O incipiente uso de drons en tarefas de inspección e loxística, detallan, resulta interesante debido á rapidez de despregamento, á seguridade ao evitar usar operarios en altura, á facilidade de dixitalización de certas accións e á accesibilidade para persoas de mobilidade reducida. No entanto, engaden, presenta tamén certas complexidades que serán abordadas durante o proxecto, como por exemplo a dificultade de aterraxe e despegue autónomo sobre plataformas flotantes e o voo na proximidade ou en contacto cunha estrutura.

Visión multidisciplinar

Neste marco de traballo, no proxecto estúdanse, entre outros elementos, a influencia da meteoroloxía nas operacións a escala pequena (micro-weather); a interacción entre aeronaves non tripuladas e estruturas flotantes, como as propias turbinas eólicas e os barcos de apoio; a planificación automática de rutas ou aspectos relativos á normativa aeronáutica aplicable. Eagle, afirma o equipo promotor, aposta por unha visión multidisciplinar, combinando especialistas en modelado xeoespacial, meteorolóxico e CFD (Universidade de Vigo), con especialistas no ámbito das aeronaves non tripuladas (Catec) e na dinámica de plataformas flotantes como barcos de apoio ou turbinas eólicas offshore (Universidade da Coruña).

Concretamente, o equipo da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo da Universidade de Vigo centrarase no modelado xeoespacial da contorna de operación, tanto a nivel aéreo como mariño, e na dixitalización do espazo aéreo e mariño do parque eólico offshore e os seus barcos de apoio, de cara a integrar esta información cos modelos de control das aeronaves non tripuladas e cos de infraestruturas flotantes implicadas na operativa do parque eólico. Os modelos empregados por este equipo permitirán realizar unha predición rápida e detallada do mapa de vento local (intensidade e dirección de vento, ronseis e turbulencia) en función das previsións meteorolóxicas no emprazamento e obter a altura, frecuencia e dirección das ondas do mar.

O equipo da Universidade da Coruña integrará esta información en modelos dinámicos das estruturas flotantes implicadas no proxecto (embarcacións de apoio e aeroxeradores mariños). “Desta forma, será posible determinar os movementos da estrutura flotante en función da velocidade e dirección do vento e ondas, así como cal é a mellor estratexia para que un dron interactúe con ela para unha inspección e operación de loxística”, sinalan desde o proxecto. Pola súa banda, Catec centrarase nas aeronaves non tripuladas empregadas nas operacións de inspección e loxística. “Debido ás condicións ambientais existentes nun parque eólico offshore, é necesario desenvolver novos enfoques de control que permitan aumentar a capacidade operativa dos drons: control de voo en interior de ronseis de aire xerados tras as estruturas, algoritmos de despegue e aterraxe precisos, así como algoritmos de planificación de misións, tanto na fase de aproximación á turbina como durante as operacións na súa proximidade”, afirman por último desde o proxecto Eagle.

Universidade de Vigo, 2023-02-22

Actualidad

Foto del resto de noticias (reciclaxe_vidro.jpg) Cada galego reciclou o ano pasado unha media de 30,3 quilos de envases domésticos lixeiros e de papel-cartón, case un 3% respecto máis que o ano anterior. Estes datos enmárcanse no traballo desenvolvido pola Xunta e Ecoembes (organización sen ánimo de lucro que coordina a reciclaxe dos envases domésticos en todo o país) para mellorar o depósito, recollida e posterior recuperación deste tipo de residuos no conxunto da comunidade galega. En 2023 en Galicia recuperáronse 73.687 toneladas (Tn) de envases de orixe doméstica (37.640 Tn de envases plásticos, 23.781 Tn de papel-cartón, 11.566 Tn de envases metálicos e 700 Tn de recipientes de madeira).
Foto de la tercera plana (doazons.jpg) A directora da Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos, ADOS, Marisa López, salientou que o pasado ano se rexistraron en Galicia 103.525 doazóns de sangue, das que 9.564 se corresponden a persoas que doaron por primeira vez. Estes bos resultados, que foron expostos pola directora na Comisión 5ª de Sanidade do Parlamento de Galicia, sitúan Galicia entre as comunidades máis solidarias. Este número de doazóns permitiu dar resposta e garantir o abastecemento de hemoderivados de todos os centros hospitalarios de Galicia, en todo momento, e de xeito ininterrompido.

Notas

A Asociación de amigos do Camiño de Santiago da provincia de Lugo que preside Ãngel Trabada, ven de celebrar o Día das Letras Galegas en Vietnam, sendo posiblemente os primeiros galegos que celebraron o día 17 esta efeméride. Eran as 5,30 da mañá en España (10,30 en Vietnam), estando o grupo lucense percorrendo a Bahía de Halong a bordo do Amanda Cruise, cando se xuntaron para contemplar a mensaxe audiovisual enviada desde Galicia polo xornalista Xulio Xiz, membro da Asociación.
Creada para impulsar a visibilidade dos creadores máis novos, o Festival de Cans seleccionou dez curtas para a súa sección Novas Camadas, das que cinco tiveron a súa orixe na UVigo. As curtas dos estudantes Juan Ares, Anxo González, Miguel Romero e Rebeca Tella e Daniel F. Filloy, xunto co traballo de fin de grao de Manu Sacoga optarán ao premio dunha sección dirixida a cineastas menores de 25 anos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES